Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2023 Páx. 37451

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/020-4).

Expediente: IN407A 2022/020-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS BAL701 e reforma e ampliación de potencia CT Carneiras.

Concello: Vigo.

Feitos:

Primeiro. O 21 de xaneiro de 2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica LMTS BAL701 e reforma e ampliación de potencia CT Carneiras.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no camiño Pasales-Castrelos e na avenida Castrelos, 464, na parroquia de Matamá, no concello de Vigo:

– Ampliación do centro de transformación (CT) de tipo pombal Carneiras (36C492) de 250 kVA a 400 kVA a través da instalación dun transformador en bloque compacto manobra exterior 2L 1P TC TG. Este centro de transformación quedará conectado, con entrada e saída á rede existente entre os tramos BAL7012773 e BAL7012769, mediante a instalación de dous pasos aéreo-subterráneo (PAS) no apoio 9WJIBGTT//26-16 e dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 134 metros (dous tramos de 67 metros).

– Retirada de 38 metros da liña de media tensión aérea e do apoio 9WJIBGUX/26-16-1.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por Augas de Galicia e polo Concello de Vigo.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Terceiro. O 11 de marzo de 2022, UFD achegou un anexo ao proxecto inicial para a implantación dun transformador auxiliar provisional no camiño Pasales coa finalidade de manter, durante a execución das obras de reforma, o servizo eléctrico aos clientes que actualmente reciben subministración en baixa tensión desde o centro de transformación Carneiras.

Cuarto. O 25 de marzo de 2022, segundo o disposto no artigo 53.1.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, en relación coa implantación de instalacións móbiles provisionais, esta xefatura territorial requiriu a UFD o informe do Concello de Vigo sobre o anexo ao proxecto.

Quinto. O 14 de abril de 2022, UFD achega o informe do 8 de abril de 2022 emitido polo Concello en que indica que non existen inconvenientes para a instalación do transformador provisional durante a execución das obras.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, en dúas actuacións. A primeira é de 67 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente 9WJIBGTT//26-16 mediante PAS e final no centro de transformación proxectado. A segunda actuación é de 67 metros, con orixe no centro de transformación proxectado e final no apoio 9WJIBGTT//26-16 mediante PAS.

– Centro de transformación a 400 kVA, con RT 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 3118702NG2731N0001GL.

– A instalación dun transformador auxiliar provisional no interior dun contedor estándar (2,50 × 4,50 m) situado na parede posterior do centro de transformación Carneiras que ten como finalidade permitir a reforma do centro de transformación existente e manter a subministración eléctrica na zona.

– As instalacións están situadas no camiño Pasales-Castrelos e na avenida Castrelos, 464, na parroquia de Matamá, no concello de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS BAL701 e reforma e ampliación de potencia CT Carneiras (expediente IN407A 2022/020-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Outorgar a UFD Distribución Electricidad, S.A. a autorización administrativa de implantación para a instalación dun transformador auxiliar provisional cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no anexo ao proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas no informe do Concello.

Terceiro. UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Cuarto. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 16 de maio de 2023

Beatriz López del Olmo
Xefa territorial de Pontevedra