Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38452

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis nas categorías de solo rústico.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 7 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis nas categorías de solo rústico, mediante a Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, do 24 de maio de 2023, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D1913&_aaeTipology_WAR_aae_id=1913

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 7 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Curtis nas categorías de solo rústico

O Concello de Curtis remite a modificación puntual referida para os efectos previstos no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación subscrita polos arquitectos Álvaro Fernández Carballada e Beatriz Aneiros Filgueira; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Curtis dispón dun PXOM aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, do 19.9.2007.

A modificación puntual nº 6 do PXOM, relativa á delimitación dos núcleos rurais, foi aprobada definitivamente polas resolucións da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU), do 22.1.2022 e do 17.4.2022.

2. A DXOTU, emitiu o 2.5.2017, un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con observacións.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico da modificación, o 5.6.2017, en que se resolve sometela a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. O 6.6.2017 formulou o documento de alcance para tal efecto. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da DXOTU:

a) Instituto de Estudos do Territorio: contestación do 25.4.2017, en que sinala que a modificación non producirá efectos significativos sobre a paisaxe.

b) Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería del Medio Rural: informe do 15.3.2017, sen observacións.

c) Servizo de Infraestruturas Agrarias da Consellería do Medio Rural: informe do 17.3.2017, sen alegacións.

d) Área de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 6.3.2017, con observacións.

e) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 27.4.2017, sen impacto nas actividades de acuicultura mariña ou continental.

f) Unha alegación dun particular, do 25.4.2017, con observacións sobre o tratamento dos solos rústicos de protección agropecuaria e forestal.

4. En materia de informes sectoriais non autonómicos previos á aprobación inicial, consta:

a) Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento: informe do 12.1.2018.

b) Delegación de Patrimonio e Urbanismo Noroeste de ADIF: informe do 16.12.2017, favorable sempre que se teña en conta a normativa sectorial de aplicación.

5. A arquitecta técnica municipal e a secretaria municipal emitiron, o 6.3.2018, cadanseu informes favorables á modificación.

6. O Pleno de Concello aprobou inicialmente a modificación o 16.3.2018. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Opinión da Coruña e Diario Oficial de Galicia do 27.3.2018) e presentáronse 64 alegacións segundo certificado do 28.2.2023.

7. No que afecta aos informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado do trámite o 16.11.2018:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Informe da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil, do 22.8.2018, positivo, e non é necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do 17.10.2018, desfavorable.

• Informe do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas, do 24.9.2018, sobre a sustentabilidade ambiental da modificación, con observacións.

• Informe do Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, do 25.9.2018, sobre solos contaminados, e non existe ningún solo declarado como contaminado, pero si que existe un ámbito identificado cunha afección confirmada ao subsolo (gasolineira no polígono industrial de Teixeiro).

• Informe do Instituto de Estudos do Territorio, do 30.10.2018, sen obxeccións, cunha consideración en relación co miradoiro do Enxameado, identificado no Catálogo das paisaxes de Galicia aprobado polo Decreto 119/2016.

• Informe da Axencia Galega de Infraestruturas, do 10.10.2018, desfavorable.

• Informe da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, do 24.8.2018 sobre os dereitos mineiros existentes.

b) Augas de Galicia e a Dirección Xeral de Ordenación Forestal non emitiron os informes solicitados en cumprimento do artigo 60.7, polo que se entenden emitidos en sentido favorable.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Aranga, Guitiriz, Mesía, Oza-Cesuras, Sobrado e Vilasantar. Responderon os concellos de Aranga e Mesía, sen obxeccións, e Vilasantar, cunha observación sobre os límites municipais.

d) En canto ás consultas ambientais, foron efectuadas todas as indicadas no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico. Non se obtiveron respostas de: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural, e rematou o prazo o 26.10.2018.

8. A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu, o 10.6.2019, un informe en que non atopa incompatibilidades coa normativa forestal vixente.

9. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu, o 9.3.2021, un informe favorable, cunha consideración relativa á actualización completa do catálogo do PXOM con posterioridade.

10. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu, o 5.11.2021, informe favorable con condicións.

11. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta o seguinte:

a) Informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, do 29.5.2018, favorable condicionado.

b) Solicitude do informe de ADIF, mediante escrito presentado o 9.5.2018.

c) Escrito da Secretaría Xeral de Delegación do Goberno, do 12.6.2018, sen obxeccións.

d) Informe da Deputación Provincial da Coruña, do 20.7.2018, favorable con condicións.

e) Solicitude do informe de Gas Natural Fenosa mediante escrito do 9.5.2018.

f) Informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica, do 12.6.2018, con observacións xerais.

g) Informes da Dirección Xeral de Estradas, desfavorables (3.9.2018 e 5.12.2019) e favorable do 1.2.2021, con condicións para o desenvolvemento do solo urbanizable.

h) Informe do Ministerio de Defensa, do 12.6.2018, sen observacións.

12. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración ambiental estratéxica da modificación mediante a Resolución do 23.5.2022, con catro determinacións a ter en conta.

13. A Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu, o 26.4.2022, un informe no marco da elaboración da declaración ambiental estratéxica, en que conclúe que a modificación é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade.

14. A arquitecta técnica e a secretaria municipais emitiron, o 12.1.2023, cadanseu informe, favorables á aprobación provisional.

15. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello do 17.1.2023.

16. O Concello solicitou a aprobación definitiva o 20.1.2023. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda das deficiencias documentais o 24.2.2023. O concello presentouna o 28.2.2023.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito da modificación é a totalidade do solo rústico do plan xeral vixente tras a modificación número 6. Ademais, a nova ordenanza de equipamento incluída afecta todas as parcelas con tal cualificación, con independencia da clase de solo.

2. O obxectivo da proposta é a adaptación ás distintas categorías de solo rústico da actual normativa urbanística, considerando as características reais do solo (zonas cultivadas, explotacións forestais, etc.), co fin de permitir un mellor aproveitamento del. Os artigos 1 e 2 da normativa establecen a redacción modificada dos capítulo 5 do título III (réxime do solo rústico) e do título XII (regulación do solo rústico) da normativa do plan xeral.

Como cuestións particulares a ter en conta, obsérvanse:

a) En relación co solo rústico de protección patrimonial e para cumprir o indicado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural inclúese na normativa a aplicación subsidiaria das determinacións do catálogo do PBA e os contornos de protección recollidos no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galicia, o que se reflicte no artigo 9.

b) En relación co solo rústico de protección de espazos naturais, a proposta non constata terreos que merezan tal categoría conforme a definición legal, mais inclúense as turbeiras altas e zonas húmidas do «Complexo de turbeiras e breixeira do Deo», por mor da recomendación da declaración ambiental estratéxica, cinxíndose aos ámbitos xa pertencentes ao solo rústico de protección de augas e ás parcelas municipais.

c) No artigo 4 da normativa prevese a redacción dun plan especial de ordenación da actividade forestal e agropecuaria municipal, para delimitar as zonas de uso forestal e agrario e as condicións de usos dentro destas zonas, no prazo de 4 anos.

3. Ademais das categorías de solo rústico a modificación inclúe:

a) Campo de fútbol de Curtis: campo existente de titularidade privada de 10.552 m2 cualificado polo plan xeral como equipamento deportivo existente de titularidade privada co carácter de sistema xeral (folla 11 do plano de ordenación da modificación puntual). Suprímese a consideración de sistema xeral, xa que non se tivo en conta para o cumprimento de estándares e prevese un plan especial de infraestruturas e dotacións para a súa ordenación (artigo 5 da normativa). Defínese un novo sistema xeral de equipamento lindeiro, de 1.632 m2, en que se prevé a instalación do uso vinculado de aparcadoiro.

b) Ampliación de espazo libre en Fisteus: equipamento deportivo existente, de 48.798 m2, cualificado no plan xeral como equipamento deportivo existente público (folla 11 do plano de ordenación da modificación puntual), que tampouco se tivo en conta para os estándares. Proponse a recualificación a sistema xeral de espazo libre público, incrementando un espazo libre público lindeiro que pasa a ter unha superficie total de 58.960 m2.

c) Ampliación no cemiterio de San Roque de Xabriño: actualmente equipamento CM de titularidade pública (folla 12 do plano de ordenación da modificación puntual), proponse a corrección a parroquial privado PV e inclúese unha ampliación de 1.150 m2.

d) Adaptación da rede viaria municipal pola supresión de pasos a nivel polo ADIF.

e) Clasificación dun novo solo urbanizable industrial parque empresarial das Toxeiras, delimitado polo vixente Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG), co número 15032021, de 439.443,43 m2 de área, e en tramitación. Regúlase no artigo 7 e a ficha, que prevén o seu desenvolvemento mediante un plan parcial con uso global industrial; usos prohibidos residencial; usos compatibles o resto; edificabilidade 0,50 m2/m2; sistemas xerais adscritos: 14.166 m2 para viario-aparcadoiro; sistema de actuación: compensación; execución no primeiro cuadrienio.

f) Artigo 3 norma zonal dos equipamentos, públicos e privados en calquera clase de solo (artigo 9.1.5 da normativa do plan xeral, reguladora da norma zonal 5 equipamento, actualmente só para solo urbano e urbanizable) e artigos 6 e 8 sobre a lexislación en materia de ruído e de estradas, respectivamente.

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG): os obxectivos da modificación poden conceptuarse como razóns de interese público válidos.

2. A modificación número 6 do plan xeral foi aprobada definitivamente o 22.1.2022, polo que se considera cuberto o punto III.2 do informe da DXOTU do 2.5.2017.

3. Categorías e regulación do solo rústico (punto III.3 do informe da DXOTU do 2.5.2017).

a) O proxecto non representa os límites do termo municipal en coincidencia cos do Plan básico autonómico sobre a cartografía do IET, o que cómpre corrixir.

b) Deberá categorizarse como solo rústico de protección de infraestruturas a totalidade das liñas eléctricas sinaladas no PBM, cousa que non sucede polo menos en:

• LAT 66 kV subestación PEO Cova da Serpe-Sidegasa, ao sur do polígono industrial (follas 8 e 14 do plano de ordenación, non se representa en coincidencia co trazado existente e o do proxecto sectorial).

• LAT 66 kV Montouto-subestación Sidegasa: non se inclúe no trazado previsto polo proxecto sectorial onde se desvía da liña existente (cara ao norte do centro penitenciario).

• LAT 66 kV PE Codesas-subestación de Sidegasa, non se inclúe parte do trazado previsto (xunto ao núcleo de Recareo).

c) O solo rústico de protección das augas non abrangue ámbitos da zona de policía de augas representados no PBA coa información da cartografía da rede hidrográfica actualizada, polo que esas áreas deberán incluírse con tal categoría na modificación (artigo 34.2.c) da LSG e cuarta determinación da declaración ambiental estratéxica).

d) Non se categoriza solo rústico de protección paisaxística. O informe do Instituto de Estudos do Territorio do 30.10.2018 non contiña obxeccións pero si consideracións a ter en conta sobre o miradoiro do Enxameado, identificado no Catálogo das paisaxes de Galicia aprobado polo Decreto 119/2016, que cómpre incluír na normativa.

e) No solo rústico de protección patrimonial cómpre incorporar os ámbitos afectados conforme a cartografía do Plan básico autonómico.

f) Cómpre adecuar os artigos 1 e 2 da normativa, así como a redacción do artigo 3.5.7 da normativa reguladora do réxime de fóra de ordenación en solo rústico, ás disposicións legais (LSG e RLSG) na súa redacción actual.

4. Deberá eliminarse a previsión do Plan especial de ordenación da actividade forestal e agropecuaria municipal, que non se corresponde con ningún dos previstos no artigo 177 e seguintes do RLSG. Os artigos 70 e 71 da LSG e 177 e 179 do seu regulamento prevén a posibilidade de formular plans especiais para a protección de diferentes valores.

5. O novo sistema xeral de aparcadoiro xunto ao campo de fútbol en Curtis debe ter a consideración de sistema de infraestruturas de comunicacións, e establecerase o sistema para a súa obtención (artigos 52.f) e 59 da LSG e 143 do RLSG).

6. A actuación delimitada polo PSOAEG do parque empresarial das Toxeiras afecta dous termos municipais, polo que non se pode entender que a delimitación dun ámbito de solo urbanizable nun dos dous concellos supoña a plena adaptación ao dito plan. Daquela, deberá eliminarse este ámbito de solo urbanizable e pódese recoller, non obstante, como ámbito derivado do PSOAEG e suxeito ás súas determinacións para o seu desenvolvemento.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 7 do PXOM do Concello de Curtis (A Coruña) coas condicións sinaladas no punto III anterior.

2. O Concello deberá elaborar un documento refundido, incorporando as modificacións derivadas do anterior, e seguir o procedemento establecido polo artigo 62 da LSG.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificiación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíquese esta orde ao Concello.

6. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.