DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 27 de xullo de 2023 Páx. 46110

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Bustelo e Baralláns, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (expediente IN408A/2020/061).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bustelo e Baralláns.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, EDP Renovables España, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 212.594 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde do 5 de xuño de 1995, da Consellería de Industria e Comercio (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde do 23 de xaneiro de 2009, da Consellería de Innovación e Industria, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.3.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización de Redes de Telecomunicacións Galegas S.A. (Retegal) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución, así como o contrato definitivo asinado con Retevisión I, S.A.U.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.3.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 24.4.2020, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Bustelo e Baralláns, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña).

2. O 23.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 30.11.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. O 2.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33 da Lei 8/2009.

4. O 15.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros regulada no punto 2.1.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

5. O 3.8.2021, EDP Renovables España, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado Parque eólico Bustelo e Baralláns ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, consistente en forma xeral no cambio de posición dos aeroxeradores e da subestación do parque. O 1.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

6. O 1.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

7. O 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, onde indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

8. O 23.5.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Bustelo e Baralláns á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

9. Mediante o Acordo do 1 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Bustelo e Baralláns, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (expediente IN408A 2020/61).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 9 de setembro de 2022 (DOG núm. 172). Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cabana de Bergantiños e Coristanco) e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Deputación Provincial da Coruña, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Telefónica de España, S.A., Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retevisión I, S.A.U. o 13.10.2022, Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 19.10.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 6.10.2022, o 23.12.2022 e o 22.2.2023, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 27.2.2023, Deputación da Coruña, Estradas do Estado en Galicia o 15.9.2022, Concello de Cabana de Bergantiños o 30.9.2022 e Concello de Coristanco o 28.10.2022.

Retevisión I, S.A.U. emitiu o 13.2.2023 condicionado relativo ao parque eólico. O 14.6.2023, o promotor achega acordo asinado coa empresa Retevision I, S.A.U. do 8.6.2023 en que se comprometen a executar o parque eólico mantendo a calidade do sinal. Ambas as partes comprométense a asinar un posterior contrato en que regulen de forma definitiva e detalladamente a solución técnica consensuada e o prazo de execución.

O Concello de Coristanco emitiu un informe en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, urbanístico e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións ao patrimonio cultural e á hidrografía entre outros). Ao respecto destas, hai que indicar o seguinte: existe informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, as outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e a aprobación do proxecto de interese autonómico pendente de resolver).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

11. O 28.2.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

12. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

Formalizada a tramitación ambiental, o 16.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 63, do 30 de marzo).

13. O 23.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

14. O 31.3.2023, EDP Renovables España, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior onde indica que o proxecto de execución presentado o 15.3.2023, «Parque eólico Bustelo e Baralláns. Modificado substancial do proxecto de execución. Modificado», asinado electronicamente o 14.3.2023 por María José Prieto Rocha colexiada nº 2719 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias e visado polo mesmo colexio co nº 20230402V, recolle a configuración final do parque que incorpora os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública.

15. O 17.4.2023, o promotor presentou unha declaración responsable en que indica que non é necesario a entrega de novas separatas técnicas.

16. O 22.5.2023, a Xefatura Territorial da Coruña requiriulle á promotora en relación co contido do proxecto de execución refundido. O 2.6.2023, o promotor achegou o proxecto de execución «Parque eólico Bustelo e Baralláns. Modificado substancial do proxecto de execución. Modificado», asinado electronicamente o 2.6.2023 por María José Prieto Rocha colexiada nº 2719 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias e visado polo mesmo colexio co nº 20230883V.

17. O 24.5.2023, o promotor presentou ante esta dirección xeral autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 23.9.2022.

18. O 12.6.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo sexto.

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 49,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 21.8.2020 e do 7.6.2022.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais