Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39448

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 13 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Banzas, sito nos concellos de Outes, Mazaricos e Negreira (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2017/0015).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 13 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Banzas.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Banzas, sito nos concellos de Outes, Mazaricos e Negreira (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., cunha potencia de 31,185 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 301.546,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo ao punto 4.1.2 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 26.10.2017, Green Capital Power, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Banzas, sito nos concellos de Outes, Mazaricos e Negreira (A Coruña).

2. O 5.2.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009). O 9.2.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

3. O 8.10.2019, a promotora solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente na redución do número de aeroxeradores e no desprazamento das súas posicións, así como no desprazamento da torre meteorolóxica e da subestación. O 14.1.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

4. O 7.2.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia de territorio.

5. O 12.3.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

6. O 13.5.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que o proxecto do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

7. O 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Banzas á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña (en diante, Xefatura Territorial) para a seguir da tramitación.

8. Mediante o Acordo do 5 de novembro de 2020, da Xefatura Territorial da Coruña, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Banzas, nos concellos de Outes, Negreira e Mazaricos (A Coruña) (expediente IN408A 2017/0015).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.11.2020 e no xornal La Voz de Galicia do 13.11.2020. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Mazaricos, Negreira e Outes), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xefatura Territorial da Coruña e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión I, S.A.U.), Concello de Mazaricos, Concello de Negreira, Concello de Outes, Deputación Provincial da Coruña, Augas de Galicia, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Unión Fenosa Distribución.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia emitiu informe o 23.12.2020, Retegal emitiu informe o 2.12.2020, a Dirección Xeral de Telecomunicacións emitiu informe o 23.12.2021, a Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional emitiu informe o 19.11.2020, Retevisión emitiu informe o 22.12.2020 e o 1.3.2021 e a empresa de distribución eléctrica UFD emitiu informe o 23.11.2020.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

10. En resposta aos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do Instituto de Estudos do Territorio, a promotora elaborou o documento Addenda ao proxecto eólico Banzas, asinado o 9.8.2021.

O 25.10.2021, esta dirección xeral deu traslado da citada addenda á Xefatura Territorial, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos a que fai referencia o artigo 31.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

11. O 17.2.2022, rematados os trámites de información pública, audiencia e consultas ás administracións públicas afectas, a Xefatura Territorial solicitoulle a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

12. O 4.3.2022 e 1.4.2022, presentou ante a Xefatura Territorial os documentos definitivos.

13. O 4.4.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, en que emite informe técnico favorable, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009 do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industrias e eléctricas.

14. O 27.4.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

15. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Mazaricos, Concello de Negreira e Concello de Outes.

16. Cumprida a tramitación ambiental, o 18.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 21 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Banzas, nos concellos de Mazaricos, Negreira e Outes (A Coruña) (expediente 2018/0042) – (DOG núm. 232, do 7.12.2022).

17. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle aa promotora a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

18. O 2.2.2023, Green Capital Power, S.L. presentou declaración en que indica que, con data do 4.3.2022 e núm. de rexistro 2022/50815, a empresa presentou ante o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña o proxecto de execución refundido. O citado proxecto está recollido no antecedente de feito décimo segundo e xa conta con informe técnico favorable, tal e como se recolle no antecedente de feito décimo terceiro.

Asemade, a empresa achegou novas separatas para os concellos de Outes, Negreira e Mazaricos, así como para UFD, Dirección Xeral de Telecomunicacións. Así mesmo, o 10.4.2023 declarou responsablemente que os cambios de configuración do proxecto non varían as afección sobre a Deputación da Coruña, Augas de Galicia, Retevisión, Retegal e a Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional.

19. O 16.2.2023, esta dirección xeral remitiu, de acordo co establecido no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegadas pola promotora o 2.2.2023 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Telecomunicacións, Concello de Mazaricos, Concello de Negreira e Concello de Outes.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos:

Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 21.2.2023 e a Dirección Xeral de Telecomunicacións o 6.3.2023.

O 12.4.2023, a promotora mostrou a súa conformidade a estes condicionados.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

20. O 15.3.2023, esta dirección xeral requiriulle á Xefatura Territorial da Coruña aclaración do informe técnico do 4.4.2022 e do informe da solicitude de autorización administrativa da instalación de produción do 25.4.2022. O 21.3.2023, a Xefatura Territorial da Coruña presentou a aclaración solicitada.

21. O 15.3.2023, esta dirección xeral requiriulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático aclaración da DIA. O 30.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático remitiu corrección de erros da DIA.

22. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 38,12 MW, segundo os informes do xestor da rede do 14.6.2019 e 23.4.2020.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais