Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 22 de xuño de 2023 Páx. 39156

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Furco, sito no concello de Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente IN408A 2020/087).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Serra do Furco.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Serra do Furco, sito no concello de Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., cunha potencia de 28 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enel Green Power España, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 358.432,81 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu punto 2.2, o promotor, antes do inicio de obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública e Patrimonio Cultural.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes ao inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial o 24.4.2023 para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial a seguinte documentación técnica e, ademais, contar co seu informe favorable:

• Un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

• Os cálculos mecánicos das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto (LAT 07.3 e LAT 08.4).

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

12. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e o informe favorable de UFD.

13. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

14. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

17. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 1.6.2020, Enel Green Power España, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) para o parque eólico Serra do Furco, sito no concello de Becerreá (Lugo).

2. O 19.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, Lei 8/2009). O 24.11.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

3. O 3.12.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente de forma xeral no cambio de modelo de aeroxerador, así como na incorporación da liña de evacuación. O 24.2.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

4. O 3.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, segundo a anterior redacción da lei, onde se indica que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

5. O 4.7.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Serra do Furco á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo (en diante, Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

6. Mediante o Acordo do 24 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra do Furco, no concello de Becerreá.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 14 de setembro de 2022, e remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Becerreá, e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Unión Fenosa Distribución, Retegal e a Dirección Xeral de Redes e Operacións de Telecomunicacións.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: a Confederación Hidrográfica do Cantábrico emitiu informe o 30.11.2022, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 22.3.2023, a Deputación Provincial de Lugo emitiu informe o 20.10.2022, a entidade Unión Fenosa distribución emitiu informe o 11.11.2022 Retegal emitiu informe o 4.10.2022 e a Dirección Xeral de Redes e Operacións de Telecomunicacións emitiu informe o 5.12.2022.

O promotor non presentou reparos aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

8. O 21.12.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Asociación S.C. O Iribio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Cumprida a tramitación ambiental, o 20.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro), da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Serra do Furco, no concello de Becerreá.

10. O 20.1.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida do proxecto do parque atendendo a un requirimento da Xefatura Territorial do 19.12.2022. Xunto con esta documentación achégase declaración responsable en que se recolle que as modificacións no proxecto non modifican as afeccións xa informadas por Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Retegal, UFD e Dirección Xeral de Redes e Operacións de Telecomunicacións.

Atendendo a un requirimento desta dirección xeral do 27.1.2023 o promotor presentou con datas do 1.3.2023 e 9.3.2023, o proxecto refundido Proxecto de execución parque eólico Serra do Furco, termo municipal de Becerreá, provincia de Lugo, asinado por Alberto Izquierdo Belmonte (colexiado núm. 1.151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia ICOIIG), asinado dixitalmente o 9.3.2023 e as separatas para o Concello de Becerreá e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

11. O 14.3.2023, remitíronse as separatas ao Concello de Becerreá e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Rematado o prazo e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 23.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu unha serie de consideracións sobre o proxecto refundido do parque eólico, as cales se trasladaron ao promotor o 24.3.2023.

13. O 24.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe segundo o artigo 33.16 da Lei 8/2009, sobre o proxecto refundido do parque eólico, en que conclúe que emite informe favorable sobre o proxecto de execución do parque eólico Serra do Furco, recollendo, non obstante, as dúas condicións seguintes para complementar o proxecto con carácter previo ao inicio das obras:

• «O promotor, unha vez acordada a ocupación dos predios afectados pola subestación ou, de ser o caso, unha vez acadado acordo amigable cos seus propietarios, e de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto».

• O promotor, de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará os cálculos mecánicos das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto (LAT 07.3 e LAT 08.4).

14. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 40 MW, segundo o informe do xestor da rede do 7.5.2020 e do 13.10.2021, respectivamente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais