Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38590

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Xeada, sito nos concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga (Lugo) e promovido por Neiva Directorship, S.L. (expediente IN408A 2020/005).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Neiva Directorship, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Xeada, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 27.1.2020, Neiva Directorship, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Segundo. O 12.6.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 17.7.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 1.10.2021, Neiva Directorship, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente na redución do número de aeroxeradores de 12 a 5 e no cambio de posición e modelo dos que se manteñen, para saír da zona de influencia da aguia real.

Cuarto. O 23.12.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial. O 28.12.2021 remitiulle unha emenda desa comunicación para corrixir as coordenadas das infraestruturas.

Quinto. O 28.12.2021, Neiva Directorship, S.L. presentou nova documentación para emendar a presentada anteriormente, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 23.12.2021.

Sexto. O 1.2.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Sétimo. Mediante a Resolución do 23 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico, en concreto, das instalacións do parque eólico Xeada, situado nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e Quiroga (Lugo), e promovido por Neiva Directorship, S.L.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.4.2022 e remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga), e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Oitavo. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello da Rúa, Concello de Vilamartín de Valdeorras, Concello de Quiroga, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Red Eléctrica de España, S.A. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (24.4.2022), Concello da Rúa (3.5.2022), Concello de Vilamartín de Valdeorras (19.5.2022), Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (20.7.2022), Red Eléctrica de España, S.A. (3.5.2022 e 15.7.2022) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (6.4.2022 e 1.6.2022).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 22.4.2022, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e o 7.7.2022, a Xefatura Territorial de Lugo emitiron cadanseu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Concello da Rúa, Concello de Vilamartín de Valdeorras e Concello de Quiroga, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

Décimo segundo. Cuberta a tramitación ambiental, o 23.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 26 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Xeada, nos concellos de Quiroga (Lugo), e A Rúa e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) (DOG núm. 5, do 9.1.2023).

Décimo terceiro. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo cuarto. O 18.2.2023, Neiva Directorship, S.L. presentou a documentación técnica refundida, coa que achegou unha declaración responsable de que o proxecto refundido na súa configuración definitiva non modificaba as afección xa informadas polas diferentes empresas e organismos durante a tramitación do expediente e, polo tanto, non é necesario solicitar novos informes sobre condicionados técnicos.

Décimo quinto. O 22.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense e, o 23.3.2023, o da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiron cadanseu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo o informe do xestor da rede do 24.3.2021.

Décimo sétimo. O 12.3.2023, Neiva Directorship, S.L. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

• No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, presentadas con anterioridade á declaración de impacto ambiental, indicar que estas foron tidas en conta na devandita declaración, emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.12.2022, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Turismo de Galicia e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

• No que respecta ás alegacións de vulneración do trámite de información pública ao omitir bens e dereitos afectados e dunha relación de bens e dereitos afectados incompleta e insuficiente: o artigo 44 da Lei 8/2009 especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública poderá efectuarse de maneira simultánea á solicitude de autorización administrativa previa e/ou de construción, durante a tramitación destas autorizacións ou con posterioridade á obtención de calquera das ditas autorizacións administrativas. Non é obxecto de esta resolución a declaración da utilidade pública do parque eólico.

• No relativo á fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes: a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos Cernego, Neboada e Orballeira e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, que reduce a superficie afectada polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Xeada comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Neboada e Orballeira, o que non impide que os tres teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

• No que respecta á ausencia de planificación eólica actualizada e coherente co escenario actual de tramitación masiva de instalacións eólicas e ao desenvolvemento do sector eólico á marxe da avaliación ambiental estratéxica: o Plan sectorial eólico de Galicia segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o Acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

• En canto ás alegacións pola complexidade técnica-xurídica do procedemento, afectación aos dereitos dos interesados e falta de notificación persoal do trámite de información pública e dos informes sectoriais: cabe remitirse ao indicado no antecedente de feito sétimo, en que se recollen as diferentes publicacións da Resolución do 23 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico, en concreto, das instalacións do parque eólico Xeada.

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga e nas xefaturas territoriais de Ourense e Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

• No relativo á ausencia da xustificación por parte da promotora do retorno social do proxecto industrial e da utilidade pública: o estudo de impacto ambiental contén un anexo F co estudo socioeconómico e turístico do parque eólico. Como xa se indicou na epígrafe das alegacións de carácter ambiental, a Axencia Turismo de Galicia emitiu un informe con respecto ás súas competencias. Adicionalmente, o proxecto de interese autonómico contén unha xustificación da utilidade social do proxecto, que será avaliada no trámite correspondente, segundo o establecido na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

• Con respecto á alegación sobre a suposta imposibilidade de conceder a AAP, AAC e PIA ao non acreditar o informe de accesibilidade emitido por REE: segundo o artigo 33.18 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, «deberá acreditarse a obtención do permiso de acceso e conexión á rede de transporte ou distribución, segundo corresponda, previamente ao outorgamento da autorización administrativa previa e de construción». Na data desta resolución o permiso de acceso e conexión está acreditado.

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 23.12.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Xeada, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.12.2022, e recollida no antecedente de feito décimo segundo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Xeada, nos concellos de Quiroga, na provincia de Lugo e A Rúa e Vilamartín de Valdeorras na provincia de Ourense, promovido por Neiva Directorship, S.L., considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Xeada.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Xeada, sito nos concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga (Lugo) e promovido por Neiva Directorship, S.L., para unha potencia de 19,8 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Xeada, composto polo documento Proxecto de execución refundido parque eólico Xeada, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares (colexiado nº 1.102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) con sinatura electrónica do 15.2.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Neiva Directorship, S.L.

Enderezo social: rúa Emisora, 20, 28224 Pozuelo de Alarcón (Madrid).

Denominación: parque eólico Xeada.

Potencia instalada: 19,8 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 19,8 MW.

Produción neta: 67.063 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.387 h.

Concellos afectados: A Rúa, Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e Quiroga (Lugo).

Orzamento de execución material: 17.546.830 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, as que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

654.218

4.702.322

b

656.110

4.705.195

c

658.912

4.706.051

d

653.099

4.695.339

e

652.585

4.695.379

f

649.703

4.697.437

g

651.922

4.701.183

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X-1

657.262

4.705.283

X-3

656.862

4.704.010

X-4

656.316

4.703.337

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

657.038

4.704.331

Coordenadas do centro de seccionamento do parque eólico e da súa envolvente:

Centro
de seccionamento

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CS

652.456

4.699.389

1

652.452

4.699.391

2

652.461

4.699.392

3

652.461

4.699.386

4

652.452

4.699.387

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores Siemens Gamesa SG 6.6-170 de 6,6 MW de potencia nominal unitaria, de 135 m de altura da buxa, de 170 m de diámetro de rotor e con 220 m de punta de pa.

– 3 centros de transformación de 7.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores 0,69/30 kV e o centro de seccionamento, composta por 3 circuítos con condutores tipo Al HEPRZ1 18/30 kV 1×240, 400, 630 K + H 16 Cu de distintas seccións (240-630 mm2).

– Torre meteorolóxica de 135 m de altura total.

– Centro de seccionamento e control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– Liña de 30 kV de 50 m de lonxitude de evacuación da enerxía xerada desde o centro de seccionamento e control ata a subestación transformadora, de 630 mm2 de sección.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, edificio de control, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cables.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Neiva Directorship, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 231.737 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas na DIA a que o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, e obterá os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

8. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante cada xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais