Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34958

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/06).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico As Penizas.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 31,2 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 286.171,3 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución

5. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus números 4.1.3, 4.1.4 e 4.1.5 , a promotora deberá contar previamente ao inicio de obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e a configuración definitiva deberá ser sometica a informe dos órganos aos cales non lles constan os cambios producidos.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas, e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas Administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica y o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. Con data do 23.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicio público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data do 26.10.2017 Greenalia Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e de construción, a declaración de utilidade pública e a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei (Pontevedra).

2. O 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificóulle a promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 31.1.2018 a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

3. Con data do 6.2.2018, esta dirección xeral a solicitoulles os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da Lei 8/2009 conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

4. Con data do 28.2.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se deberá seguir e os organismos que se deberán consultar durante a fase de información pública.

5. Con data do 2.3.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial, e establece unha serie de cambios no proxecto sectorial. Con data do 27.3.2018 a empresa achega copia do proxecto sectorial modificado debido ás correccións do informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

6. O 9.1.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico As Penizas á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra para a continuación da tramitación.

7. Con data do 12.2.2020 mediante a Resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.3.2020 e no xornal Faro de Vigo do 13.3.2020. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Forcarei e Cerdedo-Cotobade), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Industria.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Forcarei e Concello de Cerdedo-Cotobade.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Cellnex Telecom, S.A., o 5.6.2020, Concello de Forcarei o 21.7.2020, Retegal, S.A. o 28.8.2020 e o Concello de Cerdedo-Cotobade o 16.9.2020.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

9. Con data do 26.4.2021 a promotora, en resposta aos informes emitidos polos organismos consultados e outras alegacións durante a tramitación, presenta nova documentación técnica, na cal se desenvolveu unha nova alternativa do parque eólico que recolle os cambios consistentes en eliminación dun aeroxerador e recolocación do resto de aeroxeradores, cambio do modelo de aeroxerador, modificación do deseño das vías de acceso e cambio na subestación colectora.

10. O 29.9.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre a nova documentación achegada, onde se indica que as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

11. O 25.10.2021 solicitáronselles informes á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, á Axencia de Turismo de Galicia, á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o 16.2.2022, á Dirección Xeral de Defensa do Monte.

12. Con data do 23.12.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectadas, a xefatura territorial solicitoulle a promotora a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

13. Con data do 30.12.2022 a xefatura territorial reiteroulle a promotora a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009, na cal deberá ter en conta o segundo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (28.12.2022) para a súa conformidade e/ou consideración nos ditos documentos, co fin de que se realizasen, de ser o caso, as modificación e adaptacións deles.

14. A promotora, o 30.12.2022, como resposta ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28.12.2022 expón unha solución final en que elimina AE03 e modifica o trazado dunha canalización subterránea, queda así o parque constituído por 6 aeroxeradores de 5.2 MW de potencia unitaria para unha potencia total de 31,2 MW, que foi avaliado favorablemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 11.1.2023.

15. O 4.1.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

16. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Galega de Turismo, Augas de Galicia, Concello de Forcarei, Concello de Cerdedo-Cotobade, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e Dirección Xeral de Saúde Pública.

Formalizada a tramitación ambiental, o 23.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 23 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 16, do 24 de xaneiro).

17. O 30.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

18. Nas datas 6.2.2023, 14.2.2023, 23.2.2023 e 27.2.2023 a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo oitavo e achega escrito en que declara que para os organismos xa consultados non se requiren novas separatas. Posteriormente, con data do 17.3.2023 presentou separatas para Augas de Galicia, a Consellería do Medio Rural e Meteogalicia.

19. Con data do 20.3.2023, esta dirección xeral remite, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegadas pola promotora o 17.3.2023 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, a Consellería do Medio Rural e Meteogalicia.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Consellería do Medio Rural o 31.3.2023, Meteogalicia o 5.4.2023 e Augas de Galicia o 20.4.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

20. Con data do 5.4.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m nos termos establecidos na súa disposición transitoria sétima.

21. En resposta a un requirimento da xefatura territorial do 30.3.2023 de mellora do proxecto definitivo, a promotora presenta o 17.4.2023 novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 27.2.2023 e con aclaración do 20.4.2023, e que ten a seguinte denominación: Proxecto de execución do parque eólico As Penizas, nos termos municipais da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Forcarei (Pontevedra). Abril de 2023, asinado o 14.4.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada nº 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), con visado con data do 17.4.2023 do referido colexio profesional.

22. O 21.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito anterior, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

23. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 33,6 MW, con data do de acceso 2.7.2019 e data de conexión 22.5.2020.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais