Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 8 de xuño de 2023 Páx. 35621

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Mesada, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. (expediente IN661A 2011/11-4).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Mesada.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Mesada, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., cunha potencia de 11 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 127.976 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras a promotora deberá contar co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como se recolle no seu informe do 13.1.2023.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 29.10.2020, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, cunha potencia de 11 MW e promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. (en diante, a promotora).

2. O 30.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico.

3. Mediante a Resolución do 4 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública para autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da instalación eléctrica e o estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico Mesada, no concello de Vila de Cruces, provincia de Pontevedra (expediente IN661A 2011/11-4).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 26.6.2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 29.6.2012 e no xornal El Faro de Vigo, do 22.6.2012. Así mesmo, permaneceu exposto ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (Vila de Cruces), e nas dependencias da Consellería de Economía e Industria e da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

4. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no punto 5 do artigo 37 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Consellería de Economía e Industria da Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Retevisión I, S.A., Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Concello de Vila de Cruces.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas o 14.6.2012, Retevisión I, S.A. o 28.6.2012, Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) o 26.6.2012 e Concello de Vila de Cruces o 20.7.2012.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

5. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Secretaría Xeral para o Turismo (actualmente, Axencia de Turismo de Galicia), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza (actualmente, Dirección Xeral de Patrimonio Natural), Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública (actualmente, Dirección Xeral de Saúde Pública), Instituto de Estudos do Territorio e Concello de Vila de Cruces.

Cuberta a tramitación ambiental, o 29.12.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 25 de xaneiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 29, do 12 de febreiro).

6. O 22.6.2021, a promotora presentou documentación actualizada co fin de incorporar ao proxecto do parque eólico os cambios introducidos durante a tramitación ambiental. Posteriormente, con datas do 2.9.2021, do 14.10.2021 e do 26.10.2021, achegaron nova documentación actualizada.

7. O 21.10.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Mesada (expediente IN661A 2011/11-4), promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., e pola Resolución do 25 de outubro de 2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Mesada (expediente IN661A 2011/11-4), promovido por Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

8. O 4.11.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009 en resposta á solicitude do 27.10.2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, en que se indica que «1 das 3 posicións non cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Concretamente, o aeroxerador A-03 non cumpre a citada distancia mínima respecto do núcleo rural de Fontarcada».

9. O 3.3.2022, a promotora presentou nova documentación para dar resposta ao informe desfavorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo mencionado no antecedente de feito oitavo e achegou separatas para os seguintes organismos: Axencia Galega de Infraestruturas, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Concello de Vila de Cruces. Con carácter xeral, suprímese a posición A03 e proxéctase un novo modelo de aeroxerador para as dúas posicións restantes, que manteñen o seu emprazamento.

10. O 25.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación mencionada no antecedente de feito noveno aos seguintes organismos:

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidad e Cambio Climático para os efectos da emisión do correspondente informe, de acordo co previsto no punto 4.3.2 da DIA.

• Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para os efectos da emisión do informe en relación co cumprimento das distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

• Xefatura Territorial de Pontevedra para os efectos da emisión do informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas.

11. O 25.3.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación mencionada no antecedente de feito noveno aos seguintes organismos para os efectos de que presten a súa conformidade ou oposición á autorización das instalacións, así como para que emitan o correspondente condicionado técnico: Axencia Galega de Infraestruturas, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) e Concello de Vila de Cruces.

A seguir se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Galega de Infraestruturas o 1.4.2022, o 29.8.2022 e o 6.9.2022, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión) o 8.4.2022 e Redes de Telecomunicación Galegas, S.A. (Retegal) o 1.4.2022.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento. Ao estar o parque eólico Mesada declarado iniciativa empresarial prioritaria, tal e como está mencionado no antecedente de feito sétimo, o prazo para a emisión destes condicionados técnicos será de quince días naturais desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

12. O 8.4.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidad e Cambio Climático emitiu informe onde indica que «á vista da documentación recibida e unha vez revisado o expediente, considérase que a promotora ten que elaborar un novo documento e planimetría en que se describan e se recollan todas as modificacións introducidas. O dito documento é necesario que conte co informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural».

13. O 11.4.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu un primeiro informe onde se indica que o proxecto técnico administrativo deberase completar nunha serie de aspectos.

O 27.4.2022, a promotora achegou o documento Documentación complementaria ao proxecto de execución parque eólico Mesada. Abril 2022, con sinatura electrónica da mesma data.

O 7.6.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu un segundo informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas.

14. O 20.4.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009 en resposta á solicitude do 27.10.2021 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, en que se indica que «as coordenadas dos 2 aeroxeradores recollidas na memoria cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

15. O 19.7.2022 Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. remitiulle a esta dirección xeral unha memoria arqueolóxica do proxecto modificado e achegou, posteriormente, o 26.7.2022, un documento ambiental comparativo.

O 25.8.2022 e o 1.9.2022, esta dirección xeral remitiulle a dita documentación técnica á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para a emisión do informe requirido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidad e Cambio Climático no seu informe do 8.4.2022 mencionado no antecedente de feito décimo segundo.

O 13.1.2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o informe correspondente.

16. O 3.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre modificacións no proxecto onde se indica que «unha vez revisado o conxunto do expediente conclúese que non existen obxeccións ao cambio solicitado pola promotora sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada e se teña en conta o contido íntegro do informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 13.1.2023».

17. O 13.3.2023, Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o proxecto de execución refundido como resposta a un requirimento de emenda de documentación desta dirección xeral do 10.2.2023.

Así mesmo, achegou unha declaración responsable en que indica «que as condicións na configuración final do proxecto parque eólico Mesada co número de visado BA00531/23 e data 10 de marzo de 2023 non modifican ningunha das condicións xa comunicadas por min representada durante a tramitación do expediente e, polo tanto, non hai ningún organismo, empresa ou entidade pública ou privada para a cal teña que solicitar un novo informe sobre o seu estado técnico».

18. O 21.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiu o documento Addenda proxecto de execución. Parque eólico Mesada, asinado electronicamente o 21.4.2023 por Mariano Hernández Villena (colexiado núm. 585 no Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Badaxoz).

O 21.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto de execución mencionado no antecedente de feito décimo sétimo e a antedita addenda, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 11 MW, segundo os informes do xestor da rede do 13.5.2020 e do 17.6.2021.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais