Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35289

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de abril de 2023, polo que se outorga a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Campo das Rosas, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade, promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2017/005).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de abril de 2023, polo que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Campo das Rosas.

a) Contido do acordo e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade con diversos aproveitamentos forestais das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Campo das Rosas, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 25,56 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 191.546 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 20.12.2022 o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo cos puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación deles.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 20.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea o acordo:

1. O 26.10.2017 o promotor, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial e a declaración de especial interese para o parque eólico Campo das Rosas, sito nos concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra). O 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude.

2. O 4 de novembro de 2019 tomouse razón na Dirección Xeral de Enerxía e Minas do cambio de denominación social de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

3. O 23.12.2019, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial do proxecto denominado parque eólico Campo das Rosas (expediente IN408A 2017/005) ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. O 7.5.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

4. O 23.7.2020, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei, conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

5. O 16.10.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 metros e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

6. O 30.10.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se seguirá e os organismos que se consultará durante a fase de información pública.

7. O 21.1.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Campo das Rosas á Xefatura Territorial de Pontevedra para a continuación da tramitación.

8. Mediante Resolución do 19 de febreiro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Campo das Rosas, sito nos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, da provincia de Pontevedra (expediente IN408A 2017/005).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 2.3.2021 e no xornal El Faro de Vigo do 2.3.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Estrada, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no número 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Concello da Estrada, Concello de Campo Lameiro e Concello de Cerdedo-Cotobade.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa) o 28.4.2021, Axencia Galega de Infraestruturas o 11.3.2021, Retegal, S.A. o 26.3.2021 e o 22.12.2021, Cellnex Telecom, S.A. o 29.4.2021, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 20.4.2021 e Concello de Cerdedo-Cotobade o 10.4.2021.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 16.4.2021 a xefatura territorial emitiu informe en que indica que non existen dereitos mineiros vixentes afectados polo parque eólico Campo das Rosas.

11. O 19.11.2021 a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

12. O 13.1.2022 o Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu informe en relación cos aproveitamentos forestais afectados polo parque eólico, en que indica que o proxecto afecta:

• A CMVMC de Caneda.

• A CMVMC de Morillas.

• A CMVMC de Quireza.

• A CMVMC de San Isidro.

13. O 17.2.2022 a Xefatura Territorial efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos montes veciñais en man común afectados (Caneda, Morillas, Quireza e San Isidro), de acordo co informe do Servizo de Montes de Pontevedra recollido no antecedente de feito décimo segundo, concedéndolles un prazo de quince días para presentar as alegacións que cosiderasen oportunas. Durante o dito prazo, o 9.3.2022 a CMVMC de Quireza contesta ao devandito trámite de audiencia presentando unhas alegacións que foron trasladadas ao promotor o 17.3.2022, e este contestou o 29.3.2022. O resto das comunidades de montes veciñais en man común afectadas non presentaron alegacións.

14. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica Galicia-Costa), Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Estrada, Concello de Campo Lameiro e Concello de Cerdedo-Cotobade.

Formalizada a tramitación ambiental, o 20.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 21 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro de 2023).

15. O 13.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

16. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor documento, subscrito por todos os titulares de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na posición de liña de chegada á subestación da rede, que acredite a existencia dun acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

17. O 31.1.2023 Naturgy Renovables, S.L.U. presentou documento relativo ao uso compartido das instalacións de evacuación da liña de alta tensión DC 66/220 kV Pico Touriñán-Tivo.

18. O 2.2.2023 Naturgy Renovables, S.L.U. presentou o proxecto de execución e o arquivo shape da configuración final do parque eólico requirida no antecedente de feito décimo quinto.

Así mesmo, achegou unha declaración responsable en que indica que «no proxecto de execución Modificado nº 1 parque eólico Campo das Rosas. Xaneiro de 2023, con número de visado 201802654, e data de visado 1.2.2023, non se identifican afecciones novas, respecto ás xa identificadas no proxecto anterior (nº visado 201802654 e data de visado 16.12.2020), e sobre as cales xa se emitiu informe a través das correspondentes separatas aos organismos competentes».

19. O 13.2.2023 Naturgy Renovables, S.L.U. achegou autorización do 13.2.2023 da Axencia de Seguridade Aérea (AESA) para a instalación do parque eólico Campo das Rosas, nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada (Pontevedra).

20. O 2.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

21. O 8.3.2023 a xefatura territorial remitiu o expediente relativo á declaración de utilidade pública a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009.

22. O 28.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais recibiu da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Pontevedra do 27.3.2023, en relación co artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, con informe favorable sobre a compatibilidade dos aproveitamentos forestais do proxecto do parque eólico Campo das Rosas.

23. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27,6 MW, segundo os informes do xestor da rede do 9.8.2019 e do 22.3.2021.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais