Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2023 Páx. 42142

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 29 de xuño de 2023 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Orde do 19 de abril de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2023 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Mediante a Orde do 19 de abril de 2023 (DOG núm. 87, do 8 de maio) convocáronse para o ano 2023 as axudas á apicultura que teñen por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da intervención sectorial apícola recollida no Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027, en réxime de concorrencia competitiva (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

O financiamento das axudas, recollido na orde de convocatoria no artigo 18, efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, inicialmente por un importe de 1.323.229,98 euros (un millón trescentos vinte e tres mil douscentos vinte e nove euros con noventa e oito céntimos). Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ata un 25 % e a porcentaxe restante pola Xunta de Galicia.

A orde recolle no punto 3 do seu artigo 18 a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria previamente á resolución do expediente se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito con fondos adicionais. De acordo con isto, procede ampliar as axudas á apicultura por un importe de oitenta e nove mil setecentos sesenta euros con vinte e cinco céntimos (89.760,25 €), sendo a suma total da dotación orzamentaria da convocatoria, resultante despois da ampliación, dun millón catrocentos doce mil novecentos noventa euros con vinte e tres céntimos (1.412.990,23 €).

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. A dotación orzamentaria prevista para as axudas á apicultura convocadas para o ano 2023, de acordo coa Orde do 19 de abril de 2023 (DOG núm. 87, do 8 de maio), increméntase no importe de oitenta e nove mil setecentos sesenta euros con vinte e cinco céntimos (89.760,25 €) na aplicación orzamentaria 14.04.713E.770.2.

2. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada á dispoñibilidade orzamentaria.

3. A ampliación prevista no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 19 de abril de 2023.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural