Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 4 de xullo de 2023 Páx. 41364

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ponteceso (expediente IN407A 2022/336-1).

Expediente: IN407A 2022/336-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: repotenciación do CT 15ACD1 O Lugar Grande.

Concello: Ponteceso.

Feitos:

1. O día 18.10.2022, a empresa promotora solicita ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica, coa finalidade de realizar obras de reforzo da liña de distribución de media tensión LMT CBA806 Ponteceso 6 (expediente 50.616), procedente da subestación Cabana, nun tramo sito na parroquia O Lugar Grande, concello de Ponteceso. Proxéctase a substitución do centro de transformación CT O Lugar Grande (15ACD1) existente de 50 kVA por outro de 100 kVA de potencia, e a instalación dun tramo novo de liña de media tensión soterrada e a conexión do novo centro de transformación coa rede de baixa tensión existente.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado Repotenciación do CT 15ACD1 O Lugar Grande, asinado por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 482 de Ourense, o 3.6.2022.

– Anexo, asinado polo dito técnico.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte os artigos 127.1 e 127.2 do Real decreto 1955/2000, de 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte na que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou separatas para os seguintes organismos: Concello de Ponteceso e Patrimonio Cultural. UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos, iso é, por Patrimonio Cultural.

4. Con data 29.5.2023 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. A lexislación que se aplicará neste expediente é a que a seguir se relaciona:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instruccións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro de 2017).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Novo CT O Lugar Grande compacto prefabricado tipo rural de manobra exterior, cunha potencia de 100 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración fin de liña.

– Retensado de tramo LMTA a 20 kV, de 231 m, condutor tipo LA-56 Al, con orixe no apoio nº 9NKMQ3EG//A-4 existente da LMT CBA806 Ponteceso 6 (expediente 50.616), procedente da subestación Cabana, e remate no apoio nº 9NL6OOB//22-4-5-1 existente. Substitución do apoio de formigón nº 9NJQSD9H//22-A-5 por un apoio tipo C-2000/16-H35 e instalación de seccionador XS. Desmontaxe do tramo LMTA comprendido entre o apoio nº 22-A-5 existente para substituír e o apoio nº 9NFCEDP6//22-A-8-CT, onde está instalado o CTI O Lugar Grande (15ACD1) de 50 kVA para desmantelar. Retirada dos apoios intermedios nº 9NIMMRKE//22-A-6 e 9NFLDOCJ//22-A-7.

– LMTS a 20 kV, de 300 m, condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×150 mm² Al, con orixe no PA/S proxectado no apoio nº 22-A-5 existente para substituír e remate no CTC proxectado. O condutor proxectado discorrerá baixo canalización con dous e catro tubos PEHD M160 formigonados nos cruzamentos, e nunha gabia de dimensións 0,40×1,00 m e de 0,40×1,20 m.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

a) Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

b) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

c) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescripcións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

d) Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 12 de xuño de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña