Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Martes, 11 de xullo de 2023 Páx. 42736

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Gondomar (expediente IN407A 2022/475-4).

Expediente: IN407A 2022/475-4.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS VAA708, CTC O Fouco.

Concello: Gondomar.

Feitos:

Primeiro. O 22 de novembro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica denominada LMTS VAA708, CTC O Fouco.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade resolver os problemas de subtensións no lugar do Fouco, en Gondomar, mediante a instalación dun centro de transformación de 250 kVA e unha liña de media tensión subterránea de 954 metros para alimentar o centro de transformación.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Gondomar, a Deputación Provincial de Pontevedra, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Servizo do Patrimonio Cultural e o Concello de Gondomar.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 21 de decembro de 2022 esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 16 de marzo de 2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 22 de marzo de 2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 21 de decembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 17 de xaneiro de 2023.

– Xornal Faro de Vigo: 12 de xaneiro de 2023.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Gondomar do 17 de xaneiro de 2023 ata o 28 de febreiro de 2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.

Quinto. O 24 de marzo de 2023, para atender as recomendacións do Concello de Gondomar, UFD achegou unha actualización das afeccións da única parcela afectada, presentando unha nova relación de bens e dereitos.

Sexto. Mediante escrito do 14 de abril de 2023, esta xefatura territorial notificou as novas afeccións á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos actualizada pola empresa promotora.

Como non foi posible efectuar a notificación, publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia do 7 de xuño de 2023 e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado do 13 de xuño de 2023, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Sétimo. Non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 954 metros de lonxitude, con orixe e final nas arquetas proxectadas na LMTS existente VAA7080750, facendo entrada e saída no centro de transformación proxectado.

– Centro de transformación a 250 kVA, con RT 20 kV/400 V, compacto de manobra exterior en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT, situado no lugar do Fouco, na parcela con referencia catastral 1528925NG2612N0001GM.

– A instalación está situada no Fouco, Chaín, no concello de Gondomar (Pontevedra).

Conforme o indicado,

Resolvo:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS VAA708, CTC O Fouco (expediente IN407A 2022/475-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 19 de xuño de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra