Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2023 Páx. 39478

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2023, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Padrón (expediente IN407A 2021/259-1).

Expediente: IN407A 2021/259-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: ampliación de potencia de CT Monte Meda (15AX40).

Concello: Padrón.

Feitos:

1. O día 16 de decembro de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e abrangue a seguinte documentación:

Proxecto de execución denominado ampliación de potencia de CT Monte Meda (15AX40), asinado o 17 de setembro de 2021 por Alejandro Fernández Reza, graduado en Enxeñaría Eléctrica, número de colexiado 4.683 de Vigo.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

Portal de transparencia e Goberno aberto do 1 de xullo de 2022.

DOG do 8 de agosto de 2022.

BOP do 15 de xullo de 2022.

Xornal La Voz de Galicia do 22 de xullo de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Padrón.

3. Durante o período en que se someteu ao trámite de información pública, recibíronse as seguintes alegacións:

– O 17 de agosto de 2022, do Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural.

– O 27 de xullo de 2022, de María Jesús Becerra Rodríguez.

Estas alegacións foron trasladadas á empresa promotora, que respondeu na defensa dos seus intereses.

4. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas; neste caso, ao Concello de Padrón. Ata o día desta resolución non consta no expediente resposta á solicitude.

5. O 3 de outubro de 2022, a empresa promotora solicita a modificación da solicitude no sentido de deixar sen efecto a declaración de utilidade pública, ao acadar acordos con todos os titulares de bens afectados.

6. O 25 de maio de 2023 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente, segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio).

2. Lexislación de aplicación:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. As instalacións atópanse no Monte Meda, no concello de Padrón, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Retensado tramo LMTA a 20 kV, de 78 m, condutor tipo LA-30 Al, con orixe no apoio nº A3BB8D08//22-6CT existente, para substituír por un de tipo C-2000/12 da LMT PAD804, procedente da subestación Padrón, e remate no apoio nº A3BCQ918//22-5 existente de tipo CH-1000/13.

– Repotenciación do CT Monte Meda (15AX40, expediente 30.990) de intemperie de 50 kVA con relación de transformación de 20.000/400-230 V, instalado no apoio nº A3BB8D08//22-6CT existente por substituír. Novo trafo de 100 kVA e aparellaxe asociada, e retirada do existente.

4. Alegacións.

a) O Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería do Medio Rural alega nos seguintes termos:

– O proxecto afecta un monte veciñal en man común Lapido, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carcacía (Padrón), xestionado pola Consellería do Medio Rural mediante o convenio nº 1515574. O proxecto de execución indica erroneamente que o único organismo afectado é o Concello de Padrón.

– Por outro lado, indica que o promotor debe solicitar a ocupación de todas as superficies que se pretenden ocupar (pleno dereito e servidumes de paso) do monte veciñal á Administración xestora dos montes (Consellería do Medio Rural), e establecer un acordo de dereito de superficie (máximo 30 anos) coa comunidade veciñal propietaria do monte. Debe achegar tamén copia do dereito que lle asiste na explotación das instalacións existentes.

O promotor contesta manifestando o seu compromiso de solicitar perante a Consellería do Medio Rural a oportuna autorización de ocupación da superficie afectada polas instalacións eléctricas proxectadas.

b) María Jesús Becerra Rodríguez solicita que non sexan concedidas as autorizacións pertinentes ao proxecto baseándose nas seguintes alegacións:

– A promotora UFD Distribución Electricidad, S.A. non cumpre a legalidade en materia de contaminación acústica.

– Está sen resolver un expediente aberto á promotora por incumprir a legalidade en termos acústicos na subestación de Padrón.

– Hai incoado por parte do Concello de Padrón un expediente sancionador en materia de contaminación acústica contra UFD distribución Electricidad, S.A. pola superación dos valores límite aplicables á actividade desenvolta na subestación sita na avenida Camilo José Cela

– Que o seu domicilio está a ser gravemente prexudicado polos ruídos producidos polo incumprimento da legalidade por parte de UFD tanto na subestación eléctrica de Padrón como nas torretas e as liñas de alta que saen dela e pasan pola súa propiedade; que están infradimensionadas para a potencia que pasa por elas actualmente debido aos continuos aumentos de potencia (achegan copia dos recursos de alzada enviados anteriormente pola alegante á Consellería).

– Non lle parece ético e dubida que sexa legal que unha empresa que está a incumprir a legalidade en termos acústicos nas súas instalacións, obteña permiso para un aumento de potencia sen solucionar antes a ilegalidade acústica que produce actualmente, porque de permitilo o prexuízo que sofre a súa familia sería maior.

O promotor contesta que as instalacións que se van modificar atópanse no lugar de Monte Meda, a máis de tres quilómetros do núcleo urbano de Padrón, e que a Sra. Becerra fai referencia a reclamacións sobre outras instalacións eléctricas que nada teñen que ver coas incluídas neste proxecto.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 30 de maio de 2023

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña