Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35605

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Mesada, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. (expediente IN661A 2011/11-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Mesada, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 11 MW e promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. (en diante, a promotora).

Segundo. O 30.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

Terceiro. Mediante a Resolución do 4 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública para autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica e o estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico Mesada, no concello de Vila de Cruces, provincia de Pontevedra (expediente IN661A 2011/11-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.6.2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 29.6.2012 e no xornal El Faro de Vigo, do 22.6.2012. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Vila de Cruces), e nas dependencias da Consellería de Economía e Industria e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Cuarto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 5 do artigo 37 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Consellería de Economía e Industria da Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Retevisión I, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Concello de Vila de Cruces.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas o 14.6.2012, Retevisión I, S.A. o 28.6.2012, Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) o 26.6.2012 e Concello de Vila de Cruces o 20.7.2012.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Quinto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Secretaría Xeral para o Turismo (actualmente, Axencia de Turismo de Galicia), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza (actualmente, Dirección Xeral de Patrimonio Natural), Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública (actualmente, Dirección Xeral de Saúde Pública), Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Vila de Cruces.

Rematada a tramitación ambiental, o 29.12.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 25 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 29, do 12 de febreiro).

Sexto. O 22.6.2021, a promotora presentou documentación actualizada co fin de incorporar ao proxecto do parque eólico os cambios introducidos durante a tramitación ambiental. Posteriormente, con datas do 2.9.2021, do 14.10.2021 e do 26.10.2021, achegaron nova documentación actualizada.

Sétimo. O 21.10.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Mesada (expediente IN661A 2011/11-4), promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., e pola Resolución do 25 de outubro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Mesada (expediente IN661A 2011/11-4), promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Oitavo. O 4.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009 en resposta á solicitude do 27.10.2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, en que se indica que «1 das 3 posicións non cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Concretamente, o aeroxerador A-03 non cumpre a citada distancia mínima respecto do núcleo rural de Fontarcada».

Noveno. O 3.3.2022, a promotora presentou nova documentación para dar resposta ao informe desfavorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo mencionado no antecedente de feito oitavo, achegando separatas para os seguintes organismos: Axencia Galega de Infraestruturas, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Concello de Vila de Cruces. Con carácter xeral, suprímese a posición A03 e proxéctase un novo modelo de aeroxerador para as dúas posicións restantes, que manteñen o seu emprazamento.

Décimo. O 25.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación mencionada no antecedente de feito noveno aos seguintes organismos:

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidad e Cambio Climático para os efectos da emisión do correspondente informe, de acordo co previsto no punto 4.3.2 da DIA.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para os efectos da emisión do informe en relación co cumprimento das distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

• Xefatura Territorial de Pontevedra para os efectos da emisión do informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Décimo primeiro. O 25.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación mencionada no antecedente de feito noveno aos seguintes organismos para os efectos de que presten a súa conformidade ou oposición á autorización das instalacións, así como para que emitan o correspondente condicionado técnico: Axencia Galega de Infraestruturas, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Concello de Vila de Cruces.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas o 1.4.2022, o 29.8.2022 e o 6.9.2022, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión) o 8.4.2022 e Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) o 1.4.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento. Ao estar o parque eólico Mesada declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito sétimo, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 8.4.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidad e Cambio Climático emitiu informe onde indica que «á vista da documentación recibida e unha vez revisado o expediente, considérase que a promotora ten que elaborar un novo documento e planimetría en que se describan e se recollan todas as modificacións introducidas. O dito documento é necesario que conte co informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural».

Décimo terceiro. O 11.4.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu un primeiro informe onde se indica que o proxecto técnico administrativo deberase completar nunha serie de aspectos.

O 27.4.2022, a promotora achegou o documento Documentación complementaria ao proxecto de execución parque eólico Mesada. Abril 2022, con sinatura electrónica da mesma data.

O 7.6.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu un segundo informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Décimo cuarto. O 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009 en resposta á solicitude do 27.10.2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, en que se indica que «as coordenadas dos 2 aeroxeradores recollidas na memoria cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

Décimo quinto. O 19.7.2022, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. remitiulle a esta dirección xeral unha memoria arqueolóxica do proxecto modificado e achegou posteriormente, o 26.7.2022, un documento ambiental comparativo.

O 25.8.2022 e o 1.9.2022, esta dirección xeral remitiulle a dita documentación técnica á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a emisión do informe requirido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático no informe do 8.4.2022 mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

O 13.1.2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o informe correspondente.

Décimo sexto. O 3.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre modificacións no proxecto onde se indica que «unha vez revisado o conxunto do expediente conclúese que non existen obxeccións ao cambio solicitado pola promotora sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada e se teña en conta o contido íntegro do informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 13.1.2023».

Décimo sétimo. O 13.3.2023, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o proxecto de execución refundido como resposta a un requirimento de emenda de documentación desta dirección xeral do 10.2.2023.

Así mesmo, achegou unha declaración responsable en que indica que «as condicións na configuración final do proxecto parque eólico Mesada co número de visado BA00531/23 e data do 10 de marzo de 2023 non modifican ningunha das condicións xa comunicadas por min representada durante a tramitación do expediente e que, polo tanto, non hai ningún organismo, empresa ou entidade pública ou privada para a cal teña que solicitar un novo informe sobre o seu estado técnico».

Décimo oitavo. O 21.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu o documento «Addenda proxecto de execución. Parque eólico Mesada» asinado electronicamente o 21.4.2023 por Mariano Hernández Villena (colexiado núm. 585 no Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Badaxoz).

O 21.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto de execución mencionado no antecedente de feito décimo sétimo e na antedita addenda, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 11 MW, segundo os informes do xestor da rede do 13.5.2020 e do 17.6.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 10.4.2023, a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta delas, o cal se incorpora a esta resolución:

«1. Ambientais.

No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, indicar que estas alegacións refírense a cuestións que foron tidas en conta polos correspondentes órganos competentes na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 29.12.2020, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes, entre outros, dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Augas de Galicia.

No tocante ás alegacións que se refiren á conservación de hábitats, biodiversidade, flora e fauna, solos e ambiente en xeral, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza emitiu varios informes tendo en conta as consideracións esgrimidas polo Servizo de Conservación da Natureza de Pontevedra.

Nun primeiro informe, avalía o estudo de impacto ambiental de marzo de 2012, onde introduce que o lugar onde se desenvolve o proxecto non ten ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espazos naturais, nin existen humedais recollidos no Inventario galego de humedais, nin tampouco árbores ou formacións senlleiras.

Inclúe no mesmo informe unha serie de consideracións que se van adoptar respecto do tratamento dos restos vexetais, das especies utilizadas nas tarefas de revexetación tras o desmantelamento do parque, a necesidade de usar dispositivos de retención dos arrastres de sedimentos e o mantemento das obras de drenaxe, etc. Resalta especialmente a necesidade da boa execución na fase de desmantelamento do parque e deberanse retirar a totalidade das cimentacións dos aeroxeradores, todo o material de recheo das gabias e calquera instalación ou material que puidera permanecer no ámbito. Finalmente, establece uns condicionantes máis xenéricos en relación coas voaduras e coas cortas da vexetación, e inclúe a necesidade de que as obras que se van realizar, nas fases de construción e desmantelamento, se fagan evitando os lugares e períodos de cría.

Xunta co seu informe o documento Prego de condicións mínimas para os plans de vixilancia ambiental no relativo ao control da mortandade por colisión en parques eólicos durante a fase de explotación, elaborado pola súa dirección xeral, e que a promotora deberá ter en conta para a formulación do plan de vixilancia ambiental do proxecto.

A promotora achegou en outubro de 2012 un documento con modificacións ao anteproxecto de desmantelamento, restauración e integración paisaxística, para, xunto co estudo de impacto ambiental, dar resposta ás condicións recollidas neste primeiro informe. Recolle a retirada total dos restos das cimentacións e todas as instalacións na fase de desmantelamento do parque, e indica que adaptará o plan de vixilancia ambiental ás directrices incluídas no documento achegado pola dirección xeral respecto do control da mortandade por colisión nos parques eólicos.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza informa positivamente este novo documento e reitera a importancia dos condicionantes xa citados no anterior informe.

Con posterioridade, a promotora achega nova documentación, asinada en decembro de 2012, para completar o estudo de impacto ambiental: estudos máis detallados da avifauna, de herpetos e quirópteros e unha addenda ao EsIA en que corrixe tamén os mapas de vexetación e de hábitats de interese comunitario.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite un terceiro informe baseándose novamente nas consideracións esgrimidas polo servizo provincial, o cal mostra a súa conformidade coa documentación complementaria.

2. Urbanísticas.

No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, na instrución do procedemento administrativo, seguindo as directrices marcadas nos puntos 7 e seguintes do artigo 33 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, a dirección xeral competente en materia de enerxía enviou unha copia do proxecto sectorial do parque eólico ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para o efecto de obter, no prazo máximo de vinte días, informe sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en que se indica que as coordenadas dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

En todo caso, no que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. O proxecto que se aprobe definitivamente mediante este acordo deberá contar cun informe preceptivo previo da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

3. D.U.P. Alegacións relativas á D.U.P.

En relación con este asunto, tomase razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e ás súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento, etc.), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

4. Alegacións de carácter socioeconómico.

En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 29.12.2020, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Mesada, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 29.12.2020, e recollida no antecedente de feito quinto desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Mesada, considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Mesada.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Mesada, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., para unha potencia de 11 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Mesada, composto polos documentos Proxecto de execución parque eólico Mesada, asinado polo enxeñeiro Mariano Hernández Villena (colexiado núm. 585 no Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Badaxoz) e visado co núm. BA00531/23 do 10.3.2023 no dito colexio, e a Addenda proxecto de execución. Parque eólico Mesada, asinado electronicamente o 21.4.2023 por Mariano Hernández Villena.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Aldesa Energías Renovables de Galicia S.L.

Enderezo social: r/ Bahía de Pollensa 13, 28042 (Madrid).

Denominación: parque eólico Mesada.

Potencia instalada: 12 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 11 MW.

Produción neta: 29.940 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.495 h.

Concellos afectados: Vila de Cruces (Pontevedra).

Orzamento de execución material (sen IVE): 9.642.591,21 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

564.973,20

4.739.943,00

b

565.673,20

4.739.733,40

c

565.826,20

4.739.352,40

d

565.802,20

4.738.805,40

e

563.884,20

4.737.438,40

f

563.444,20

4.737.578,40

g

563.437,20

4.738.227,40

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

ME-01

564.810,20

4.739.408,40

ME-02

565.268,20

4.739.364,40

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

565.134,16

4.739.051,41

Coordenadas da subestación (e da súa envolvente) do parque eólico Mesada (obxecto dun proxecto independente):

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET

565.286,30

4.739.610,30

1

565.266,27

4.739.667,75

2

565.311,36

4.739.663,89

3

565.301,96

4.739.554,29

4

565.258,91

4.739.557,98

5

565.258,54

4.739.577,61

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores tripá modelo V150 de 6 MW de potencia nominal unitaria limitada a 5,5 MW do fabricante VESTAS, cunha altura de buxa de 105 m, diámetro de rotor de 150 m, cos seus correspondentes centros de transformación, con potencia aparente de 7.000 kVA e relación de transformación de 0,69/30 kV.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, dotada dun circuíto de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación do parque eólico 30/132/220 kV (obxecto dun proxecto independente Infraestruturas de evacuación a SET Portodemouros 220 kV, expediente IN408A 2019/101).

– Unha torre meteorolóxica de 105 m de altura.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 127.976 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras a promotora deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como se recolle no seu informe do 13.1.2023.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas Administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 29.10.2020, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais