Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 10 de xullo de 2023 Páx. 42573

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Pazos de Borbén (expediente IN407A 2023/185-4).

Expediente: IN407A 2023/185-4.

Solicitante: Eléctrica de Moscoso, S.L.

Denominación: LMTS, DC e CT Amoedo a CT Amoedo II e a LMT, LP Amoedo.

Concello: Pazos de Borbén.

Feitos:

Primeiro. O 23 de marzo de 2023, Eléctrica de Moscoso, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS, DC e CT Amoedo a CT Amoedo II e a LMT, LP Amoedo.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dunha liña de media tensión subterránea en simple e dobre circuíto entubada en gabia de 749 metros, que enlazará o centro de transformación (CT) Amoedo AMC041 co CT Amoedo II EMC41H e, pola súa vez, este centro de transformación coa MT LP Amoedo tramo II, conseguindo integrar o CT Amoedo II na liña principal Amoedo mediante o bucle de entrada/saída coa instalación de dúas novas celas de liña motorizadas e telemandadas.

A raíz destas obras conséguese dotar o polígono de Chan de Amoedo dun peche en anel.

As actuacións están previstas nos lugares da Igrexa e O Carballiño, na parroquia de Amoedo, no concello de Pazos de Borbén (Pontevedra).

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pazos de Borbén e a Axencia Galega de Infraestruturas.

Os organismos non emitiron os condicionados técnicos; en consecuencia, enténdese a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea a 20 kV, con condutor RHZ1, en simple e dobre circuíto, de 1.456 metros de lonxitude total (1.366 dc e 90 sc), con orixe no centro de transformación Amoedo (EMC041), mediante un paso aero-subterráneo, e final no apoio proxectado na LMT principal Amoedo tramo II, mediante outro paso aero-subterráneo, facendo entrada e saída no centro de transformación Amoedo II EMC41H.

– Reforma do centro de transformación Amoedo II (EMC41H), consistente na instalación de dúas celas de liña motorizadas e telecontroladas.

– A instalación está situada nos lugares da Igrexa e O Carballiño, na parroquia de Amoedo, no concello de Pazos de Borbén. (Pontevedra).

Conforme o indicado,

resolvo:

Primeiro. Outorgar a Eléctrica de Moscoso, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, DC e CT Amoedo a CT Amoedo II e a LMT, LP Amoedo (expediente IN407A 2023/185-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Eléctrica de Moscoso, S.L. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Pontevedra, 14 de xuño de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra