Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 7 de xuño de 2023 Páx. 35327

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Porto Vidros, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A 2017/14).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Porto Vidros.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Porto Vidros, sito no concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 10,35 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte ao disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 87.906,70 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, e do organismo titular da estrada para a conexión cos accesos do parque eólico.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido na DIA, a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por este acordo se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 26.10.2017 Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

2. O 26.1.2018, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 22.3.2018 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 21.1.2019, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. O 23.12.2019 a promotora actualizou a dita solicitude, achegando a documentación técnica correspondente.

A modificación substancial solicitada pola promotora consiste, de forma xeral, no desprazamento das posicións dos aeroxeradores, na eliminación da subestación inicialmente proxectada, así como na incorporación das infraestruturas de evacuación ao proxecto.

4. Con data do 4.11.2019 procedeuse á toma de razón da subrogación de dereitos e obrigas do expediente administrativo, polo cambio de denominación social de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

5. O 7.5.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial.

6. O 9.2.2021 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, (segundo a redacción anterior da lei) no que indica o procedemento ambiental a seguir e os organismos a consultar durante a fase de información pública.

7. O 1.10.2020 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (segundo a redacción anterior da lei) onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

8. O 19.2.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Porto Vidros á Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (en diante, a Xefatura Territorial), para a continuación da tramitación.

9. Mediante Resolución do 24 de marzo de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, de aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e de declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico Porto Vidros, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro, da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.4.2021 e no xornal Faro de Vigo do 16.4.2021. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Campo Lameiro, Concello Cerdedo-Cotobade, Demarcación de Estradas do Goberno en Galicia, Retega, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 25.5.2021 e 23.6.2021, Axencia Galega de Infraestruturas o 28.5.2021, Retegal, S.A. o 6.6.2021 e Telefónica de España, S.A.U. o 24.5.2021.

O Concello de Cerdedo-Cotobade emitiu dous informes o 20.5.2021 e un escrito de alegacións o 21.5.2021, en que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións, entre outros). O 8.6.2021 a promotora deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

11. O 19.5.2022 xefatura territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

12. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e Concello de Cerdedo-Cotobade.

A consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta ao informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o 11.8.2021 a promotora propuxo modificacións do proxecto consistentes, con carácter xeral, na recolocación das posicións dos aeroxeradores T4-01 e T4-03, da torre de medición e a traza da liña de evacuación no tramo dos apoios núm. 28 a 32.

Cumprida a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 28 de novembro de 2022 (DOG núm. 236, do 14 de decembro).

13. Derivada da nova configuración proposta para o parque eólico Porto Vidros, como consecuencia do informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, o 31.10.2022 esta dirección xeral remitiulles as novas separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Campo Lameiro, Concello Cerdedo-Cotobade, Demarcación de Estradas do Goberno en Galicia, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Telefónica de España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 15.12.2022, Concello Cerdedo-Cotobade o 4.12.2022, Retegal, S.A. o 24.11.2022, Telefónica de España, S.A.U. o 10.11.2022 e UFD Distribución Electricidad, S.A. o 20.1.2023.

A Axencia Galega de Infraestruturas, o 15.11.2022, emite informe favorable sobre a separata técnica con estrita suxeición ao condicionado técnico que se indica no informe, así mesmo, previamente á execución das obras, a promotora deberá solicitar a preceptiva autorización do Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra.

A Demarcación de Estradas do Goberno en Galicia o 22.3.2023, en relación coa conexión dos accesos do parque eólico coa estrada N-541, realiza unha serie de consideracións para o cumprimento co establecido na normativa que regula os accesos a estradas do estado. Con data do 31.3.2023 a promotora contesta que presentará unha modificación do proxecto en que eliminará a afección á estrada N-541.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

14. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

15. O 24.2.2023 Naturgy Renovables, S.L. presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, que inclúe o parque eólico Porto Vidros. Proxecto de execución do parque eólico modificado núm. 1 e modificado núm. 1 de infraestrutura eléctrica evacuación, febreiro 2023, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso (colexiada núm. 9746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado o 24.2.2023.

Así mesmo, inclúe declaración responsable indicando que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Porto Vidros non modifica as afeccións sobre as que xa se emitiu informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

Nesta mesma data a promotora achega o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

16. O 5.4.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

17. O 10.4.2023 a Xefatura Territorial de Pontevedra emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico presentado o 24.2.2023, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

18. Con data do 10.4.2023 Naturgy Renovables, S.L., para dar resposta ao informe emitido pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, presentou o proxecto de execución Parque Eólico Porto Vidros. Proxecto de execución do parque eólico modificado núm. 1 e modificado núm. 1 de infraestrutura eléctrica evacuación, febreiro 2023, asinado pola enxeñeira industrial Consolación Alonso Alonso (colexiada núm. 9746 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado no referido colexio co núm. 201802560 do 10.4.2023, en que se incorpora a modificación consistente na retirada da actuación considerada con incidencia na estrada N-541, de modo que non se orixinaría afección á dita vía. Así mesmo, declara responsablemente que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico non modifica as afeccións sobre as que xa se emitiu informe a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar novas separatas.

19. O 19.4.2023 a Xefatura Territorial, por solicitude desta dirección xeral, emite informe do proxecto recollido no anterior antecedente de feito en que se reafirma no xa emitido no informe o 10.4.2023, non observando impedimento para a continuación da tramitación do procedemento de autorización correspondente.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 10,35 MW, segundo o informe do xestor da rede do 22.3.2021.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación
Enerxética e Recursos Naturais