Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 7 de xullo de 2023 Páx. 42139

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 27 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento SI429A).

BDNS (Identif.): 706327.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans de reactivación e/ou mellora no período comprendido entre o 1 de agosto de 2022 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.

Debe tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais, as cooperativas de traballo asociado e as sociedades profesionais.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto apoiar e fomentar o emprendemento feminino en Galicia e a creación de emprego, por conta propia e por conta allea, para mulleres.

O programa Emega comprende as seguintes liñas e axuda complementaria: a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais; b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, consolidación e mellora de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico; c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica; d) axuda complementaria Concilia: co obxecto de a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento SI429A).

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados ou mantidos para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:

a) Liña Emprende: incentivos desde 10.000 euros ata 22.000 euros.

b) Liña Activa: incentivos desde 8.000 euros ata 17.000 euros.

c) Liña ITEF: incentivos desde 18.000 euros ata 42.000 euros.

d) Axuda complementaria concilia:

• Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 euros.

• Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 euros a 5.000 euros.

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total de catro millóns oitocentos doce mil douscentos sesenta e catro euros (4.812.264 euros). Estas axudas están cofinanciadas nun 60 % polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade