Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35595

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 30 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Peón, sito no concello da Lama (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2018/004).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 30 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Peón.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Monte Peón, sito no concello da Lama (Pontevedra), e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 12,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 231.075 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 23.9.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas na DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, coa obtención dos informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por este acordo se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 19.1.2018, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial das instalacións do parque eólico.

2. O 5.4.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 4.6.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 4.11.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón do cambio de denominación social da sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., que pasou a denominarse Naturgy Renovables, S.L.U.

4. O 26.12.2019, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente no desprazamento das posicións dos aeroxeradores, da torre meteorolóxica e da subestación.

5. O 20.2.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos de capacidade e da solicitude de modificación substancial establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009.

6. O 30.3.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se seguirá e os organismos que se consultarán durante a fase de información pública.

7. O 4.6.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

8. O 4.9.2020, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Pontevedra, en diante, xefatura territorial, para a continuación da tramitación.

9. Mediante a Resolución do 8 de outubro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Monte Peón, sito no concello da Lama, na provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16 de novembro de 2020 e no xornal Faro de Vigo do 23 de outubro. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (A Lama) e da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

10. O 27.3.2023, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra remitiu informe complementario de tramitación co resumo de alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, do cal se transcribe o seu contido:

«Alegacións de carácter ambiental:

1. Orzamento insuficiente do programa de vixilancia ambiental proposto no estudo de impacto ambiental, que reflicte o escaso valor que se lle presta a esta cuestión no desenvolvemento do proxecto.

2. Carencias no estudo de impacto ambiental sobre a caracterización da comunidade de quirópteros, como para poder valorar con rigor e obxectividade o posible impacto sobre a dita comunidade, nin para poder coñecer a posteriori a evolución das súas poboacións.

3. A periodicidade mensual prevista no estudo de impacto ambiental das visitas para facer o seguimento da mortalidade dos quirópteros por colisión coas aspas dos aeroxeradores é completamente insuficiente.

4. Non se fai no estudo de impacto ambiental ningunha previsión sobre os posibles efectos acumulativos da mortalidade dos morcegos no conxunto de parques eólicos da zona de influencia do parque eólico Monte Peón.

5. Afección moi severa e prexuízos irreparables para a Rede Natura 2000 e a súa coherencia. Falta de conectividade ecolóxica entre os ecosistemas. Afección significativa e danos irreversibles a outros espazos protexidos. Afección severa e prexuízos irreversibles para a avifauna. Prexuízos significativos e danos irreversibles para os hábitats prioritarios e de interese comunitario. Afección severa e irreversible para o sistema de brañas e humidais da zona de afección do proxecto.

6. Vulneración flagrante da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

7. Prexuízos significativos e irreparables para o bosque de ribeira e o bosque autóctono galego ou Ancient Wood.

8. Afección severa e irreversible a especies endémicas en perigo de extinción ou vulnerables (artigos 91 e 95 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia).

9. Prexuízos irreversibles para o lobo e para a viabilidade da especie, afección aos seus puntos de encame e puntos de encontro lobeiros.

10. Prexuízos significativos e irreversibles para os solos e o ambiente.

11. Afección moi severa e prexuízos significativos para os recursos hídricos.

12. Galicia produce máis electricidade da que consume, exportando gran parte da electricidade ao resto de España, soportando un sector enerxético cun elevado impacto ambiental.

Alegacións sobre afeccións ao patrimonio cultural, natural e paisaxístico:

13. Afección severa á paisaxe e xeración de feísmo paisaxístico.

14. Afección severa ao patrimonio cultural e arqueolóxico.

15. Afección severa a itinerarios de carácter patrimonial e ás paisaxes. Afección severa ao turismo e a hostalería. Afección severa ao Camiño de Santiago.

16. Ter en conta as conclusións do informe da Comisión Técnica Temporal sobre Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia.

Alegacións sobre a saúde e a calidade de vida:

17. Impactos sobre a saúde humana e o benestar das familias afectadas.

18. Ter en conta as conclusións do informe elaborado por Aliente (Alianza Enerxía e Territorio): efectos de centrais eólicas e solares e instalacións eléctricas asociadas, sobre a saúde e a calidade de vida.

Alegacións por fraccionamento das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais e efectos acumulativos sen avaliar:

19. División artificiosa ou fragmentada para os efectos ambientais en proxectos independentes, dun plan industrial eólico ou conxunto de proxectos que comparten unha solución de evacuación conxunta, impulsado por acordos entre empresas que configuran un clúster empresarial e que, polo tanto, deberá someterse a avaliación ambiental estratéxica propia de todos os plans.

20. Ausencia de avaliación ambiental acumulada e sinérxica da totalidade do conxunto de infraestruturas correspondentes aos proxectos do parque eólico Laxabranca, instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe sur, instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe leste, proxecto do parque eólico Uxo, proxecto do parque eólico Coto das Airas, proxecto do parque eólico Marcofán, proxecto do parque eólico Monte Peón e proxecto do parque eólico Puza.

21. A totalidade das infraestruturas do proxecto eólico deberán estar incluídas para a súa consulta pública e avaliación ambiental no estudo de impacto ambiental, e non noutros proxectos independentes, xa que se está a impedir á cidadanía a avaliación dos impactos ambientais globais do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial.

22. De conformidade co previsto no artigo 53.1.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, a tramitación dos parques que comparten infraestruturas de evacuación ten que efectuarse de maneira conxunta incluíndo as ditas infraestruturas comúns, xa que está motivada a súa identidade substancial e íntima conexión.

Alegacións sobre o impacto socioeconómico:

23. Éxodo poboacional parello á instalación de industrias agresivas coa contorna e co ambiente. Presión industrial excesiva.

24. A instalación de parque eólicos en Galicia, segundo recolle o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), non supuxo beneficios socioeconómicos para os concellos que albergan as infraestruturas eólicas.

Outras:

25. Actualmente non existe normativa autonómica específica para regular a actividade eólica, xa que o Plan sectorial eólico de Galicia non está vixente. De acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a Administración da Xunta de Galicia está obrigada a establecer un novo marco regulatorio, incorporando de xeito urxente unha avaliación estratéxica previa. Este baleiro legal imposibilita unha planificación adecuada da nova implantación de enerxía eólica en Galicia, motivo máis que suficiente para paralizar de xeito inmediato a tramitación de novos proxectos eólicos.

26. Vulneración flagrante da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Eliminación da multifuncionalidade do monte.

27. A realidade reflexa que a capacidade de acollida de Galicia de novos proxectos de parques eólicos está saturada.

28. Foi imposible acceder á información ambiental do parque eólico Monte Peón e doutros parques tamén arestora en tramitación, e relacionados co proxecto do parque eólico Laxabranca e co proxecto das instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe sur, sitas nos concellos da Lama (Pontevedra), Avión e Beariz (Ourense), xa que na páxina web de transparencia da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación non se permitía o acceso a documentación ambiental.

29. Ter en conta as conclusións do Informe #Macroeólicos sobre o impacto dos parques eólicos e as súas infraestruturas sobre o patrimonio cultural, ambiental, agropecuario, demográfico e turístico en Galicia.

30. Identificación dos funcionarios e a capacitación profesional de cantos interveñan na revisión das alegacións, ao abeiro do artigo 9, punto 5 da Lei 21/2013, de avaliación ambiental (artigo único, punto 5 da Lei 9/2018, do 5 de decembro, pola que se modifica a Lei 21/2013): «as administracións públicas garantirán que os órganos ambientais dispoñen de coñecementos para examinar os estudos y documentos ambientais estratéxicos, e os estudos e documentos de impacto ambiental…», e do artigo 53, punto 1.b) da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que os interesados nun procedemento administrativo teñen dereito a «identificar as autoridades e o persoal ao servizo das administracións públicas sobre os cales recae a responsabilidade de tramitar os procedementos».

11. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Deputación Provincial de Pontevedra, Augas de Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom e Concello da Lama.

12. A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal no 11.11.2020, Retevisión I, S.A.U. no 29.11.2020, Deputación Provincial de Pontevedra no 15.6.2021, Augas de Galicia no 12.11.2020 e Concello da Lama no 23.10.2020.

O promotor prestou a súa conformidade coa totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

13. O 6.4.2020, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

14. O 5.11.2021, a xefatura territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

15. O 8.11.2021, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

16. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio e Concello da Lama.

17. Cuberta a tramitación ambiental, o 23.9.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 23 de setembro de 2022 (DOG nº 193, do 10 de outubro).

18. O 3.11.2022, en resposta ao requirimento da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais do 11.10.2022, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública (proxecto de execución asinado dixitalmente por Jorge Núñez Ares, colexiado núm. 1102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, visado núm. 20223281 do 31.10.2022). O 15.11.2022, a promotora presentou unha declaración responsable de que non se identifican novas afeccións respecto das xa identificadas no proxecto anterior, xa informadas a través das diferentes separatas para os organismos afectados.

19. O 7.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra fixo un requirimento ao promotor sobre o proxecto de execución do 31.10.2022). En resposta, o promotor presentou un novo proxecto técnico (proxecto de execución asinado dixitalmente polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, visado núm. 20230672 do 9.3.2023). O 13.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

20. O 14.3.2023, a xefatura territorial remitiu á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a nova documentación xunto co informe do artigo 33.16.

O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 12,60 MW, segundo o informe do xestor da rede do 16.2.2021.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais