Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 10 de xullo de 2023 Páx. 42571

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente nun módulo de mestura e inxección, na rede de distribución de gas natural en Lugo, do hidróxeno verde producido no Centro de Innovación Norvento Enerxía en Lugo, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2023/3-0).

En cumprimento do disposto no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista que se describe:

Solicitante: Nedgia Galicia, S.A. (NIF A15383284).

Domicilio para os efectos de notificación: rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Infraestrutura gasista: proxéctase a implantación dun sistema de inxección de hidróxeno verde, producido no Centro de Innovación Norvento Enerxía (CINE), na rede de distribución de gas natural no termo municipal de Lugo. Tamén se proxecta a construción dunha canalización (obxecto doutro proxecto) para a conexión deste módulo coa rede de gas natural.

O módulo de inxección, que se instalará nunha parcela do CINE de Norvento (referencia catastral 7765909PH1676N0001BL), está deseñado para mesturar, regular, medir e controlar a inxección de hidróxeno na rede de distribución de gas natural de forma que a mestura sexa entre 0,5-5 %v/v de hidróxeno, en cumprimento das especificacións de calidade do número 4 da Resolución do 8 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se modifican as normas de xestión técnica do sistema NGTS-06, NGTS-07 e os protocolos de detalle PD-01 e PD-02. Os parámetros e condicións serán os seguintes:

– Subministración de hidróxeno por parte de Norvento: 30 barg.

– Fluxo máximo de hidróxeno: 27,81 Nm3/h.

– Fluxo máximo de gas natural: 4.437,45 Nm3/h.

– Pureza do hidróxeno: 99,99 %.

– Presión da rede de gas natural: 4 barg.

– Concentración final de hidróxeno con respecto ao gas natural: 0,5-5 % v/v.

– Temperatura ambiente: 25 °C.

Situación: concello de Lugo.

Documentación que se expón:

– Proxecto da referida infraestrutura gasista, asinado o 21.4.2023 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25.430 do COITIM).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou as observacións que consideren oportunas no prazo de vinte (20) días, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A documentación poderase examinar na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), na Xefatura Territorial de Lugo da dita consellería (rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo), e no Portal de transparencia desta consellería a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-gas

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais