Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 20 de xuño de 2023 Páx. 38479

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, pola que se autoriza a utilización de material forestal de Betula pubescens Ehrh. doutras rexións de procedencia nas repoboacións forestais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 112.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa modificación publicada na Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece no seu artigo 15, punto 1, o seguinte:

«4. O material forestal empregado nas repoboacións forestais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberá ter como orixe a rexión de procedencia en que se inclúa a superficie que se vai repoboar ou, excepcionalmente, poderá facerse con material procedente doutras rexións de procedencia, logo da resolución da Administración forestal, publicada no Diario Oficial de Galicia, que autorice a súa utilización, unha vez comprobada a idoneidade e a capacidade de adaptación dese material forestal».

As rexións de procedencia para Betula pubescens Ehrh. no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia establecidas polo método divisivo están publicadas no BOE do 16 de setembro de 2009 mediante a Resolución do 28 de xullo de 2009, da Dirección Xeral de Recursos Agrícolas e Gandeiros, pola que se autoriza e se publica o Catálogo nacional das rexións de procedencia relativa a diversas especies forestais, e son:

01 Galicia litoral: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

02 Montañas e mesetas interiores de Galicia: Lugo, Ourense, Pontevedra e León.

03 Litoral Astur-Cántabro: A Coruña, Lugo, Asturias, Cantabria e Biscaia.

04 Vertente setentrional Cantábrica: Lugo, León, Asturias e Cantabria.

05 Vertente meridional Cantábrica-lombas da Maragatería: Ourense, León, Zamora, Palencia e Cantabria.

As unidades de admisión de Betula pubescens Ehrh. actualmente inscritas no Rexistro de Materiais de Base de Galicia, así como no Catálogo nacional de materiais de base para a Comunidade Autónoma de Galicia, están dentro das rexións de procedencia 01, 02 e 03.

A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal comproba que as existencias de material forestal de reprodución de Betula pubescens Ehrh. procedente das distintas unidades de admisión de Galicia é practicamente na súa totalidade da rexión de procedencia 02 Montañas e mesetas interiores de Galicia; nas rexións de procedencia 01 Galicia litoral e 03 Litoral Astur-Cántabro as cantidades recollidas e comercializadas non son representativas como para xustificar a existencia de planta para a súa plantación. Por tanto,

RESOLVO:

1. Autorizar indistintamente nas repoboacións forestais, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, os materiais forestais de reprodución de Betula pubescens procedentes das distintas provincias galegas con rexións de procedencia 01 Galicia litoral, 02 Montañas e mesetas interiores de Galicia e 03 Litoral Astur-Cántabro.

2. No caso de non existir material de Betula pubescens recollido nas provincias galegas, autorízase o material forestal de reprodución procedente das unidades de admisión da provincia de León na rexión de procedencia 02 Montañas e mesetas interiores de Galicia e da provincia de Asturias na rexión de procedencia 03 Litoral Astur-Cántabro.

3. De non existir material conforme o establecido nos puntos 1 e 2 desta resolución, autorízase o emprego de Betula pubescens procedente das unidades de admisión das provincias de Asturias e León das rexións de procedencia 04 Vertente setentrional Cantábrica. Para os materiais da rexión de procedencia 05 Vertente meridional Cantábrica-lombas da Maragatería, só se autorizan os procedentes das unidades de admisión da provincia de León.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023

José Luis Chan Rodríguez
Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal