Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 10 de xullo de 2023 Páx. 42466

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 106/2023, do 29 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito da estrada OU-1021 Verín (N-525)-Arcucelos (OU-113), comprendido entre os punto quilométricos 0+000 e 0+536, a prol do Concello de Verín.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Verín solicitou á Deputación Provincial de Ourense o inicio do procedemento de transferencia de titularidade do treito urbano da estrada OU-1021 Verín (N-525)- Arcucelos (OU-113), desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+536, de titularidade da Deputación Provincial de Ourense.

O Pleno da Corporación Provincial de Ourense, na sesión ordinaria do día 31 de marzo de 2023, aceptou o cambio de titularidade proposto.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que o treito da estrada OU-1021 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente, a través da rede de estradas da Administración cedente ou da rede de estradas de titularidade de administracións de maior ámbito territorial, polo que se formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xuño de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade do treito da estrada a prol do Concello de Verín:

Clave

Denominación

p.q.i

Coordenadas UTM29 (ETRS89)

p.q.f

Coordenadas UTM29 (ETRS89)

OU-1021

Verín (N-525)-Arcucelos (OU-113)

0+000

X=629.051,77

Y=4.644.348,76

0+536

X=629.079,53

Y=4.644.875,33

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre o Concello e a Deputación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Verín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade