Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 5 de xullo de 2023 Páx. 41529

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se convocan para o ano 2023 as axudas para a adquisición de vivendas protexidas (código de procedemento VI420C).

O 23 de xullo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Con este programa de axudas o Instituto Galego da Vivenda e Solo persegue facilitar o acceso á propiedade das vivendas de protección autonómica de réxime xeral e especial, así como dinamizar o sector da construción, propiciando a saída ao mercado de vivenda protexida de nova construción ou procedente da rehabilitación.

Co fin de dar continuidade ao programa, o dito organismo convoca, a través desta resolución, as axudas para a adquisición de vivendas protexidas para o ano 2023.

Esta resolución suxéitase ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para o ano 2023 as subvencións para a adquisición de vivendas protexidas, que se tramitarán co código de procedemento VI420C.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Resolución do 5 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición de vivendas protexidas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 140, do 23 de xullo.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.780.4, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2023, por un importe total de 780.900 euros, e financiaranse con fondos propios da Comunidade Autónoma.

2. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en adiante, IGVS), e terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuíren a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, teren a residencia legal en España.

b) Seren adquirentes ou adxudicatarias, en primeira transmisión, dunha vivenda de protección autonómica de réxime xeral ou especial de nova construción ou procedente da rehabilitación, cualificada definitivamente na data de publicación desta resolución.

c) Teren subscrito con posterioridade ao 30 de setembro de 2022 un contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou, de ser o caso, unha escritura pública de compravenda que conteña as cláusulas obrigatorias derivadas da cualificación definitiva da vivenda.

d) Estaren a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Non estaren nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá cumprir os requisitos sinalados no primeiro parágrafo para poder ser beneficiaria da axuda.

Quinto. Contía das axudas

1. A contía da axuda para a adquisición de vivenda será a seguinte:

a) No caso de vivendas situadas en municipios de prezo máximo superior, ata 20.000 euros por vivenda, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 16.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.

b) No caso de vivendas situadas nos restantes municipios de Galicia, ata 16.000 euros, no suposto de vivendas adquiridas por persoas menores de 35 anos, e ata 12.000 euros, no caso de vivendas adquiridas por persoas maiores de 35 anos.

En todo caso, as axudas terán o límite do 20 % do prezo de compra da vivenda, sen que, para estes efectos, se inclúan os gastos e tributos inherentes a esa adquisición.

2. No suposto de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, o importe da axuda que pode recibir cada unha delas determinarase aplicando á contía da axuda que lle correspondería no suposto de ter adquirido o 100 % da vivenda a súa porcentaxe de cota adquirida.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 2 de outubro de 2023 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Sétimo. Solicitudes

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto. Deberá dirixirse ao IGVS. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, cada unha delas deberá presentar a súa correspondente solicitude.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia solicitou ou obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida á persoa solicitante ou a calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9.1.a) do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia están incursas nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no número 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Anexo II, de declaración responsable de composición da unidade de convivencia da persoa solicitante e comprobación de datos.

c) Contrato privado de compravenda da vivenda, visado pola área provincial do IGVS da provincia en que se sitúe a vivenda, no caso de non dispoñer da correspondente escritura pública.

d) Escritura pública de compravenda da vivenda, no caso de que fose formalizada con anterioridade á data de presentación da solicitude.

e) Certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, no caso de que a escritura pública de compravenda se formalizase con anterioridade á data de presentación da correspondente solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén se poderá presentar en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.

c) Certificacións acreditativas do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (en adiante, AEAT), de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), correspondentes á persoa solicitante e ás persoas que integran a unidade de convivencia.

d) Consulta de inhabilitación da persoa solicitante para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia.

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado á persoa solicitante.

2. Consultarase, ademais, o permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando faga constar na solicitude que concorre nela esta circunstancia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán realizarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver os procedementos

1. A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación desta resolución de convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertindo de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

4. Unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda solicitada.

2. A resolución estimatoria recollerá a obriga da/das persoa/s beneficiaria/s de achegar, dentro do prazo que se determina nesta resolución, a escritura pública de compravenda que acredite a adquisición da vivenda e o certificado de empadroamento colectivo das persoas empadroadas na vivenda adquirida, para o caso de que non se presentasen con anterioridade.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do procedemento será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se dite e notifique a resolución expresa, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, realizarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Prazo para a xustificación das axudas

As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa das subvencións concedidas antes do 30 de novembro de 2023, nos termos establecidos no ordinal décimo oitavo da Resolución do 5 de xullo de 2021.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo oitavo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación, de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Décimo noveno. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14.1.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Vixésimo. Recursos contra a presente resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file