Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 22 de xuño de 2023 Páx. 39135

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Serra do Furco, sito no concello de Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente IN408A 2020/087).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Enel Green Power España, S.L. (en diante, o promotor) en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Serra do Furco (en diante, parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 1.6.2020, Enel Green Power España, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico-PIA) para o parque eólico Serra do Furco, sito no concello de Becerreá (Lugo).

Segundo. O 19.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (en diante, Lei 8/2009). O 24.11.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 3.12.2020, o promotor solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico, consistente de forma xeral no cambio de modelo de aeroxerador, así como na incorporación da liña de evacuación. O 24.2.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Cuarto. O 3.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, segundo a anterior redacción da lei, onde se indica que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

Quinto. O 4.7.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Serra do Furco á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo (en diante, Xefatura Territorial) para a continuación da tramitación.

Sexto. Mediante o Acordo do 24 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra do Furco, no concello de Becerreá.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 14 de setembro de 2022, e remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Becerreá, e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Unión Fenosa Distribución, Retegal e a Dirección Xeral de Redes e Operacións de Telecomunicacións.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: a Confederación Hidrográfica do Cantábrico emitiu informe o 30.11.2022, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 22.3.2023, a Deputación Provincial de Lugo emitiu informe o 20.10.2022, a entidade Unión Fenosa Distribución emitiu informe o 11.11.2022 Retegal emitiu informe o 4.10.2022 e a Dirección Xeral de Redes e Operacións de Telecomunicacións emitiu informe o 5.12.2022.

O promotor non presentou reparos aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. O 21.12.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Becerreá, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Asociación S.C. O Iribio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Cumprida a tramitación ambiental, o 20.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro), da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Serra do Furco, no concello de Becerreá.

Décimo. O 20.1.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida do proxecto do parque atendendo a un requirimento da Xefatura Territorial do 19.12.2022, xunto con esta documentación achégase declaración responsable en que se recolle que as modificacións no proxecto non modifican as afeccións xa informadas por Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Retegal, UFD e Dirección Xeral de Redes e Operacións de Telecomunicacións.

Atendendo a un requirimento desta dirección xeral do 27.1.2023, o promotor presentou con datas 1.3.2023 e 9.3.2023 o proxecto refundido «Proxecto de execución parque eólico Serra do Furco, termo municipal de Becerreá, provincia de Lugo», asinado por Alberto Izquierdo Belmonte (colexiado núm. 1.151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia ICOIIG), asinado dixitalmente o 9.3.2023 e as separatas para o Concello de Becerreá e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Décimo primeiro. O 14.3.2023, remitíronse as separatas ao concello de Becerreá e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Rematado o prazo e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 23.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu unha serie de consideracións sobre o proxecto refundido do parque eólico, as cales se trasladaron ao promotor o 24.3.2023.

Décimo terceiro. O 24.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe segundo o artigo 33.16 da Lei 8/2009, sobre o proxecto refundido do parque eólico, en que conclúe que emite informe favorable sobre o proxecto de execución do parque eólico Serra do Furco, recollendo, non obstante, as dúas condicións seguintes para complementar o proxecto con carácter previo ao inicio das obras:

• «O promotor, unha vez acordada a ocupación dos predios afectados pola subestación ou, de ser o caso, unha vez acadado acordo amigable cos seus propietarios, e de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto».

• O promotor, de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará os cálculos mecánicos das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto (LAT 07.3 e LAT 08.4).

Décimo cuarto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 40 MW, segundo o informe do xestor da rede do 7.5.2020 e do 13.10.2021, respectivamente.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm.126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demáis normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 15.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«– No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Deputación Provincial de Lugo, direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Sociedade Galega de Historia Natural.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

-– A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban ter en conta os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 20 km [...].

[...] Cómpre sinalar que nada impide, dende o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Serra do Furco comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Chao do Marco, Serra do Furco, Serra do Colmo, Serra da Piñeira e A Pena; trátase da futura LAT 220 KV SET PE Chao do Marco-SE Belesar (REE) e SEC Soilán, a conexión á rede xeral será a través do nó de evacuación de Belesar. Esta circunstancia non impide que cada un dos parques, así como a citada infraestrutura de evacuación, sexa un proxecto individual e independente, de funcionamento plenamente autónomo e mesmo, se se dese o caso de que a evacuación se produza nunha mesma subestación, con celas de evacuación independentes.

– Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.1 Resumo da tramitación, en que se recollen as diferentes publicacións do Acordo do 24 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Serra do Furco, no concello de Becerreá (expediente IN408A 2020/087). Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas no Concello de Becerreá e na Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen queda debidamente garantidos.

– No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15 de decembro de 1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3 de xaneiro de 2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

– No informe da Comisión técnica temporal sobre enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia recoñécese a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia, o EIA do proxecto avalía todos os impactos preceptivos por lei (paisaxístico, cultural, faunístico…). Así mesmo, o proxecto obtivo os informes previos preceptivos, como é o caso do informe favorable sobre o cumprimento de distancias a delimitacións de solos de núcleo rural, solo urbano e urbanizable, emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

– No que respecta á emisión de informe motivado do Instituto de Estudos do Territorio sobre a compatibilidade do proxecto coa Lei da paisaxe, o mencionado instituto informou o 23.11.2022: «O proxecto incorpora un EIIP de acordo co artigo 11.1 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia».

O contido do EIIP axústase ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG.

O principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida polos aeroxeradores, que, pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante todo o tempo en que estean instalados os aeroxeradores, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Aínda que o dito impacto non pode ser mitigado con medidas correctoras, non se considera crítico.

Respecto aos núcleos máis próximos, no caso de que exista unha manifesta preocupación social polo impacto visual, deberán adoptarse as medidas necesarias para reducir ou mitigar o seu impacto visual, estudando a posibilidade de realizar plantacións arbóreas con especies autóctonas nas proximidades dos núcleos, de consenso cos seus habitantes, para reducir a visibilidade dos aeroxeradores (directriz de paisaxe DX.20.c).

– No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 3.6.2021, recóllese que:

«Comprobado novamente o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento do Concello de Becerreá do 28.4.1995) e as coordenadas dos 7 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións seguen a cumprir a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».

– En canto aos datos que aparecen no proxecto sectorial en lingua inglesa, cómpre aclarar que se refire a que no proxecto se incorporan as especificacións técnicas orixinais do fabricante dos aeroxeradores, forma habitual de presentar os devanditos datos, sen traducións, debido a que é o idioma de uso ordinario neste ámbito.

– No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 21.10.2022: «De acordo cos datos do Servizo de Montes as obras afectan montes de xestión pública, polo que será necesario o informe do Servizo de Montes sobre compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades públicas. Procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños e infraestruturas do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre supoñer a nova clasificación á de protección forestal de forma, que en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa das infraestruturas, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores».

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 14.11.2022: «Tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais,…), emítese informe favorable sobre a realización do parque eólico Serra do Furco, situado no concello de Becerreá, na provincia de Lugo».

– No que respecta ao risco para a saúde derivada da proximidade aos núcleos de poboación de sete aeroxeradores de 200 m, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 30.11.2022 recóllese que: «Logo da análise da documentación achegada en relación co estudo de impacto ambiental do parque eólico Serra do Furco, e tras a valoración dos aspectos relativos á saúde ambiental emítese informe favorable condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, da documentación e información dos aspectos que se relacionan a seguir:

• Deberá presentar as recomendacións ou medidas de xestión que se prevén nos estándares internacionais ao respecto do emprego do hexafluoruro de xofre (SF6), de xeito que se eviten ou minimicen as súas emisións, en especial, na carga e descarga dos equipamentos que o empregan.

• Deberá ter en conta os niveis estimados debido ao funcionamento dos aeroxeradores e ao ruído de fondo da zona, medido in situ en estudo preoperacional, nos núcleos poboacionais máis próximos aos aeroxeradores (para máis información véxase punto 3.1.3).

• Deberá achegar estudo de valores referentes a campos electromagnéticos e a súa posible repercusión con respecto a poboación.

• Con respecto ao efecto do pestanexo de sombras, deberá achegar os datos no caso real-estatístico (para máis información véxase punto 3.1.5) e a aplicación de posibles medidas protectoras, correctoras ou compensatorias no caso de superar o limiar aceptable establecido, así como un estudo dos posibles efectos sinérxicos con parques eólicos próximos.

• No caso de que a documentación e información relativa aos citados aspectos non se presentase no prazo indicado ou, presentada en prazo, non resultase abonda ou adecuada para a súa acreditación, entenderase que o estudo non cumpre cos requisitos desde o punto de vista sanitario».

– Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, convén expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

– Tal e como sinala a análise do impacto socioeconómico do proxecto que consta no EIA, desde o punto de vista da sinerxía, recaen sobre o sector económico de maneira positiva, pois crean emprego e xeran riqueza na zona. A execución do proxecto fomentará o cumprimento dos obxectivos xerais da Lei 45/2007 para o desenvolvemento sustentable do medio rural, tales como o de manter e ampliar a base económica do medio rural, mediante a preservación de actividades competitivas e multifuncionais e diversificación da economía coa incorporación de novas actividades compatibles cun desenvolvemento sustentable, manter e mellorar o nivel da poboación, etc.

4. Caso especial. Alegación de Retevisión I, S.A.U.:

A entidade Retevisión I, S.A.U, empresa do Grupo Cellnex Telecom, S.A., en diante Retevisión, achegou un escrito de alegación o proxecto do parque eólico xunto cun informe preliminar de afectación sobre os seus servizos por parte do parque eólico Serra do Furco.

Resumo do contido da alegación de Retevisión:

1. Unha vez efectuado un estudo preliminar de afectación con base nas coordenadas UTM coñecidas do parque e da localización dos aeroxeradores, despréndese dos resultados reflectidos no informe achegado como anexo, que se provocaría unha relevante afectación aos servizos que presta Retevisión, isto é, aos servizos de difusión e transporte de sinal de TDT.

2. A entidade manifesta a súa oposición á construción do parque na forma proxectada sempre que non se adopten as medidas correctoras que sinalan no informe preliminar que presentan.

3. Solicitan que non se conceda a autorización administrativa de construción do parque eólico ata que se adopten as medidas necesarias para liquidar as posibles afectacións.

Proposta de resposta a alegación de Retevisión:

En relación coa alegación presentada por Retevisión I, S.A.U. durante a tramitación do expediente, recollida no anexo 1, e clasificadas como Retevisión, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

– A promotora do parque eólico emite declaración responsable asumindo a obriga de restablecer ás condicións previas de calidade os servizos de TDT en caso de que, unha vez executada a obra, se constatase a existencia de danos ocasionados como consecuencia do proxecto do parque eólico Serra do Furco.

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Serra do Furco, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Serra do Furco, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Serra do Furco.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1 Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Serra do Furco, sito no concello de Becerreá (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L., cunha potencia de 28 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Serra do Furco, composto polo documento: «Proyecto de ejecución parque eólico Serra do Furco», asinado dixitalmente o 20.4.2023 polo enxeñeiro Alberto Izquierdo Belmonte (colexiado núm. 1.151 do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia ICOIIG), visado polo ICOIIG, con núm. 20231277, o 21.4.2023 (RX 2023/1222494) e a súa declaración responsable do 24.1.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante/promotora: Enel Green Power España, S.L. NIF B61234613.

Enderezo social: praza de María Pita, 10 ,1º andar, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Serra do Furco.

Concellos afectados: Becerreá (Lugo).

Área de desenvolvemento eólico (ADE): Becerreá-Paradela.

Potencia que se vai instalar: 28 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 28MW.

Número de aeroxeradores que se van instalar: 5.

Produción neta anual estimada: 82.366 MWh/ano.

Orzamento total (execución material): 30.134.638,82 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscribe as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

647.183

4.752.309

2

650.066

4.752.309

3

651.322

4.751.151

4

651.322

4.747.555

5

649.190

4.747.555

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SF-01

648.474

4.751.663

SF-02

648.630

4.751.202

SF-03

648.835

4.750.776

SF-06

649.977

4.749.412

SF-07

650.325

4.747.875

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

648.861

4.751.025

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

vértices

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

649.100

4.750.762

2

649.127

4.750.712

3

649.034

4.750.664

4

649.008

4.750.714

– Características técnicas principais das instalacións:

• Cinco (5) aeroxeradores, tres (3) de 6.0 MW e dous (2) de 5.0 MW de potencia nominal unitaria, de 115 m de altura de buxa e 170 m de diámetro de rotor.

• Cinco (5) centros de transformación, integrados no interior de cada un dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 6.500 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV, co seu correspondente equipamento de manobra, protección e demais elementos auxiliares.

• Rede eléctrica soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre as turbinas dos aeroxeradores e a subestación transformadora 30/220 kV, composta por condutores tipo RH5Z1 18/30 kV e seccións de 95, 240 e 400 mm2 de aluminio. Na gabia da liña colectora tamén se colocarán os cables de terras e os de fibra óptica para comunicacións.

• Estación anemométrica do parque eólico equipada cunha torre auto soportada de 118 m de altura.

• A subestación eléctrica 30/220 kV do PE Serra do Furco, que recibirá a enerxía xerada do parque, dimensiónase fisicamente para que no futuro poida ser ampliable e servir para evacuar a potencia doutros parques eólicos. Esta parte estará composta por un edificio de control, un edificio de celas e un edificio de residuos, un transformador principal 30/220 kV de 42 MVA e un transformador de servizos auxiliares cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

• Obra civil consistente en camiños de acceso ao parque e interiores de acceso aos aeroxeradores, plataformas de montaxe, subestación, cimentacións e gabias de cablaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Enel Green Power España, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 358.432,81 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental no seu punto 2.2, o promotor, antes do inicio de obras, deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública e Patrimonio Cultural.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes ao inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. En cumprimento do disposto no informe emitido pola xefatura territorial o 24.4.2023 para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial a seguinte documentación técnica e, ademais, contar co seu informe favorable:

• Un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

• Os cálculos mecánicos das cimentacións das instalacións obxecto do proxecto (LAT 07.3 e LAT 08.4).

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

11. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

12. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) e o informe favorable de UFD.

13. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

14. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

17. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais