DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 27 de xullo de 2023 Páx. 46089

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Bustelo e Baralláns, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. (expediente IN408A/2020/061).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de EDP Renovables España, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bustelo e Baralláns, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 24.4.2020, o promotor, EDP Renovables España, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Bustelo e Baralláns, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña).

Segundo. O 23.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 30.11.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 2.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo de acordo co previsto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Cuarto. O 15.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros regulada no punto 2.1.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Quinto. O 3.8.2021, EDP Renovables España, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado Parque eólico Bustelo e Baralláns ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental, consistente en forma xeral no cambio de posición dos aeroxeradores e da subestación do parque. O 1.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Sexto. O 1.4.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33 da Lei 8/2009.

Sétimo. O 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, onde indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

Oitavo. O 23.5.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Bustelo e Baralláns á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Noveno. Mediante o Acordo do 1 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Bustelo e Baralláns, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (expediente IN408A 2020/61).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 9 de setembro de 2022 (DOG núm. 172). Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cabana de Bergantiños e Coristanco) e nas dependencias da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Deputación Provincial da Coruña, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Telefónica de España, S.A., Unión Fenosa Distribución Electridad, S.A. (UFD), Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retevisión I, S.A.U. o 13.10.2022, Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa o 19.10.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 6.10.2022, o 23.12.2022 e o 22.2.2023, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 27.2.2023, Deputación da Coruña, Estradas do Estado en Galicia o 15.9.2022, Concello de Cabana de Bergantiños o 30.9.2022 e Concello de Coristanco o 28.10.2022.

Retevisión I, S.A.U. emitiu o 13.2.2023 condicionado relativo ao parque eólico. O 14.6.2023, o promotor achega acordo asinado coa empresa Retevisión I, S.A.U. do 8.6.2023 en que se comprometen a executar o parque eólico mantendo a calidade do sinal. Ambas as partes comprométense a asinar un posterior contrato en que regulen de forma definitiva e detalladamente a solución técnica consensuada e o prazo de execución.

O Concello de Coristanco emitiu un informe en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, urbanístico e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións ao patrimonio cultural e á hidrografía entre outros). Ao respecto destas, hai que indicar o seguinte: existe informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, as outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e a aprobación do proxecto de interese autonómico pendente de resolver).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. O 28.2.2023, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Deputación Provincial da Coruña, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Instituto de Estudos do Territorio, Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Concello de Cabana de Bergantiños e Concello de Coristanco.

Formalizada a tramitación ambiental, o 16.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 17 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 63, do 30 de marzo).

Décimo terceiro. O 23.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo cuarto. O 31.3.2023, EDP Renovables España, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior onde indica que o proxecto de execución presentado o 15.3.2023, «Parque eólico Bustelo e Baralláns. Modificado substancial do proxecto de execución. Modificado», asinado electronicamente o 14.3.2023 por María José Prieto Rocha colexiada nº 2719 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias e visado polo mesmo colexio co nº 20230402V, recolle a configuración final do parque que incorpora os cambios consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública.

Décimo quinto. O 17.4.2023, o promotor presentou unha declaración responsable en que indica que non é necesario a entrega de novas separatas técnicas.

Décimo sexto. O 22.5.2023, a Xefatura Territorial da Coruña requiriulle á promotora en relación co contido do proxecto de execución refundido. O 2.6.2023, o promotor achegou o proxecto de execución «Parque eólico Bustelo e Baralláns. Modificado substancial do proxecto de execución. Modificado», asinado electronicamente o 2.6.2023 por María José Prieto Rocha colexiada nº 2719 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias e visado polo mesmo colexio co nº 20230883V.

Décimo sétimo. O 24.5.2023, o promotor presentou ante esta dirección xeral autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 23.9.2022.

Décimo oitavo. O 12.6.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto refundido do parque eólico do antecedente de feito décimo sexto.

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 49,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 21.8.2020 e 7.6.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 7.6.2023, a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen as respostas destas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico contén unha avaliación de efectos sinérxicos cunha zona de estudo nun radio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto Silvarredonda, Mouriños, Fontesilva, Monte Toural, Bustelo, Fontesilva Ampliación, Zas Repotenciación, Campelo, Alto Torreiro, Monte Agrelo e Muriño, Monte Neme, Varilongo, Salgueiras, O Cerqueiral e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013 «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións. No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.3.2023, onde se considera que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo dese documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles prevalecerá o disposto na DIA. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco, Deputación Provincial da Coruña, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Planificación e Ordenación Forestal, de Defensa do Monte, de Desenvolvemento Rural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

c) O organismo Augas de Galicia informou o 19.10.2022 que se conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no informe. Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán considerarse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas nos documentos sometidos a informe.

d) No expediente consta informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 4.1.2023, favorable condicionado á presentación con carácter previo ao inicio das obras de documentación en relación co emprego do hexafluoruro de xofre (SF6) nos equipos eléctricos. Con respecto ao efecto pestanexo, deberá indicar as medidas correctoras nos casos en que se supera o limiar establecido de 8h/ano e considerar, de non ser suficientes esas medidas propostas, a posibilidade de acometer paradas técnicas para garantir o cumprimento dos limiares. Con respecto ás augas residuais/verteduras deberá referir a dispoñibilidade de pozos para a recollida de posibles fugas de aceite baixo os transformadores dos aeroxeradores, así como medidas de seguimento e control ao respecto.

e) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 15.11.2022 que a instalación do parque eólico ocupará montes privados de particulares, sen que resulten afectados montes públicos demaniais ou patrimoniais, veciñais en man común, masas consolidadas de frondosas autóctonas ou infraestruturas forestais relevantes.

Para a determinación das afeccións haberá que ter en conta o cumprimento das distancias de plantación do anexo II da Lei 7/2012 de montes de Galicia, a delimitación de faixas de biomasa consonte os artigos 20 e 20 bis da Lei 3/2007, e na xestión de corta de madeira haberá que ter en conta o establecido no Decreto 73/2020.

O 11.11.2022, a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe favorable, tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións do informe de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais, etc.).

f) No expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 4.11.2022 e 17.1.2023 que conclúen que a incidencia do parque eólico non supón impacto crítico, pero deberán terse en conta as medidas do informe, de construción, medidas de integración paisaxística con sebe vexetal, de especies autóctonas e adecuadas. No caso de existir preocupación social, estudaranse medidas de plantacións arbóreas nas proximidades dos núcleos. O proxecto provocará un impacto paisaxístico derivado da intrusión visual pero o seu impacto non é crítico.

En canto á incidencia visual desde os núcleos rurais, deberán adoptarse medidas necesarias para reducir ou mitigar o seu impacto visual. Estudarase a posibilidade de plantacións arbóreas consensuadas cos habitantes.

g) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 27.2.2023 un informe desfavorable ao vieiro proxectado para dar acceso á torre anemométrica e ao aeroxerador BB-01, en que se prohiben as obras na zona de protección da Mámoa de Bustelo (GA15014069). Deberá de valorarse o topónimo Medoña do Medio (TO15014014), que non se tivo en conta no estudo arqueolóxico, para verificar se se trata ou non dun xacemento arqueolóxico. No caso de que se determine o seu carácter patrimonial, todas as obras deberán quedar situadas a máis de 200 metros do seu límite exterior.

Deberá valorarse o interese patrimonial do punto marcado como 640 no artigo Hybrid MSRM-based deep learning and multitemporal Senti-nel-2- based machine learning algorithm detects near 10k ar-chaeological tumuli in North-western Iberia, situado nas coordenadas UTM (EPSG: 25829-ETRS89/UTM zone 29N) X=515.528 Y=4.779.898, no caso de que se trate dun xacemento arqueolóxico, deberá modificarse tanto o vieiro como a gabia que dan servizo á máquina BB-04, que deberían de quedar situadas a máis de 200 metros do límite exterior do elemento. No caso de atoparnos ante un simple afloramento, as obras poderán manter o actual deseño.

Para o resto de infraestruturas informa de xeito favorable, coas medidas correctoras establecidas na avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural do anexo 4 do EIA, e deberase, en todo caso, ter en conta o condicionado que se establece.

h) En relación coa posible contaminación lumínica provocada polo balizamento dos aeroxeradores, a instalación das balizas luminosas é unha imposición da normativa de seguridade aérea, tal e como establece a Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

i) En canto ao Plan de vixilancia ambiental proposto, ás metodoloxías de seguimento e ás recomendacións para reducir o impacto ambiental recollidas no proxecto, estas están adaptadas ao contexto específico.

j) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito.

k) No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 20.4.2022, recóllese que: «comprobados os planeamentos vixentes nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal de Cabana de Bergantiños aprobado definitivamente o 9.6.1999 e Plan xeral de ordenación municipal de Coristanco aprobado definitivamente o 3.12.2015) e as coordenadas dos 6 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

l) En canto á cualificación do solo tras a aprobación do proxecto de interese autonómico (PIA), o artigo 34.4 da Lei 2/2016 do solo de Galicia non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

m) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo do 1.9.2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Bustelo e Baralláns, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (expediente IN408A 2020/61).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco, na Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, así como no Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

n) Con respecto ás instalacións de evacuación, a Lei 23/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e a súa normativa de desenvolvemento establecen que as infraestruturas de evacuación formarán parte das instalacións de produción eléctrica, pero en ningún caso obrigan a que a tramitación e autorización de ambas as instalacións deba realizarse necesariamente de forma conxunta. Tanto a Lei 24/2013, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

ñ) En relación coa ausencia de publicación dunha relación de bens e dereitos afectados, a presentación desa RBDA polo promotor do parque eólico é unha exixencia legal soamente no caso de solicitude da declaración de utilidade pública, cuestión que non se dá neste expediente, sen prexuízo do dereito do promotor a promover a dita declaración no caso de que non acade un acordo amigable cos propietarios dos predios afectados pola instalación.

o) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

p) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, que deberán ser compensadas axeitadamente polo promotor aos titulares dos terreos afectados.

q) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

r) En canto á pretendida saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia e falta de xustificación da necesidade do parque eólico, os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.

Existe unha falsa percepción sobre que a potencia eléctrica instalada actualmente proveniente de enerxías renovables é suficiente para cubrir as necesidades enerxéticas de Galicia; neste senso, segundo o recente informe «O sector enerxético galego: presente e futuro» elaborado polo Consello Económico e Social de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña, o 75 % dos recursos enerxéticos de Galicia son importados.

Non obstante, cómpre expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 16.3.2023, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 24/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Bustelo e Baralláns, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 16.3.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, proponse formular a declaración de impacto ambiental nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Bustelo e Baralláns.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Bustelo e Baralláns, sito nos concellos de Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña) e promovido por EDP Renovables España, S.L.U. , para unha potencia de 36 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Bustelo e Baralláns, composto polo documento «Parque eólico Bustelo e Baralláns. Modificado substancial do proxecto de execución. Modificado», asinado electronicamente o 2.6.2023 por María José Prieto Rocha colexiada nº 2719 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias e visado polo mesmo colexio co nº 20230883V.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: EDP Renovables España, S.L.U.

Domicilio social: rúa Serrano Galvache, 56-3º andar, Edificio Encina, Parque Empresarial Parque Norte, 28033 Madrid.

Denominación: parque eólico Bustelo e Baralláns.

Potencia instalada: 36 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 36 MW.

Produción neta: 112.700 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.131 h.

Concellos afectados: Cabana de Bergantiños e Coristanco (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 30.116.575,94 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

V01

515.400,00

4.784.960,00

V02

517.370,00

4.783.390,00

V03

517.370,00

4.782.550,00

V04

513.750,00

4.783.250,00

V05

513.750,00

4.781.200,00

V06

516.150,00

4.780.400,00

V07

516.150,00

4.780.020,00

V08

514.670,00

4.779.290,00

V09

513.170,00

4.779.290,00

V10

512.630,00

4.783.640,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

BB-01

513.492,03

4.780.714,47

BB-02

514.531,33

4.780.648,22

BB-03

514.917,79

4.780.477,07

BB-04

515.890,76

4.780.210,55

BB-05

514.336,86

4.783.520,09

BB-06

515.358,73

4.784.648,61

Coordenadas da subestación:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

V01

512.954,00

4.783.506,00

V02

513.016,00

4.783.522,00

V03

513.037,00

4.783.445,00

V04

512.975,00

4.783.429,00

Coordenadas das torres meteorolóxica e de comunicacións:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM-BB

513.495,00

4.780.359,00

TC

513.042,00

4.783.463,00

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores modelo SG 5-155 fabricante Siemens Gamesa ou similar, de 6 MW de potencia unitaria. Aeroxeradores con velocidade variable que teñen unha altura ata a buxa de 122,5 m e 155 m de diámetro de rotor.

– 6 centros de transformación, un dentro de cada aeroxerador, tipo seco de potencia unitaria 6.500 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV, coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada, a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora do parque de 30/220 kV, composta por dous circuítos con condutores tipo RHZ1 18/30 AL, de seccións 95, 240, 400, 630 mm² de aluminio.

– Rede de terras xeral de modo que as instalacións electromecánicas e subestación do parque eólico formen un conxunto equipotencial. A rede de terras dos aeroxeradores consistirá en dous aneis formados por cable espido de 70 mm² de sección, o inferior situado ao redor da zapata, en contacto directo co terreo, e o superior sobre ela, arredor do pedestal e a 0,5 mm de profundidade. A rede de terras da subestación consistirá nun cable de Cu de 120 mm².

– Rede de comunicacións constituída por condutor de fibra óptica.

– Unha torre meteorolóxica de 122,5 m.

– A subestación SET PE Bustelo e Baralláns 220/30 kV coa seguinte configuración:

• Sistema de 220 kV (simple barra-intemperie).

- Dúas posicións de liña 220 kV.

- Unha posición de transformador de potencia 220/30 kV.

- Un transformador de potencia trifásico 75/100 MVA.

• Sistema de 30 kV (intemperie).

- Un transformador de servizos auxiliares de illamento en aceite, de potencia nominal 100 kVA, relación de transformación de 30/0,42 kV.

- Unha reactancia trifásica de posta a terra na saída de 30 kV do transformador de potencia.

- Dúas baterías de condensadores en intemperie baixo envolvente de aluminio con interruptor automático tripolar con polos decalados e transformador de intensidade (unha delas instalarase no futuro).

• Sistema de 30 kV (interior).

- 4 celas de protección entrada/saída de liña (2 delas instalaranse no futuro).

- 1 cela de protección de secundario de transformador de potencia.

- 1 cela de protección de secundario de transformador de potencia (cela de reserva).

- 1 cela de protección de transformador de servizos auxiliares.

- 1 cela de medida de tensión de barras.

- 2 celas de baterías de condensadores (unha delas instalarase no futuro).

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, EDP Renovables España, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 212.594 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.3.2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, de acordo cos puntos 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización de Redes de Telecomunicacións Galegas, S.A. (Retegal) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución, así como o contrato definitivo asinado con Retevisión I, S.A.U.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 16.3.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais