Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38606

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Xeada, sito nos concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga (Lugo) e promovido por Neiva Directorship, S.L. (IN408A 2020/005).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Xeada.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Xeada, sito nos concellos da Rúa e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga (Lugo) e promovido por Neiva Directorship, S.L., para unha potencia de 19,8 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Neiva Directorship, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 231.737 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas na DIA a que o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, e obterá os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

8. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante cada xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 27.1.2020, Neiva Directorship, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

2. O 12.6.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 17.7.2020, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 1.10.2021, Neiva Directorship, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente na redución do número de aeroxeradores de 12 a 5 e no cambio de posición e modelo dos que se manteñen, para saír da zona de influencia da aguia real.

4. O 23.12.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial. O 28.12.2021 remitiulle unha emenda desa comunicación para corrixir as coordenadas das infraestruturas.

5. O 28.12.2021, Neiva Directorship, S.L. presentou nova documentación para emendar a presentada anteriormente, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 23.12.2021.

6. O 1.2.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

7. Mediante a Resolución do 23 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico, en concreto, das instalacións do parque eólico Xeada, situado nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e Quiroga (Lugo), e promovido por Neiva Directorship, S.L.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4.4.2022 e remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga), e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

8. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello da Rúa, Concello de Vilamartín de Valdeorras, Concello de Quiroga, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Red Eléctrica de España, S.A. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (24.4.2022), Concello da Rúa (3.5.2022), Concello de Vilamartín de Valdeorras (19.5.2022), Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (20.7.2022), Red Eléctrica de España, S.A. (3.5.2022 e 15.7.2022) e UFD Distribución Electricidad, S.A. (6.4.2022 e 1.6.2022).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 22.4.2022, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e o 7.7.2022, a Xefatura Territorial de Lugo emitiron cadanseu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Concello da Rúa, Concello de Vilamartín de Valdeorras e Concello de Quiroga, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO).

12. Cuberta a tramitación ambiental, o 23.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 26 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Xeada, nos concellos de Quiroga (Lugo), e A Rúa e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) (DOG núm. 5, do 9.1.2023).

13. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

14. O 18.2.2023, Neiva Directorship, S.L. presentou a documentación técnica refundida, coa que achegou unha declaración responsable de que o proxecto refundido na súa configuración definitiva non modificaba as afección xa informadas polas diferentes empresas e organismos durante a tramitación do expediente e, polo tanto, non é necesario solicitar novos informes sobre condicionados técnicos.

15. O 22.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense e, o 23.3.2023, o da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiron cadanseu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo o informe do xestor da rede do 24.3.2021.

17. O 12.3.2023, Neiva Directorship, S.L. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais