Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35297

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Porto Vidros, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2017/14).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., na actualidade Naturgy Renovables, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Porto Vidros, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 26.10.2017 Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Segundo. O 26.1.2018, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 22.3.2018 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 21.1.2019, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. O 23.12.2019 a promotora actualizou a dita solicitude, achegando a documentación técnica correspondente.

A modificación substancial solicitada pola promotora consiste, de forma xeral, no desprazamento das posicións dos aeroxeradores, na eliminación da subestación inicialmente proxectada, así como na incorporación das infraestruturas de evacuación ao proxecto.

Cuarto. Con data do 4.11.2019 procedeuse á toma de razón da subrogación de dereitos e obrigas do expediente administrativo, polo cambio de denominación social de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

Quinto. O 7.5.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

Sexto. O 9.2.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei) en que indica o procedemento ambiental para seguir e os organismos para consultar durante a fase de información pública.

Sétimo. O 1.10.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei) onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Oitavo. O 19.2.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Porto Vidros á Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (en diante, a Xefatura Territorial), para a continuación da tramitación.

Noveno. Mediante Resolución do 24 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, de aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e de declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Porto Vidros, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.4.2021 e no xornal Faro de Vigo do 16.4.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Campo Lameiro, Concello Cerdedo-Cotobade, Demarcación de Estradas do Goberno en Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 25.5.2021 e 23.6.2021, Axencia Galega de Infraestruturas o 28.5.2021, Retegal, S.A. o 6.6.2021 e Telefónica de España, S.A.U. o 24.5.2021.

O Concello de Cerdedo-Cotobade emitiu dous informes o 20.5.2021 e un escrito de alegacións o 21.5.2021, en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións, entre outros). O 8.6.2021 a promotora deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. O 19.5.2022 a Xefatura Territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo segundo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e Concello de Cerdedo-Cotobade.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o 11.8.2021 a promotora propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na recolocación das posicións dos aeroxeradores T4-01 e T4-03, da torre de medición e a traza da liña de evacuación no tramo dos apoios núm. 28 a 32.

Cumprida a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 28 de novembro de 2022 (DOG núm. 236, do 14 de decembro).

Décimo terceiro. Derivada da nova configuración proposta para o parque eólico Porto Vidros, como consecuencia do informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o 31.10.2022 esta dirección xeral remitiulles as novas separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Campo Lameiro, Concello Cerdedo-Cotobade, Demarcación de Estradas do Goberno en Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 15.12.2022, Concello deCerdedo-Cotobade o 4.12.2022, Retegal, S.A. o 24.11.2022, Telefónica de España, S.A.U. o 10.11.2022 e UFD Distribución Electricidad, S.A. o 20.1.2023.

A Axencia Galega de Infraestruturas o 15.11.2022, informa favorablemente a separata técnica con estrita suxeición ao condicionado técnico que se indica no informe, así mesmo, previamente á execución das obras, a promotora deberá solicitar a preceptiva autorización do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra.

A Demarcación de Estradas do Goberno en Galicia o 22.3.2023, en relación coa conexión dos accesos do parque eólico coa estrada N-541, realiza unha serie de consideracións para o cumprimento co establecido na normativa que regula os accesos a estradas do Estado. Con data do 31.3.2023 a promotora contesta que presentará unha modificación do proxecto en que eliminará a afección á estrada N-541.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo cuarto. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo quinto. O 24.2.2023 Naturgy Renovables, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, que inclúe o parque eólico Porto Vidros. Proxecto de execución do parque eólico modificado núm. 1 e modificado núm. 1 de infraestrutura eléctrica evacuación, febreiro 2023, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso (colexiada núm. 9746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado o 24.2.2023.

Así mesmo, inclúe declaración responsable indicando que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Porto Vidros non modifica as afeccións sobre as que xa se emitiu informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Nesta mesma data a promotora achega o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, de acordo ao establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Décimo sexto. O 5.4.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

Décimo sétimo. O 10.4.2023 a Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico presentado o 24.2.2023, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo oitavo. Con data do 10.4.2023 Naturgy Renovables, S.L., para dar resposta ao informe emitido pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, presentou o proxecto de execución Pparque eólico Porto Vidros. Proxecto de execución do parque eólico modificado núm. 1 e modificado núm. 1 de infraestrutura eléctrica evacuación, febreiro 2023, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso (colexiada núm. 9746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado no referido colexio co núm. 201802560 do 10.4.2023, en que se incorpora a modificación consistente na retirada da actuación considerada con incidencia na estrada N-541, de modo que non se orixinaría afección á dita vía. Así mesmo, declara responsablemente que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións sobre as que xa se emitiu informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Décimo noveno. O 19.4.2023 a Xefatura Territorial, por solicitude desta dirección xeral, emite informe do proxecto recollido no anterior antecedente de feito, en que se reafirma no xa emitido informe o 10.4.2023, non observando impedimento para a continuación da tramitación do procedemento de autorización correspondente.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 10,35 MW, segundo o informe do xestor da rede do 22.3.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, a xefatura territorial remitiu o 3.4.2023 informe complementario de tramitación no que se recolle a resposta as mesmas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

1. «Respecto das alegacións que refiren a validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997, e publicouse o Acordo no DOG do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, define o Plan sectorial eólico de Galicia como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é o de regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio.

Así mesmo, define área de desenvolvemento eólico (en diante, ADE) como o espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou a varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

2. Respecto das alegacións que refiren a fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible, mediante o fraccionamento, evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados, evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fracionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

3. O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cun ámbito de estudo dun raio de 20 km e outro de 5 km ao redor do parque proxectado, dentro de cada unha das envolventes na contorna do parque incorpórase o resto das infraestruturas existentes, e actualmente en funcionamento, xa sexan aeroxeradores ou liñas eléctricas de evacuación. Na envolvente de 20 km desde a área de desenvolvemento eólico de Porto Vidros desenvolveuse un estudo paisaxístico e de visibilidade mentres que na envolvente de 5 km de raio analizáronse os efectos acumulativos e sinérxicos sobre a fauna, sobre a posible perda de conectividade ecolóxica e sobre as emisións acústicas.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11.12.2013 cando di que “(…) unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11.12.2013 “no podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Co obxecto de poder realizar a evacuación da enerxía xerada no parque eólico Porto Vidros desenvolvese unha liña eléctrica que une o centro de seccionamento deste parque co centro de seccionamento do parque eólico Campo das Rosas, actualmente en proceso de tramitación. A partir dese punto evacuará conxuntamente ata o apoio número 1 do circuíto de 220 kV Tibo-Pico Touriñán que se atopa en proceso de tramitación.

En cumprimento da normativa de aplicación e tendo en conta as alegacións presentadas en relación coa fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas, cómpre subliñar que se someteu a información pública a solicitude das referidas instalacións de evacuación para o coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos podan presentar as súas alegacións.

– Mediante Resolución do 24.3.2021, desta xefatura territorial, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico Porto Vidros que inclúe como parte da instalación de evacuación un centro de seccionamento con celas blindadas de interior en 30 kV desde onde partirá unha liña aero-soterrada de 30 kV, de 6.634 m, ata o centro de seccionamento do parque eólico Campo das Rosas.

– Por Resolución do 19.2.2021 desta xefatura territorial someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a solicitude de declaración de utilidade pública en concreto, do proxecto do parque eólico Campo das Rosas, que inclúe como parte da instalación de evacuación un centro de seccionamento con celas blindadas de interior en 30 kV, en que se enlaza a liña de evacuación do parque eólico Porto Vidros, desde onde partirá unha liña aero-soterrada de 30 kV, de 1.700 m, que finaliza nunha subestación elevadora 220/30 kV Quireza, que verterá á rede a enerxía xerada polos parques eólicos Porto Vidros e Campo das Rosas.

– Por Resolución do 29.10.2018 desta xefatura territorial someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de utilidade pública en concreto dunha instalación eléctrica nos concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Campo Lameiro, Moraña, Portas e Caldas de Reis formada por unha liña eléctrica de evacuación de dobre circuíto 66/220 kV desde a subestación do parque eólico Pico Touriñán á subestación de Tibo para permitir a evacuación da enerxía eléctrica producida polos parque eólicos Acibal, Touriñán III-2, Rosa dos Ventos, Campo das Rosas, Porto Vidros, Borreiro, Monte Arca e Ampliación Monte Arca Fase II, Monte Arca Oeste, Monte Arca Norte e Monte Arca Sur.

4. Respecto ás alegacións sobre a falta de difusión e claridade da información pública, as referidas resolucións publicáronse no Diario Oficial de Galicia, na páxina web da actual Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e no Faro de Vigo, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se considerasen prexudicadas nos seus dereitos puidesen presentar as alegacións que considerasen oportunas.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares privados e comunidades de montes en man común recollidos na relación de bens e dereitos afectados incluídas nas resolucións de información pública, para que as persoas notificadas puideran presentar, de ser o caso, os datos oportunos para rectificar posibles erros na relación de persoas, bens e dereitos que se afectan ou formular as alegacións que consideren oportunas.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

5. Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, cómpre indicar que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

6. Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental e incumprimento da lexislación de aplicación hai que indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o Estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

7. Así mesmo, respecto da avaliación do recurso eólico, cómpre indicar que o proxecto técnico de execución e de xeito resumido o estudo de impacto ambiental recollen os recursos eólicos presentes cuantificándoos nunha produción neta anual estimada de 37.384 MWh, equivalentes a 3.612 horas de funcionamento.

8. En relación coas alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, a contaminación acústica, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural, posibles efectos acumulativos ou sinérxicos e impacto turístico, hai que indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental correspondente, resultado do que, o 25.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións en que debe desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes das seguintes administracións: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo e Augas de Galicia.

9. Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e a biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite o 15.11.2021 un primeiro informe en que conclúe que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, sendo compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as consideracións recollidas no dito informe para a protección das masas de arboredo autóctono, especies protexidas no Catálogo galego de especies ameazadas, e regatos. Así como as medidas previstas para a redución do impacto por colisións en aves e quirópteros, incluídas as actuacións para desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para verificar a eficiencia das ditas medidas.

Así mesmo, exixe o cumprimento do punto 18.5 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo de Galicia, mediante a elaboración dun estudo con datos sólidos da presenza de lobos na área de influencia, así como unha avaliación e seguimento das afeccións sobre a poboación de lobos.

A DIA recolle a necesidade de facer un seguimento sobre a posibles aparicións de efectos acumulativos (aditivos ou sinérxicos) sobre a avifauna e os quirópteros entre os parques eólicos que existan na contorna no momento en que este parque entre en funcionamento, tendo en conta as infraestruturas de evacuación, de ser o caso.

10. Débese subliñar que, en relación ás alegacións que refiren afeccións a espazos naturais protexidos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural tendo en conta a información achegada polo Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra afirma que o lugar onde se localiza o proxecto non ostenta ningunha figura de espazos naturais protexidos das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, nin está comprendida dentro dos límites de ningunha área protexida por instrumentos internacionais. Así mesmo, revisado o Inventario de humidais de Galicia conclúe que o proxecto non afecta ningunha zona húmida recollida no referido inventario.

O proxecto non afecta as áreas prioritarias para avifauna ameazada e/ou zonas de protección da avifauna contra liñas eléctricas de alta tensión, segundo o establecido na Resolución do 18.10.2021, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se actualiza a delimitación das áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas e se dispón a publicación das zonas de protección existentes na Comunidade Autónoma de Galicia en que serán de aplicación medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liña eléctrica de alta tensión.

11. En relación coa afección sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite un primeiro con data do 25.5.2021 en que conclúe que existen bens de patrimonio cultural que vense afectados polo deseño da infraestrutura que non están recollidos no estudo de impacto ambiental. Por canto require, de cara a unha correcta conservación e protección do patrimonio cultural, a incorporación, valoración e avaliación axeitada dos ditos elementos do patrimonio cultural.

Con data do 27.8.2021 a empresa promotora achega o documento denominado Memoria técnica. Actualización do estudo de impacto ambiental do parque eólico Porto Vidros e a súa liña de evacuación, como documento adicional ao estudo de impacto ambiental, que propón unha serie de medidas correctoras especificas e distintas modificacións, entre as que destaca a modificación das posicións dos aeroxeradores T4-01 e T4-03 coas súas plataformas, vías e gabias de cableado, a torre de medición e as súas vías e a liña de evacuación entre varios apoios. O documento sinala unha nova prospección intensiva da zona de obra na que se recollen un total de 39 elementos do patrimonio cultural, incluído o gravado denominado Outeiro do Raposo ao que refiren algunha das alegacións presentadas.

O 10.12.2021 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable sobre o o estudo de impacto ambiental parque eólico Porto Vidros e a súa liña de evacuación asociada (xaneiro 2021) coas modificacións do proxecto recollidas no documento Memoria técnica. Actualización do estudo de impacto ambiental do parque eólico Porto Vidros e a súa liña de evacuación debéndose executar as medidas correctoras que recolle a documentación avaliada e tendo en conta as consideracións e condicionantes que recolle o seu informe.

Esa dirección xeral exixe a realización da totalidade dos traballos de construción baixo control arqueolóxico, así como un seguimento especial naquelas zonas que non puideron ser prospectadas axeitadamente e no caso de que se constante a existencia de novos bens arqueolóxicos avaliaranse o impactos sobre os mesmos primando a súa conservación.

12. En relación coas alegacións que refiren afeccións á paisaxe e integración paisaxística, o Instituto de Estudos do Territorio nun primeiro informe refire no estudo de impacto ambiental que existen carencias na análise dos impactos, e como consecuencia, nas medidas preventivas e correctoras precisas. Por canto conclúe que o proxecto pode producir efectos significativos sobre valores paisaxísticos que cómpre avaliar para establecer as oportunas medidas preventivas e correctoras.

Pon de manifesto que existen afeccións a áreas de especial interese paisaxístico (en diante, AEIP), miradoiros, sendas panorámicas e lugares de especial interese paisaxístico (en diante, LEIP).

O Instituto de Estudos do Territorio require a mellora do estudo de impacto e integración paisaxística (en diante, EIIP) mediante unha identificación pormenorizada de valores e lugares de interese paisaxístico de acordo co disposto no artigo 28 do Regulamento de desenvolvemento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, unha estimación do impacto previsto sobre os miradoiros e as AEIP e analizar os efectos sinérxicos derivados da presenza doutros parques na contorna así como determinar os impactos que poidan producirse sobre os elementos que caracterizan a paisaxe, en particular os que presentan interese paisaxístico.

Tras a presentación dun novo EIIP, o Instituto de Estudos do Territorio emite novo informe en que refire que o principal impacto paisaxístico será a incidencia visual producida polo aeroxeradores, que pola súa forma e altura, serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias, incidencia que perdurará durante o tempo que estean instalados os aeroxeradores e incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Destaca que entre as zonas afectadas pola incidencia visual cabe destacar os núcleos de poboación, as AEIP e miradoiros próximos.

Conclúe que a incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras agás nos núcleos rurais, non supón un impacto crítico. Considera adecuadas as medidas recollidas no EIIP de prever a execución de pantallas vexetais nos núcleos de poboación de existir unha manifesta preocupación social polo impacto visual dos aeroxeradores.

13. En relación coa afección ao medio hídrico, Augas de Galicia informa que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe.

No seu informe pon de manifesto que o proxecto non atravesa ningunha das zonas protexidas recollidas no Catálogo de zonas protexidas do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Así mesmo, indica que existe unha zona de captación subterránea para abastecemento humano próxima ás actuacións previstas (considerando unha distancia de 500 m ao redor das obras) denominada Zona de protección Pedre.

En canto ás áreas protexidas a nivel europeo, tanto o parque eólico como a liña de evacuación atópanse en Zona de captación de Zona sensible e a liña atravesa de xeito aéreo a unha Zona de interese piscícola. En relación coas áreas protexidas a nivel estatal e autonómico, a máis próxima atópase a 2,5 km.

Respecto dos aproveitamentos hídricos, Augas de Galicia refire que o estudo de impacto ambiental non recolle afeccións a captacións de auga. Pero indica que lle constan dúas captacións na contorna de ámbito de actuación inscritas no libro de Rexistro de Augas de Galicia. Exixindo que, no caso de afectar algunha das captacións de augas inscritas, como consecuencia das actuacións propostas, debe recollerse a súa reposición. Consideracións a que a promotora dá a súa conformidade.

En todo caso, indica que toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na zona de servidume e policía de leitos, incluíndo zonas de fluxo preferente e zonas asolagables así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización ou permiso do organismo de bacía competente, previa ao inicio das obras.

14. No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía o posible impacto do proxecto na saúde humana, a través do ambiente en tres fases: caracterizando a poboación en situación de risco, determinando os potenciais perigos e identificando as posibles vías de exposición.

Os principais perigos potenciais asociados a esta actividade que recolle esta dirección xeral son: a presenza de contaminantes, como augas residuais, gases ou po e partículas procedentes do movemento das terras, voaduras ou desprazamento de vehículos; ruído e vibracións orixinados por escavacións, movemento de camións e maquinaria, voaduras puntuais, construción das infraestruturas e funcionamento dos aeroxeradores; residuos perigosos e non perigosos xerados nas distintas fases do proxecto, produtos perigosos empregados nas instalación e no mantemento destas e os residuos xerados na súa eliminación; electrocución, campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o efecto shadow flicker.

15. Respecto do ruído refire que o estudo acústico presentado pola empresa promotora contén un estudo preoperacional con medicións directas en puntos próximos aos aeroxeradores e en diferentes núcleos de poboación e unha modelización acústica da emisión dos aeroxeradores. O dito estudo conclúe que a unha distancia entre 250 e 350 m de calquera aeroxerador, o nivel de presión sonora xerado é inferior a 45 dB. Por outra banda, os valores de inmisión de ruídos xerado polo parque eólico máis o ruído de fondo cumpren os obxectivos marcados polo Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, con excepción dun punto que a promotora xustifica, de forma moi exigua, consecuencia da existencia de máis ruído de fondo en horario nocturno.

Así mesmo, consta un estudo acústico para diferentes niveis sonoros en relación coa distancia ás turbinas, segundo o que os valores obtidos nas edificacións potencialmente habitables e núcleos urbanos son menores aos limiares de inmisión sonora establecidos. Pero non recolle un plan de seguimento dos niveis sonoros durante a fase de operación.

O estudo de impacto ambiental inclúe unha avaliación do posible efecto acumulativo ou sinérxico en relación con outros parque, segundo a cal non se considera que se poida producir ningún efecto sinérxico.

16. Respecto dos campos electromagnéticos, a promotora non presenta ningún estudo dos campos eléctricos para poder concluír que se cumpren as medidas establecidas no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte as emisións radioeléctricas que regula os valores máximos admitidos. Tampouco menciona o cumprimento tanto da turbina como do equipo relacionado con respecto ao establecido na Directiva 2014/30/EU en materia de compatibilidade electromagnética.

17. Respecto do efecto escintileo de sombras, para valorar a súa zona de influencia a empresa promotora analizou este no peor dos escenarios (teórico) e para un caso real.

A modelización empregada conclúe que, no caso teórico, existen puntos receptores que poderían estar afectados polo escintileo de sombras, ao superar as 30 horas/ano, sinalando que, no caso real, as horas quedan por debaixo dos limiares establecidos. Nas horas en que se xeraría afección, esta sería de baixa intensidade.

Non se inclúe unha avaliación dos posibles efectos sinérxicos ou acumulativos doutros parques eólicos na contorna nin un plan de seguimento específico durante o primeiro ano para verificar o cumprimento dos limiares de referencia, cunha previsión de medidas correctoras ou mitigadoras no caso de superar eses limiares.

Por canto conclúe que a documentación non é suficiente e require a súa mellora. Unha vez presentada por parte da empresa promotora dunha nova versión do proxecto a Dirección Xeral de Saúde Pública considera satisfeitos os requirimentos feitos.

18. Respecto da calidade do aire, a Dirección Xeral de Saúde Pública conclúe que o impacto non vai ser significativo, limitándose a fase de construción e desmantelamento do parque. Entre outros, identifícanse emisións de po e partículas na fase de construción e desmantelamento como consecuencia da obra civil e da circulación de vehículos. Así como emisións de gases de combustión de vehículos debido ao tráfico inducido na zona e de maquinaria asociada ás obras. A empresa promotora propón medidas correctoras e protectoras, así como protocolos de seguimento ambiental destas.

19. Respecto á contaminación lumínica derivada das balizas luminosas e afeccións ás observacións astronómicas dos obxectos celestes, cómpre subliñar que os aeroxeradores que compoñen o parque eólico, polas súas dimensións, considéranse obstáculos para a navegación aérea e, por tanto, resulta obrigado o seu balizamento luminoso, tanto diúrno como nocturno, para garantir a seguridade do tráfico aéreo.

Para evitar riscos para a navegación aérea, de conformidade co establecido no Decreto 584/1972, de 24 de febreiro, sobre as servidumes aeronáuticas en territorio nacional, espazo aéreo e augas xurisdicionais, toda construción, instalación ou plantación afectada require da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (en diante, AESA), entidade encargada do seu control, que solicitará a propia promotora ante AESA quen, de ser o caso, establecerá as directrices relacionadas coa sinalización e iluminación do parque eólico.

20. Respecto das alegacións referidas aos riscos de desprendemento, accidentes e incendios a empresa promotora inclúe no estudo de impacto ambiental medidas de prevención de incendios na fase de construción e tanto a Dirección Xeral de Saúde Pública como a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior refiren que o risco de accidentes graves ou catástrofes é baixo, sen prexuízo de que, de acordo coa normativa de seguridade industrial, a promotora deberá elaborar e implantar na fase de operación, previo á autorización de inicio da actividade, un plan de autoprotección, que é o documento que prevé as emerxencias que se poden producir como consecuencia da súa propia actividade e as medidas de resposta ante situacións de risco, catástrofe e de calamidades públicas que poidan afectar o proxecto.

Así mesmo, o Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural de Pontevedra require que ao redor do aeroxerador e das demais estruturas do proxecto se cumpra a normativa de prevención de incendios forestais. No parque eólico existirán, ademais, diversas instalacións que implican certo risco de ocasionar un incendio forestal, como os propios aeroxeradores ou o transformador.

21. En relación co impacto económico negativo xerados polo proxecto sobre as explotacións agrícolas, gandeiras, forestais, madeireiras e establecementos turísticos, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

22. Respecto ás afeccións no turismo rural local e na súa contorna a Axencia de Turismo de Galicia informa dun impacto no turismo rural así como na súa contorna reducido e que deberán ser atenuados polas medidas compensatorias e correctivas a incluír na declaración de impacto ambiental.

23. En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, concretase o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables; outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.

24. Respecto das posibles afeccións das sinais de televisión dixital, telefonía móbil e transmisión analóxica, cómpre indicar que no trámite de solicitude de informes a distintas administracións ou organismos afectados, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos remitiuse separata do proxecto aos seguintes organismos Cellnex-Retevisión, Telefónica de España, S.A.U. e Retegal.

Retegal emite condicionado técnico no que conclúe que ben qur non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións.

Por tanto, exixe compromiso da promotora da instalación para a realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna, coa finalidade de proceder á comprobación de que non se produce perda o degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión de cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT. Ao que a promotora manifestou a súa conformidade.

Pola súa banda, Telefónica de España, S.A.U. indica que non ten obxección ningunha á execución do proxecto sempre que cumpra a normativa vixente en relación cos paralelismos e cruzamentos con liña de telecomunicación e en particular os regulamentos electrotécnicos de alta e baixa tensión.

Telefónica de España reserva para si o dereito de levar a cabo as actuacións que procedan, no caso de que se produzan danos nas súas instalacións ou perturbacións nas comunicacións electrónicas por mor do proxecto.

25. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, serán tidas en conta para a emisión do informe a que refire o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico.

26. En relación coas alegacións que refiren incumprimentos nas distancias a núcleos de poboación, o proxecto conta cun informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 1.10.2020, en que se recolle que: «Comprobado o planeamento vixente no concello afectado (Plan xeral de ordenación municipal de Cerdedo aprobado definitivamente o 23.9.2014 e Normas subsidiarias de planeamento municipal de Cotobade aprobadas definitivamente o 25.2.1997) e as coordenadas das posicións dos tres aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do Psega respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable».

27. No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra emite informe o 31.5.2022 con base no establecido polo persoal técnico dos distritos forestais XVI e XIX.

Os informes do persoal técnico dos distritos forestais fan referencia á relación dos montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados: Corredoira, Fornelos, Pedre, Limeres, Chamadoira, San Bernabé, Bugarín e Quireza.

Establécese que as superficies de afección do parque ao medio forestal virán determinadas polas áreas ocupadas directamente polo xerador de enerxía eólica e as demais infraestruturas do parque eólico, polas distancias de servidume que operen para cada elemento construtivo e, ademais, pola superficie necesaria para o cumprimento das distancias de plantación da Lei de montes de Galicia e mais da normativa de prevención de incendios relativa a redes de faixas de xestión de biomasa. Indica a necesidade de constituír as faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007 ao redor das instalacións que produzan, almacenen ou transporten enerxía eléctrica de xeito aéreo e das edificacións e camiños que se constrúan.

En cumprimento do establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, o Servizo de Montes de Pontevedra, precisa no seu informe que será necesario o informe sobre a compatibilidade e prevalencia de ambas utilidades públicas, por afectar montes veciñais en man común. En relación coa modificación dos usos do solo, procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polas vías do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas.

Como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, no proxecto proponse unha modificación dos planeamentos municipais dos concellos afectados. Procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e vías do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. Neste tipo de proxectos e dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre superpoñer a nova clasificación (solo rústico de protección de infraestruturas) á de protección forestal de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, este servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores.

Pero neste senso, sobre concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, cabe responder que esta cuestión será abordada na fase do expediente correspondente á declaración de utilidade pública do parque eólico.

28. En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública e a RBDA; erros de titularidade, características dos bens e dereitos afectados e compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, de ser o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

Non obstante, cabe indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas, correspondente á fase de levantamento de actas previa, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a acreditación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características.

No que respecta ás compensacións por afeccións xeradas polo proxecto, en caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

En relación coas parcelas que se van incluír na relación de bens e dereitos afectados, o artigo 44, da Lei 8/2009, especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública incluirá a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación».

No caso das alegacións ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

En relación cos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Porto Vidros, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022, e recollida no antecedente de feito décimo segundo desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Porto Vidros, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Porto Vidros.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Porto Vidros, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 10,35 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Porto Vidros, composto polo documento Parque Eólico Porto Vidros. Proxecto de execución do parque eólico modificado núm. 1 e modificado núm. 1 de infraestrutura eléctrica evacuación, febreiro 2023, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso (colexiada núm. 9746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado no referido colexio co núm. 201802560 do 10.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Domicilio social: avenida de América, 38, 28028 Madrid (Madrid), España.

Denominación: parque eólico Porto Vidros.

Potencia instalada: 10,35 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 10,35 MW.

Produción neta: 37.384 MWh/ano.

Concellos afectados: Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro (Pontevedra).

Orzamento de execución por contrata: 10.657.682 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

546.090,00

4.708.625,00

P2

547.750,00

4.708.625,00

P3

547.750,00

4.707.895,00

P4

548.870,00

4.707.895,00

P5

548.870,00

4.705.905,00

P6

546.090,00

4.705.905,00

P7

546.090,00

4.708.257,54

P8

546.065,36

4.708.293,90

P9

546.065,36

4.708.588,64

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

T4-01

546.881,04

4.707.053,76

T4-02

547.356,00

4.707.066,00

T4-03

547.349,90

4.706.452,29

Coordenadas da envolvente do centro de seccionamento do parque eólico:

Centro de seccionamento

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

547.107,02

4.707.008,48

B

547.114,13

4.706.998,82

C

547.106,08

4.706.992,89

D

547.098,96

4.707.002,55

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

547.037,00

4.706.916,00

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores modelo ENERCON-138 ou similar, de 3.450 kW de potencia nominal unitaria, 138 m de diámetro de rotor e cunha altura de buxa de 81 m para o aeroxerador T4-02 e 94 m para os aeroxeradores T4-01 e T4-03.

– 3 centros de transformación de 4.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/30 kV, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– 1 torre meteorolóxica autosoportada, equipada con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura, medidores de presión e rexistrador de datos.

– 1 circuíto de 30 kV de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores ata o centro de seccionamento (CS), dividido en dous subcircuítos denominados subcircuíto 1 (aeroxeradores T4-02 e T4-03 ata o centro de seccionamento) e subcircuíto 2 (aeroxerador T4-01 ata o centro de seccionamento).

Os condutores de media tensión serán de tipo RHZ1-2OL e sección de 240 mm2.

– Centro de seccionamento (CS) do parque eólico Porto Vidros con celas blindadas de interior en 30 kV desde onde partirá unha liña de evacuación de MT de 30 kV, ata o CS do parque eólico Campo das Rosas, que se detalla a seguir.

– Unha liña aéro-soterrada de 30 kV, que discorre entre o CS parque eólico Porto Vidros ata o CS parque eólico Campo das Rosas, e que se divide en tres tramos:

• Liña soterrada de 30 kV entre o CS do parque eólico Porto Vidros e o apoio núm. 1 de paso aéreo-soterrada, de ata 35 m. Tipo de cable RHZ1-2OL 18/30 kV de 400 mm2.

• Liña aérea de 30 kV entre o apoio núm. 1 da LAMT e o apoio núm. 33 PAS da LAMT, de 6.713 m. Tipo de cable LA-280.

• Liña soterrada de 30 kV entre o apoio núm. 33 PAS da LAMT e o CS do parque eólico Campo das Rosas, de ata 36 m. Tipo de cable RHZ1-2OL 18/30 kV de 400 mm2.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 87.906,70 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, e do organismo titular da estrada para a conexión cos accesos do parque eólico.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por este acordo se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación
Enerxética e Recursos Naturais