Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 15 de xuño de 2023 Páx. 37444

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Orballeira, sito nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Quiroga e promovido por Sinagra Investiments, S.L. (expediente IN408A 2020/006).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 12 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Orballeira.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Orballeira, sito nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e Quiroga (Lugo) e promovido por Sinagra Investiments, S.L. (expediente IN408A 2020/006), cunha potencia de 19,8 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Sinagra Investiments, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 182.558 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegarlle á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá obter, para a configuración definitiva do proxecto autorizada no presente acordo, condicionados da Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

6. Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) ás cales o promotor deberá dar cumprimento previo ao inicio das obras deberá dispoñer de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas en proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

11. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.12.2022, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 27.1.2020 Sinagra Investiments, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

2. O 12.6.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle a Sinagra Investiments, S.L. o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 21.3.2019 a Sinagra Investiments, S.L. achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 15.7.2020 Sinagra Investiments, S.L. presentou unha solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. O 27.8.2021 Sinagra Investiments, S.L. solicita a suspensión desta modificación, dado que os aeroxeradores estaban dentro da zona crítica de influencia da aguia real.

4. O 4.10.2021 Sinagra Investiments, S.L. presentou outra solicitude de modificación substancial.

5. O 23.12.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle a Sinagra Investiments, S.L. o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

6. O 1.2.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

7. Mediante a Resolución do 30 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sométese a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico das instalacións do parque eólico Orballeira, situado nos concellos da Rúa, Villamartín de Valdeorras (Ourense) e Quiroga (Lugo) e promovido por Sinagra Investiments, S.L. (expediente IN408A 2020/006).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 6.4.2022. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Rúa, Quiroga e Vilamartín de Valdeorras) e permaneceu exposto nas dependencias das xefaturas territoriais de Lugo e Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición. Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A., Concello da Rúa, Concello de Quiroga, Concello de Vilamartín de Valdeorras, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Unión Fenosa Distribución e Red Eléctrica de España.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello da Rúa, 2.5.2022; Concello de Vilamartín de Valdeorras, 19.5.2022; CHMS, 30.5.2022; Unión Fenosa Distribución, 31.3.2022 e 9.6.2022; Red Eléctrica de España, 27.4.2022; Retegal, 10.4.2022, e Cellnex Telecom, 22.4.2022.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Concello da Rúa, Concello de Quiroga e Concello de Vilamartín de Valdeorras.

Formalizada a tramitación ambiental, o 30.12.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 2 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DOG núm. 9, do 13 de xaneiro).

10. O 18.2.2023 a promotora presenta proxecto refundido denominado Proxecto de execución refundido. Parque eólico Orballeira. A Rúa (Ourense) e Quiroga (Lugo). Febreiro de 2023, asinado polo enxeñeiro industiral Jorge Núñez Ares (colexiado núm. 1102 do Colexio de Enxeñeiros de Galicia).

Así mesmo, achegou declaración en que manifesta que non existen novos organismos afectados respecto aos xa identificados e aos que, con carácter previo, se lles remitiu a separata do proxecto de execución.

11. O 23.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

12. O 10.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

13. O 12.3.2023 a promotora presenta acordo de compartición de infraestruturas comúns de evacuación á subestación Trives 220 kV de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

14. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo o informe do xestor da rede do 11.3.2020 e do 24.3.2021.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais