Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 16 de xuño de 2023 Páx. 37850

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Estivada, sito nos concellos de Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo), promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/017).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Estivada.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque Estivada, sito nos concellos de Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo), para unha potencia de 36 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 210.272 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia, segundo os puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante as xefaturas territoriais un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Lugo e Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 18.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 18.3.2019 Green Capital Power, S.L. solicitou as autorizacións administrativa previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Estivada, sito nos concellos de Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo).

2. O 18.8.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 1.7.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 3.3.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu o documento de inicio ambiental presentado polo promotor para os efectos de obter o documento de alcance a que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

4. O 3.3.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou o informe á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e, consonte o previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, de acordo coa redacción anterior á modificación da Lei 9/2021.

5. O 28.4.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicou a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

6. O 7.5.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

7. O 21.7.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de novembro.

8. O 25.1.2021 Green Capital Power, S.L. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Estivada (expediente IN408A 2019/017) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, consistente en forma xeral no cambio de modelo de aeroxerador.

9. O 30.3.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

10. O 20.4.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009.

11. O 7.6.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, no cal se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (Psega), respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

12. Mediante a Resolución do 6 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do parque eólico Estivada, situado nos concellos de Agolada (Pontevedra) e de Antas de Ulla (Lugo), promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/017).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 201, do 19 de outubro de 2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais afectadas (Lugo e Pontevedra) e remitiuse para exposición aos concellos afectados (Agolada e Antas de Ulla).

Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Agolada, Concello de Antas de Ulla, Deputación Provincial de Lugo, Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal, S.A. o 27.11.2021, Cellnex Telecom, S.A. o 19.11.2021, Deputación Provincial de Lugo o 4.11.2021 e o 28.6.2022, Augas de Galicia o 24.11.2021 e Dirección Xeral de Telecomunicacións o 4.3.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

14. O 26.4.2022 a Xefatura Territorial de Lugo remitiu o informe de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

15. O 15.9.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu ás xefaturas territoriais de Lugo e Pontevedra o proxecto de execución refundido Proxecto de execución parque eólico Estivada, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Ángel Mª Abad León, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Jaén o 27.6.2022, con nº 12210032-11, achegado polo promotor tras o procedemento de información pública e a emisión dos informes e condicionados técnicos dos distintos organismos afectados para que estes efectuasen as consideracións que xulgasen oportunas.

16. O 28.9.2022 a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

17. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Agolada e Concello de Antas de Ulla.

Formalizada a tramitación ambiental, o 18.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 21 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 232, do 7 de decembro).

18. O 23.12.2022 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor o proxecto de execución, o arquivo shape e as separatas técnicas refundidos resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

19. O 25.1.2023 Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto de execución refundido no que se resitúa o aeroxerador 05 e se substitúe a subestación eléctrica por un centro de seccionamento, denominado Proxecto de execución. Parque eólico monte Estivada, visado polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Jaén o 20.1.2023, con nº 12210032-15, o arquivo shape coa configuración final do parque e as separatas técnicas para Agolada, Antas de Ulla, deputacións de Lugo e Pontevedra, Augas de Galicia e Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

20. O 10.2.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulle á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009 nos termos indicados na disposición transitoria sétima, en relación co proxecto sectorial refundido achegado polo promotor o 25.1.2023.

21. O 15.2.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitoulles ás xefaturas territoriais de Lugo e Pontevedra un novo informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas e achegou como documentación o proxecto de execución refundido e o arquivo shape presentados polo promotor o 25.1.2023.

22. O 15.2.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Antas de Ulla, Concello de Agolada, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Deputación Provincial de Pontevedra e Dirección Xeral de Telecomunicacións.

A Deputación Provincial de Lugo emitiu condicionado técnico o 16.3.2023. O promotor prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

23. O 22.2.2023 o promotor presentou unha declaración responsable en que indica que as separatas de Cellnex e Retegal emitidas en relación coa versión do proxecto sometido a exposición pública, non implican alteracións nos alcances nin nos aspectos valorados e apuntados polos organismos que manifestaron os seus condicionados, polo que se considera innecesario un novo informe destes organismos ás separatas remitidas.

24. O 8.3.2023 o promotor presentou ante esta Dirección Xeral, autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) do 28.2.2023.

25. O 10.3.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de distancias conforme o artigo 33.7 da Lei 8/2009 nos termos indicados na disposición transitoria sétima, no cal indica «conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación».

26. O 22.3.2023 a Xefatura Territorial de Pontevedra requiriu a promotora en relación co contido do proxecto de execución refundido. O 11.4.2023 o promotor achegou o proxecto técnico refundido Proxecto de execución parque eólico Estivada, asinado o 5.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Ángel María Abad León colexiado nº 2011 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Jaén, e visado polo seu colexio o 5.4.2023, con nº 12210032-30, e o anexo 12 do referido proxecto, relativo ao centro de seccionamento, vén asinado por Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado nº 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, visado o 18.1.2023, con nº V230021, polo referido colexio.

27. 14.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

28. A documentación presentada polo promotor no antecedente de feito vixésimo sexto remitiuse á Xefatura Territorial de Lugo. O 18.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

29. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 36 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.5.2019 e do 19.2.2022.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais