Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34937

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/06).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Power, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico As Penizas, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 26.10.2017 Greenalia Power, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto sectorial do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei (Pontevedra).

Segundo. O 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle a promotora o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 31.1.2018 a promotora achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

Terceiro. Con data do 6.2.2018, esta dirección xeral solicitoulles os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da Lei 8/2009 conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Cuarto. Con data do 28.2.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se vai seguir e os organismos que se van consultar durante a fase de información pública.

Quinto. Con data do 2.3.2018 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial, e establece unha serie de cambios no proxecto sectorial. Con data do 27.3.2018 a empresa achega copia do proxecto sectorial modificado debido ás correccións do informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Sexto. O 9.1.2020 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico As Penizas á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra para a continuación da tramitación.

Sétimo. Con data do 12.2.2020, mediante a Resolución da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Forcarei, da provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 13.3.2020 e no xornal Faro de Vigo do 13.3.2020. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Forcarei e Cerdedo-Cotobade) e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Pontevedra.

Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Empresa e Industria.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A., Concello de Forcarei e Concello de Cerdedo-Cotobade.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Cellnex Telecom, S.A. o 5.6.2020, Concello de Forcarei o 21.7.2020, Retegal, S.A. o 28.8.2020 e Concello de Cerdedo-Cotobade o 16.9.2020.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Noveno. Con data do 26.4.2021 a promotora, en resposta aos informes emitidos polos organismos consultados e outras alegacións durante a tramitación, presenta nova documentación técnica, na cal se desenvolveu unha nova alternativa do parque eólico, que recolle os cambios consistentes en eliminación dun aeroxerador e recolocación do resto de aeroxeradores, cambio do modelo de aeroxerador, modificación do deseño das vías de acceso e cambio na subestación colectora.

Décimo. O 29.9.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 sobre a nova documentación achegada, onde se indica que as posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Décimo primeiro. O 25.10.2021 solicitáronse informes á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, á Axencia de Turismo de Galicia, á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e o 16.2.2022, á Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Décimo segundo. Con data do 23.12.2022, rematados os trámites de información pública, de audiencia e consultas ás administracións públicas afectadas, a xefatura territorial solicitoulle á promotora a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009.

Décimo terceiro. Con data do 30.12.2022 a xefatura territorial reiteroulle á promotora a documentación definitiva adaptada de acordo co artigo 33.15 da Lei 8/2009, na cal deberá ter en conta o segundo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (28.12.2022) para a súa conformidade e/ou consideración nos ditos documentos, co fin de que se realizasen, de ser o caso, as modificación e adaptacións deles.

Décimo cuarto. A promotora, o 30.12.2022, como resposta ao informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 28.12.2022, expón unha solución final en que elimina AE03 e modifica o trazado dunha canalización subterránea, queda o parque constituído por 6 aeroxeradores de 5,2 MW de potencia unitaria para unha potencia total de 31,2 MW, que foi avaliado favorablemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 11.1.2023.

Décimo quinto. O 4.1.2023 a xefatura territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sexto. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Galega de Turismo, Augas de Galicia, Concello de Forcarei, Concello de Cerdedo-Cotobade, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e Dirección Xeral de Saúde Pública.

Formalizada a tramitación ambiental, o 23.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 23 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 16, do 24 de xaneiro).

Décimo sétimo. O 30.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo oitavo. Nas datas 6.2.2023, 14.2.2023, 23.2.2023 e 27.2.2023 a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada no antecedente de feito décimo oitavo e achega escrito en que declara que para os organismos xa consultados non se requiren novas separatas. Posteriormente, con data do 17.3.2023 presentou separatas para Augas de Galicia, Consellería do Medio Rural e Meteogalicia.

Décimo noveno. Con data do 20.3.2023, esta dirección xeral remite, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico achegadas pola promotora o 17.3.2023 aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Consellería do Medio Rural e Meteogalicia.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Consellería do Medio Rural o 31.3.2023, Meteogalicia o 5.4.2023 e Augas de Galicia o 20.4.2023.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos.

Vixésimo. Con data do 5.4.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias de 500 m nos termos establecidos na súa disposición transitoria sétima.

Vixésimo primeiro. En resposta a un requirimento da xefatura territorial do 30.3.2023, de mellora do proxecto definitivo, a promotora presenta o 17.4.2023 novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 27.2.2023 e con aclaración do 20.4.2023, e que ten a seguinte denominación: Proxecto de execución do parque eólico As Penizas, nos termos municipais da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Forcarei (Pontevedra). Abril de 2023, asinado o 14.4.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada nº 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), con visado de 17.4.2023 do referido colexio profesional.

Vixésimo segundo. O 21.4.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido recollido no antecedente de feito anterior, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 33,6 MW, con data de acceso 2.7.2019 e data de conexión 22.5.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 13.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario en que se recolle a resposta a elas, o cal se incorporara textualmente a esta resolución:

«No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o acordo no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3 de xaneiro de 2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos se cumpriu co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, a Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación.

Xa que logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Con respecto á fragmentación do expediente do parque eólico As Penizas (IN408A 2017/06) con outros proxectos industriais, cómpre efectuar as seguintes consideracións:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Dito noutras palabras, as presuntas vantaxes que desde o punto de vista da tramitación ambiental podería ter un fraccionamento non son tales, xa que a existencia doutros parques eólicos nas proximidades obriga á realización do trámite ambiental ordinario para o novo parque.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental, cunha zona de estudo nun raio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos Ampliación As Penizas, Cabanelas, Campo das Rosas, Pedra Longa e Borreiro, a liña eléctrica de evacuación do parque eólico As Penizas, a subestación do parque eólico As Penizas e a subestación do parque eólico Borreiro.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «.. unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria.

Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, xa que reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico As Penizas comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Ampliación As Penizas, Cabanelas e Pedralonga, o que non impide que os catro teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

No que respecta ao exceso de parques proxectados na zona e a súa distribución, débese indicar que a elección da situación do parque eólico a realiza a promotora con base na existencia de recurso eólico e de acordo coa lei eólica vixente.

Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como da solicitude de moratoria na autorización de parques, débese expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos, nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Respecto do tipo de sociedade da empresa promotora do parque eólico, débese indicar que esta acreditou a capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, de acordo co establecido na Lei 8/2009.

Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe referirse á resolución desta Xefatura Territorial de Pontevedra pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública do proxecto do parque eólico As Penizas para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, puidesen presentar as súas alegacións.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia, no xornal Faro de Vigo, na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria e remitiuse aos concellos afectados de Cerdedo-Cotobade e Forcarei para a súa exposición ao público nos taboleiros de anuncios, segundo o recollido no antecedente de feito primeiro deste informe.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública aos titulares recollidos na relación de bens e dereitos afectados incluída na Resolución de información pública, para que as persoas notificadas puidesen presentar, de ser o caso, os datos oportunos para rectificar posibles erros na relación de persoas, bens e dereitos que se afectan ou formular as alegacións que considerasen oportunas.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental (EIA) débese indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

O estudo de impacto ambiental sometido ao tramite de información pública, como resultado das consultas realizadas aos distintos organismos, recibiu varios informes condicionados ou desfavorables para a alternativa contemplada. Por este motivo, a promotora modificou o proxecto e presentou o documento Addenda ao estudo de impacto ambiental do parque eólico As Penizas. Xaneiro de 2023 coa alternativa definitiva que se recolle no punto 1.2 da declaración de impacto ambiental (DIA).

No relativo ás alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural e impacto turístico, cabe indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal o 23.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA), con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións en que debe desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Saúde Pública e Augas de Galicia.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, logo de varias propostas de modificación e alternativas ao proxecto para evitar afeccións aos elementos do patrimonio cultural, emitiu informe favorable o 11.1.2023 en que considera que as modificacións no deseño do parque eólico As Penizas, recollidas na documentación presentada pola promotora o 30.12.2022, son compatibles coa protección e a conservación do patrimonio cultural, co cumprimento das medidas protectoras e correctoras indicadas no estudo de impacto sobre o patrimonio cultural e anexos complementarios deste presentados, e mais do resto de condicións e consideracións incluídas no informe do 28.12.2022.

En relación coas alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e á biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o 26.11.2021, emitiu informe en que conclúe que, á vista dos antecedentes e da análise da documentación achegada pola promotora, considérase que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos, ao ser compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as consideracións que relaciona.

En relación coas alegacións sobre afeccións á paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio conclúe, no seu informe do 12.3.2020, que o proxecto incorpora un estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP), cuxo contido se axusta formalmente ao disposto no artigo 11.2.d) da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia. Indica tamén que as medidas de integración paisaxística previstas poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir ou mitigar o impacto sobre a paisaxe, ben que deben adoptarse os criterios e recomendacións de integración paisaxística que se expresaron no informe.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto podería ter sobre a saúde das persoas, e en especial ás relacionadas co ruído producido polos aeroxeradores, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía se no estudo de impacto ambiental se tiveron en conta, se identificaron e se valoraron os posibles impactos no medio ambiente que, segundo a evidencia científica dispoñible, puidesen ter unha repercusión na saúde humana. A dita avaliación realízase en tres fases: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos e identificación das posibles vías de exposición. De ser o caso, a avaliación poderá incluír a necesidade de medición da exposición específica da poboación a algunha posible fonte contaminante ou a necesidade do deseño dun estudo de avaliación de risco para a saúde do proxecto.

A Dirección Xeral de Saúde Pública, logo de analizar a documentación achegada en relación co estudo de impacto ambiental do parque eólico As Penizas, e tras a valoración dos aspectos relativos á saúde ambiental, emitiu o 19.1.2023 informe favorable, condicionado á presentación, con carácter previo ao inicio das obras, dun estudo preoperacional e a súa conseguinte repercusión no estudo acústico, e de documentación adicional relacionada co pestanexo de sombras.

En relación as alegacións presentadas polas dúas comunidades de usuarios de augas sobre a proximidade de varios aeroxeradores aos seus mananciais, tamén sinalada nos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, indicar que a promotora as tivo en conta e na primeira modificación do proxecto cambiou a posición dos aeroxeradores 03 e 05 para separalos dos puntos de captación e non prexudicar o caudal e a calidade dos mananciais. No proxecto final eliminouse o aeroxerador 03.

En relación coas alegacións sobre a contaminación luminosa producida polo balizamento dos aeroxeradores, que podería interferir cos traballos do Observatorio Astronómico de Forcarei, cómpre dicir que as servidumes aeronáuticas en territorio nacional, espacio aéreo e aguas xurisdicionais son as que indica o Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, de servidumes aeronáuticas, e toda construción, instalación ou plantación afectada require da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), entidade encargada do seu control. A promotora ten que solicitarlle a dita autorización a AESA, que, de ser o caso, establecerá as directrices relacionadas coa sinalización e iluminación do parque eólico.

No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico.

No relativo ás distancias a núcleos de poboación, o informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 2.3.2018 conclúe, logo de analizar a posición dos aeroxeradores, que todos eles cumpren a distancia mínima de 500 metros ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano e urbanizable conforme o punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emite un segundo informe o 29.9.2021, despois da modificación do proxecto inicial, coa mesma conclusión.

En relación coas alegacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico, cómpre indicar que se terán en conta na resolución que, de ser o caso, se emita en relación coa dita solicitude.

No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

No que atinxe ás alegacións sobre concorrencia de utilidades públicas e a súa compatibilidade ou prevalencia, cabe responder que esta cuestión será abordada na fase do expediente correspondente á declaración de utilidade pública do parque eólico.

Á marxe do anterior, en relación coa compatibilidade dos aproveitamentos forestal e eólico, o Servizo de Montes de Pontevedra, no seu informe do 20.1.2022 indica que as obras afectan montes veciñais en man común, polo que será necesario o informe do Servizo de Montes sobre a compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades públicas. Como consecuencia da aplicación da normativa relativa aos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, procedería declarar as superficies afectadas polos aeroxeradores e polos camiños do parque eólico como solo rústico de especial protección de infraestruturas. O Servizo de Montes lembra que, neste tipo de proxectos, dentro das superficies de vocación forestal, convén sempre superpoñer a nova clasificación á de protección forestal, de xeito que, en cada caso, prevalezan as condicións de uso máis restritivas dentro das correspondentes ás dúas clasificacións, e que os montes conserven integramente a clasificación que incide na conservación dos seus valores forestais. Ademais, ese servizo considera que para estes proxectos o cambio de clasificación debería limitarse ás superficies de afección directa dos aeroxeradores e vías, co obxecto de non perder potencial para a produción forestal nos arredores».

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 23.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso, sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo cal se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico As Penizas, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 23.1.2023, recollida nesta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico As Penizas, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico As Penizas.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa das instalacións do parque eólico As Penizas, sito nos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 31,2 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico As Penizas, composto polo documento Proxecto de execución do parque eólico As Penizas, nos termos municipais da Estrada, Cerdedo-Cotobade e Forcarei (Pontevedra). Abril de 2023, asinado o 14.4.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada nº 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), con visado do 17.4.2023 do referido colexio profesional.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Domicilio social: praza María Pita, nº 10 1º, CP 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico As Penizas.

Potencia instalada: 31,2 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 31,2 MW.

Produción neta: 92.940 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.979 h.

Concellos afectados: Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 23.153.979,07 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

550.080

4.711.785

2

551.875

4.711.785

3

550.741

4.715.599

4

549.127

4.715.599

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Concellos

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

AE 01

550.248

4.714.953

Cerdedo-Cotobade

AE 04

550.625

4.713.771

Forcarei

AE 05

550.695

4.713.385

Cerdedo-Cotobade

AE 06

550.781

4.713.039

Forcarei

AE 07

550.888

4.712.699

Forcarei

AE 08

551.061

4.712.359

Cerdedo-Cotobade

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

SET As Penizas

550.449

4.714.437

Coordenadas da envolvente da subestación:

Envolvente subestación

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

P1

550.468

4.714.425

P2

550.464

4.714.452

P3

550.440

4.714.448

P4

550.440

4.714.449

P5

550.433

4.714.419

P6

550.429

4.714.447

A saída da subestación farase de maneira subterránea ata un apoio situado nas inmediacións, onde se procederá ao paso a aéreo. As coordenadas (DatumETRS89, fuso 29) do apoio do paso subterráneo a aéreo son:

Apoio

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

550.471

4.714.419

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores modelo Siemens-Gamesa modelo SG145 ou similar, cunha altura ata a buxa de 127,5 m e un diámetro de rotor de 145 m, de potencia 5.200 kW e cos seus correspondentes centros de transformación montados en góndola con potencia unitaria de 6.000 kVA e relación de transformación de 30/0,69 kV.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación receptora do parque, composta por tres circuítos con condutores tipo RHZ1/OL 18/30 kV Al 240 mm2 e 400 mm2 nos correspondentes tramos, de lonxitudes 632 m, 1.126 m e 1.718 m, respectivamente.

– Subestación transformadora 30/132 kV con aparellaxe híbrida tipo PASS, con edificio de control, para evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador de potencia de 80/90 MVA ONAN/ONAF e un transformador de servizos auxiliares 30/0,40-0,23 kV de 50 kVA cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección. Estará composta por dous sistemas de tensión.

• Un sistema de alta tensión de 132 kV de intemperie en configuración de simple barra, cunha posición de liña e un transformador de potencia.

• Un sistema de 30 kV situado en celas de interior en configuración de simple barra con tres posicións de liña, unha posición de transformador, unha posición de servizos auxiliares, dúas posicións de medida de barras, axuste e remonte de barras. A aparellaxe deste sistema estará disposta en celas blindadas con illamento en SF6.

– Liña soterrada con condutor AL-VOLTALENE RHZ-RA+2OL (AS) 76/132 1*630 Al +H250 Cu desde a subestación ata a base de apoio aéreo-subterráneo.

– Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, subestación, edificio de control, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cableaxe.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 286.171,3 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

5. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus puntos 4.1.3, 4.1.4 e 4.1.5 , a promotora deberá contar previamente ao inicio de obras cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Saúde Pública e a configuración definitiva deberá ser sometida a informe dos órganos aos cales non lles constan os cambios producidos.

6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Pontevedra inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizos públicos ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009 , do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático con data do 23.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicio público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais