Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2023 Páx. 37798

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Zamorra, sito no concello de Agolada (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/021).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Zamorra, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 11.4.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativa previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Zamorra (en diante, o parque eólico), sito no concello de Agolada (Pontevedra).

Segundo. O 19.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 29.7.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. O 3.3.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de acordo co previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. O 3.3.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o documento de inicio ambiental presentado pola promotora, para os efectos de obter o documento de alcance a que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

Quinto. O 14.5.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

Sexto. O 25.5.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sétimo. O 21.7.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013.

Oitavo. O 6.4.2021, a promotora, Green Capital Power, S.L. presentou o estudo de impacto ambiental.

Noveno. O 9.7.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Zamorra á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.6 da Lei 8/2009.

Décimo. Mediante a Resolución do 22 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Zamorra, situado no concello de Agolada (expediente IN408A 2019/21).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.9.2021 (DOG núm. 189) Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Agolada) e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Décimo primeiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación de Pontevedra, Retegal, Cellnex-Retevisión, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Instituto Xeográfico Nacional.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 21.10.2021, Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual o 6.11.2021, Axencia Galega de Infraestruturas o 18.10.2021, 6.10.2022 e 1.12.2022, Deputación de Pontevedra o 27.10.2021, Retegal 24.10.2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 25.10.2021 e o 7.11.2022 e o Instituto Xeográfico Nacional o 6.10.2021 e o 13.9.2022.

Retevisión I, S.A.U. emitiu, o 25.10.2021, condicionado relativo ao parque eólico. O 21.2.2022, a promotora achegou acordo asinado coa empresa Retevision I, S.A.U., do 10.2.2022, en que se compromete a executar o parque eólico mantendo a calidade do sinal.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 5.1.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio.

Cumprida a tramitación ambiental, o 12.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 13 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro de 2023).

Décimo cuarto. O 26.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009, nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co proxecto sectorial refundido achegado pola promotora o 3.1.2023, onde se recolle o desprazamento de 3 aeroxeradores (ZA02, ZA05 e ZA07), motivado polo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Décimo quinto. O 31.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo sexto. O 24.2.2023, Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto de execución refundido, Proxecto de execución parque eólico Zamorra, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Jaén o 23.2.2023, nº 12201834-27, arquivo shape coa configuración final do parque e as separatas técnicas para o Concello de Agolada e Augas de Galicia, así como unha declaración responsable en que manifesta que: «non son necesarias novas separatas para os seguintes organismos xa informados durante o trámite de información pública: IGN, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Axencia Galega de Infraestruturas, Deputación de Pontevedra, Retegal e Retevisión».

Décimo sétimo. O 6.2.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009, nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en que indica: «conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

Décimo oitavo. O 28.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Xefatura Territorial de Pontevedra un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto de execución do parque eólico, achegando como documentación o proxecto mencionado no antecedente de feito décimo sexto e o arquivo shape presentados pola promotora o 24.2.2023.

Décimo noveno. O 7.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Agolada e Augas de Galicia.

Augas de Galicia emitiu, o 5.4.2023, o correspondente condicionado técnico; a promotora prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Vixésimo. O 24.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra realizou un requirimento á promotora en relación co contido do proxecto de execución refundido. O 11.4.2023, a promotora achegou o proxecto técnico refundido Proxecto de execución parque eólico Zamorra, asinado o 5.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Ángel María Abad León colexiado núm. 2011 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Jaén, e visado polo seu colexio o 10.4.2023, nº 12201834-40, agás o anexo 11 do referido proxecto, relativo ao centro de seccionamento, asinado por David Gavin Asso o 4.4.2023, colexiado núm. 2207 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Aragón e La Rioja, e visado con data 5.4.2023 polo referido colexio.

Vixésimo primeiro. O 10.4.2023, a promotora presentou unha declaración responsable sobra as separatas en que indica que: «non é necesario achegar separatas da Axencia Galega de Infraestruturas nin de Unión Fenosa Distribución».

Vixésimo segundo. O 14.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Vixésimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 31,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.5.2019 e do 19.2.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo de 2022), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, resumidas no antecedente de feito décimo, o 9.3.2023 a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas alegacións se refiren a cuestións que foron tidas en conta polos correspondentes órganos competentes na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 12.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural e do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

No relativo ás alegacións que se refiren a conservación de hábitats, biodiversidade, flora e fauna, solos e ambiente en xeral, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural indicou, no seu informe do 9.5.2022, que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as consideracións que se enumeran no dito informe. En datas posteriores, a promotora presentou documentación adicional en contestación ao informe anterior. O 9.12.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite novo informe en que conclúe que, á vista dos antecedentes e da análise da documentación adicional, considera que o proxecto é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, polo que emite informe favorable.

Respecto ás afeccións á paisaxe, o 20.10.2021 o Instituto de Estudos do Territorio (IET) emitiu un primeiro informe sobre o estudo de impacto e integración paisaxística, en que conclúe que o proxecto presenta un EIIP cuxo contido non se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008, polo que se deberá completar cunha serie de indicacións. Baseándose nelas, a promotora procedeu coa mellora do EIIP para adaptalo á normativa de aplicación, achegando o EIIP actualizado o 17.11.2022. O 5.12.2022, o IET emite novo informe de impacto e integración paisaxística, en que indica que o EIIP se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG. Conclúe que o principal impacto paisaxístico do proxecto será a incidencia visual dos aeroxeradores, que pola súa forma e altura serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias, aínda que non suporán (para os efectos do artigo 33.1.d) do RLPPG) un impacto crítico. Indica que as medidas preventivas, correctoras e compensatorias recollidas no EIIP do proxecto técnico poden considerarse adecuadas para reducir ou mitigar os impactos sobre a paisaxe.

Respecto aos recursos hídricos, Augas de Galicia, en relación co estudo de impacto ambiental e separata técnica do proxecto, conclúe que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar.

2. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle no expediente.

3. En canto ás alegacións relativas á declaración de utilidade pública, cómpre indicar que as compensacións polas afeccións, só no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e os afectados durante o procedemento expropiador, se fixarán de acordo coa lexislación aplicable. O procedemento de expropiación forzosa, en calquera caso, axustarase en todo punto á lexislación vixente na materia.

4. No que respecta ao suposto fraccionamento de proxectos:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos Monte do Outeiro, Alborín, Carballeda, Cunca, Estivada, Pescoso, Rodeira, Turubelo, Espada, Monte Carrío II, Axóuxere, Careón, Farelo, Farelo II, Maxal, Mesada, Monte Cabeza, Monte Carrío, Orrea, PES Agolada, PES Monterroso, Serra do Farelo e Tenzas do Aire, e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, dende o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013, cando di que: «… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Zamorra comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Estivada e Carballeda, o que non impide que os 3 parques que comparten evacuación teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

5. En relación co órgano competente para resolver este procedemento, no artigo 4 «Competencia» do título I da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, establécese que: «a planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia será aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de enerxía. Esta mesma consellería será a competente para tramitar e resolver, como órgano con competencia principal, as solicitudes que se presenten ao abeiro do disposto na presente lei, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder a outros órganos das administracións públicas».

Asemade, indícase que, de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponden á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos.

6. En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

7. Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que, recentemente, a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

8. Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública (concretamente a ausencia de estudo do potencial eólico entre a documentación sometida a exposición pública) cabe remitirse ao antecedente primeiro deste informe, no que se refire á publicación da Resolución da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pola que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Zamorra, sito no concello de Agolada, da provincia de Pontevedra (IN408A 2019/21). O estudo do potencial eólico atópase no anexo 10 do proxecto de execución do PE Zamorra.

Así mesmo, esta resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, interesadas ou que se puidesen considerar prexudicadas nos seus dereitos no Concello de Agolada e na Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, así como na páxina web da mesma Vicepresidencia, ao obxecto de que puidesen presentar as súas alegacións.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

9. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

10. Respecto á solicitude da Asociación Cova da Crea como parte interesada no procedemento, o 21.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais recoñeceulle á dita entidade esta condición.

11. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural informou, o 16.11.2021, o seguinte: «Atendendo a todas as consideración legais e técnicas a que fai referencia no seu informe o técnico do Distrito XVI: Deza-Tabeirós, e segundo os datos existentes nese Servizo de Montes, informo que as obras do parque non afectan montes veciñais en man común nin montes públicos».

Nestes plans, e como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, proponse unha modificación dos planeamentos municipais do concello afectado polo parque. Procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre superpoñer a nova clasificación á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

Tendo en conta estas consideracións, emite informe favorable sobre a execución do proxecto de interese autonómico parque eólico de Zamorra e a súa liña de evacuación.

12. En canto á alegación concreta que reclama aclaración con respecto aos informes preceptivos que debe emitir a Xunta de Galicia que, segundo indica a mercantil promotora no documento estudo de impacto ambiental, na páxina 1 «….serán favorables para a posterior aprobación do proxecto sectorial», a resposta da promotora, o 21.12.2021, recoñece que a redacción desta frase concreta do estudo de impacto ambiental pode dar lugar a confusión, e aclara o seguinte:

«Os informes vinculantes teñen que ser necesariamente positivos antes do traslado do expediente ao órgano ambiental para o inicio do procedemento de DIA… …Os informes recibidos tras a exposición pública poden ser tanto positivos como negativos, e a promotora deberá adaptar o proxecto ao contido dos informes para que, posteriormente, os mesmos organismos volvan informar».

Consideramos esta explicación suficientemente esclarecedora e válida como proposta de contestación a esta alegación concreta.

13. En canto á alegación referida á parte da documentación do proxecto presentada en lingua non oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, responde a promotora o 21.12.2021 «Todos os documentos correspondentes ao proxecto e EIA do PE Zamorra están redactados en castelán, agás algúns anexos do proxecto correspondentes ás especificacións técnicas que son facilitadas polos tecnólogos en lingua inglesa. De todos os xeitos, todas estas especificacións tivéronse en conta no deseño do parque e descríbense ao longo do proxecto nunha lingua oficial, como é o castelán».

O carácter puramente técnico da documentación mencionada fai que sexa prescindible, ao noso xuízo, para a comprensión total do proxecto, o seu impacto e afeccións por parte do público xeral.

14. Alegacións relativas ao patrimonio cultural e arqueolóxico e a súa descontextualización.

O 3.2.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe en que indica que á vista da documentación remitida e da que consta nesa Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, considera que é necesaria unha nova avaliación do impacto da infraestrutura eólica sobre o patrimonio cultural, que dea resposta a todas as consideracións técnicas establecidas no seu informe.

O 25.2.2022, a promotora manifesta a aceptación do contido do informe, amosando a súa conformidade. Así mesmo, fai constar que está a traballar na elaboración dun novo documento de avaliación sobre o patrimonio cultural no PE Zamorra, que cumpra coas consideracións emitidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e que presentará ante a xefatura territorial cando estea finalizado. Xunto a este documento de avaliación ambiental, que estará presente no futuro refundido do EIA do PE Zamorra, tramitará un novo proxecto arqueolóxico que substitúa o anterior.

O 29.8.2022, a promotora achega documento de avaliación ambiental sobre o patrimonio cultural no parque eólico Zamorra.

O 19.12.2022, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite novo informe en que conclúe que en atención ao expresado no punto anterior do informe, e desde o punto de vista da protección do patrimonio cultural, emite informe favorable sobre os documentos Parque eólico Zamorra. Agolada. Pontevedra. Estudo de impacto ambiental (outubro de 2020) e proxecto sectorial parque eólico Zamorra (marzo 2021), coa nova proposta de deseño reflectida na avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural, remitida o 5.9.2022, e as medidas correctoras propostas nela, coa excepción da vía de acceso aos aeroxeradores ZA-06 e ZA-07, que discorre pola necrópole de Ponte da Vila e do conxunto de Buxel.

Indica, finalmente, que as intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como no seu contorno de protección ou zona de amortecemento, terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e, para estes efectos, a promotora ou o concello, logo da concesión de licenza, deberá remitir o correspondente proxecto técnico.

O 23.12.2022, a promotora achega addenda á memoria arqueolóxica con novo acceso aos aeroxeradores ZA-06 e ZA-07.

Por outra banda, no seu informe do 10.10.2021, a Axencia de Turismo de Galicia indica que, dado o alcance das actuacións que se pretenden facer e segundo o estudo de impacto turístico achegado como documentación complementaria, pode concluírse que o impacto que terá o parque eólico Zamorra no turismo rural local, así como na súa contorna, é reducido e que deberá ser atenuado polas medidas compensatorias e correctivas xa incluídas na declaración de impacto ambiental.

15. No que respecta ás alegacións relacionadas coa saúde da poboación e o posible éxodo poboacional asociado, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite un primeiro informe en que avalía o posible impacto do proxecto sobre a saúde humana tendo en conta a caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos, identificación das posibles vías de exposición, avaliación da necesidade de medición da exposición e do deseño dun estudo de avaliación de risco para a saúde do proxecto.

En canto á xeración de ruído, indica que a promotora presenta a avaliación da calidade acústica preoperacional, unha estimación teórica da xeración de ruído durante a fase de obra e un modelado do nivel sonoro durante a fase de funcionamento e conclúe, para cada un deses casos, que non se supera o limiar máximo establecido. Porén, non presenta a xustificación do criterio de elección dos puntos de control respecto da vixilancia, especialmente cando non se teñen en consideración as dúas edificacións máis próximas aos aeroxeradores. Presentan un estudo do ruído exterior emitido polo edificio do centro de seccionamento, en que non se prevé afección acústica e avalían o posible efecto acumulativo ou sinérxico do parque eólico, en que conclúe que non consideran afeccións acústicas nas vivendas máis próximas.

Respecto do efecto pestanexo de sombras, shadow flicker, a promotora presenta un resumo en que indica que os resultados da simulación realizada, para o escenario no caso peor, indican a non superación de 30 horas/ano.

A dirección xeral conclúe que non se recolle información ou que esta é insuficiente para algúns aspectos que poden ter repercusións sobre a saúde da poboación, polo que xulga oportuno que a promotora a complete. Entre outras, requírese que se xustifique a elección dos puntos de control respecto da vixilancia en fase de obra e en fase de explotación dos niveis de ruído e que deberá presentar os resultados para os escenarios caso peor e caso real ou estatístico para o efecto shadow flicker, indicando as hipóteses de modelización. Lembra que o limiar que se considera no escenario caso real é de 8 horas/ano, segundo os criterios de avaliación desa dirección xeral recollidos no documento Alcance de estudo de impacto ambiental para parques eólicos. A este respecto, o proxecto recollerá as medidas aplicables no caso de superar o limiar e deberase levar a cabo un seguimento específico do pestanexo de sombras durante o primeiro ano de explotación, así como a consideración dos posibles efectos sinérxicos con parques eólicos próximos.

A promotora da contestación ao dito informe no día 2.9.2022 cun escrito xunto ao que se achega o documento titulado Resposta ao informe da Dirección Xeral de Saúde Pública ao parque eólico Zamorra. Setembro 2022, complementado polos anexos: 4. Estudo de ruídos preoperacional, 5. Simulación acústica, 6. Análise da afección por pestanexo por sombra (shadow flicker) do parque eólico Zamorra, 13. Estudo de afección electromagnética e 14. Estudo de afeccions á saúde pública.

Á vista da resposta da promotora, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite un segundo informe o día 5.10.2022, en que considera satisfeitos a maioría dos requirimentos manifestados previamente, sendo necesario que se proporcione información sobre certos aspectos: xustificación dos datos do estudo de shadow flicker, así como aclaración ás incongruencias entre certos puntos dos anexos 4 e 5 achegados pola promotora.

Como resposta a promotora presenta un escrito o día 4.11.2022, onde xustifica os datos do efecto pestanexo de sombras e remite novamente o anexo 5 indicando que se produciu un erro na documentación presentada anteriormente.

Nun terceiro informe no día 30.11.2022, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable condicionado á presentación de aclaración dos datos respecto ao efecto de pestanexo de sombras con carácter previo ao inicio das obras.

16. En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, se concreta o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de:

Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

Actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables.

Outras actuacións de protección do ambiente e do espazo natural.

Os custos elixibles, para efectos de distribución do fondo, son, entre outros:

• Investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipamentos e instalacións. Cando no investimento participase directamente persoal da entidade local, imputaranse os gastos correspondentes ao persoal utilizado.

• Custos do proxecto e dirección de obra, se se trata de contratacións externas.

• Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do ambiente e do espazo natural. En caso de que se utilizase persoal da entidade local, imputaranse os gastos correspondentes ao persoal utilizado.

Hai que sinalar tamén que no estudo de impacto ambiental se xustifica o proxecto dende o punto de vista do PANER (Plan de acción nacional de enerxías renovables) e do PNIEC (Plan nacional integrado de enerxía e clima). A redución da dependencia enerxética, a redución de taxas de emisión de gases de efecto invernadoiro e o aforro de combustibles fósiles son beneficios que redundan en toda a sociedade e, polo tanto, tamén de xeito indirecto na poboación dos concellos afectados.

17. Por último, na alegación que alude á Lei 9/2018, do 5 de decembro (que modifica, entre outras, a Lei 21/2013, de avaliación ambiental), e á Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como fundamento da exixencia de identificación dos funcionarios e capacitación profesional de cantos interveñen na revisión das alegacións, deixamos ao mellor criterio da dirección xeral a proposta de contestación concreta, ao involucrar un dominio xurídico que entendemos que escapa das competencias desta xefatura neste procedemento».

No caso das alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, non se admiten, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 11.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Zamorra, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 12.1.2023, e recollida no antecedente de feito décimo terceiro desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Zamorra, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Zamorra.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Zamorra, sito no concello de Agolada (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 31,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Zamorra, composto polo documento Proxecto de execución parque eólico Zamorra, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Jaén o 23.2.2023, núm. 12201834-27.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Enderezo social: Paseo del Club Deportivo 1, edif. 13, 1º, Pozuelo de Alarcón.

Denominación: parque eólico Zamorra.

Potencia instalada: 31,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 31,5 MW.

Produción neta: 83.243 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.643 h.

Concello afectado: Agolada (Pontevedra).

Orzamento de execución: 24.223.659,42 €.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

P1

572.875,00

4.742.785,00

P2

577.183,00

4.742.785,00

P3

577.183,00

4.742.506,00

P4

581.167,00

4.742.506,00

P5

581.167,00

4.739.623,00

P6

574.327,00

4.739.623,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

ZA01

574.017,00

4.742.164,00

ZA02

573.954,00

4.741.731,00

ZA03

573.893,00

4.742.582,00

ZA04

576.620,00

4.742.524,00

ZA05

577.267,00

4.741.724,00

ZA06

580.289,00

4.740.992,00

ZA07

580.808,10

4.740.286,49

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre medición

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

M1

574.004,00

4.742.317,00

Coordenadas do centro de seccionamento

Centro de seccionamento

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

Centro

578.172,00

4.741.407,00

P1

578.162,62

4.741.414,80

P2

578.203,39

4.741.414,80

P3

578.220,19

4.741.378,43

P4

578.167,65

4.741.373,20

Situación da cela de entrada da subestación colectora Elia:

Subestación Elia

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS 89)

X

Y

Cela

578.120,57

4741420,31

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

1. 7 aeroxeradores modelo SG145, cunha altura ata a buxa de 127,5 m e un diámetro de rotor de 145 m, con xerador síncrono de 4,5 MW potencia nominal unitaria e cos seus correspondentes centros de transformación montados en góndola con potencia unitaria, de 5.650 kVA de relación de transformación de 0,69/30 kV, montados sobre fuste tubular metálico e con seus correspondentes aparellos de seccionamento, manobra e protección.

2. Rede de media tensión de 30 kV soterrada, formada por catro (4) circuítos con cables AL/XLPE 18/30 kV (36 kV) de seccións de 95, 240 e 500 mm2, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de seccionamento. A mesma gabia incluirá cablaxe de terra de Cu de 50 mm2 e condutores de fibra óptica.

3. Centro de seccionamento formado por dúas envolventes prefabricadas de formigón, distribuídas da seguinte maneira:

• Unha envolvente prefabricada como centro de interconexión en que se aloxarán as celas do sistema de media tensión (30 kV) e transformador de servizos auxiliares.

• Unha envolvente prefabricada para a parte de control onde se aloxarán os elementos de control, equipamentos auxiliares, sistema de comunicación, protección, corrente continua, etc.

4. Torre meteorolóxica de 127,5 m de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 180.386 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.5 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 12.1.2023, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais