Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 10 de xullo de 2023 Páx. 42463

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 105/2023, do 29 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Fene dun treito antigo da estrada AC-133, xunto coa súa franxa de dominio público viario (DPV) e pasarela peonil existente sobre a liña do ferrocarril.

Segundo o previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou tramos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Fene solicita o cambio de titularidade dun treito antigo da estrada AC-133, desde o p.q. 2+030 ao p.q. 2+650, denominado rúa Pablo Areas Feal, en Barallobre.

A estrada AC-133 ten unha lonxitude de 10.140 metros e está categorizada funcionalmente como rede local polo Catálogo da Raega.

O treito solicitado polo Concello de Fene sitúase na marxe dereita da estrada autonómica AC-133, con inicio no seu p.q. 2+030 e final no p.q. 2+650, e non presenta continuidade ao estar cortado pola liña do ferrocarril. Este treito antigo carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia e está definido en dous treitos, antes e despois da liña do ferrocarril, respectivamente:

– Treito 1.1: treito antigo da AC-133, de 117 metros.

Inicio no p.q. 2+030 marxe dereita AC-133 (UTM ETRS89 fuso 29: x= 565.778/y= 4.812.925).

Final na plataforma ferrocarril beira leste (UTM ETRS89 fuso 29: x= 565.688/y= 4.812.852).

– Treito 1.2: treito antigo da AC-133, de 466 metros.

Inicio na plataforma ferrocarril beira oeste (UTM ETRS89 fuso 29: x= 565.674/y= 4.812.830).

Final no p.q. 2+650 marxe dereita da AC-133 (UTM ETRS89 fuso 29: x= 565.526/y= 4.812.417).

A Axencia Galega de Infraestruturas, vistos os informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1, xunto co seu dominio público viario (DPV), excluíndo a superficie da plataforma ferroviaria.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xuño de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Fene do treito antigo da estrada AC-133, xunto coa súa franxa de dominio público viario (DPV); inclúese no cambio de titularidade a pasarela peonil existente sobre a liña do ferrocarril:

Treito antigo

Estrada

Inicio do treito

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

Final do treito

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

Lonx. (m)

Superficie (m2)

1.1

Treito antigo AC-133

2+030 MD da AC-133

x= 565.778

y= 4.812.925

Plataforma ferrocarril beira leste

x= 565.688

y= 4.812.852

117

1.427

1.1

Plataforma ferrocarril beira oeste

x= 565.674

y= 4.812.830

2+650 MD da AC-133

X= 565.526

y= 4.812.417

466

5.607

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Fene deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír os cambios de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Fene, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación dos treitos transferidos, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade