Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Martes, 6 de xuño de 2023 Páx. 34966

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Xesteirón, sito nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense), promovido por Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U. (expediente IN408A 2020/032B).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power, S.L.U. (actualmente Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U.) en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Xesteirón, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 2.12.2020, Greenalia Wind Power, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, así como a aprobación do proxecto sectorial (actualmente proxecto de interese autonómico) para o parque eólico Xesteirón, sito nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense).

Segundo. O 22.12.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante Lei 8/2009). O 22.12.2020, o promotor achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 25.1.2021, esta dirección xeral solicitou os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da Lei 8/2009 conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

Cuarto. O 17.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que hai que seguir e os organismos que se deben consultar durante a fase de información pública.

Quinto. O 13.4.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia e se recollen os organismos que deben emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

Sexto. O 13.8.2021, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Xesteirón á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

Sétimo. Mediante o Acordo do 2 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Xesteirón, situado nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo, da provincia de Ourense.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 29 de setembro de 2021 (DOG núm. 188, do 29 de setembro) e no xornal La Región do 29 de setembro. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Chandrexa de Queixa e Montederramo), e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación de Ourense, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Retevisión (Cellnex Telecom, S.A.), Retegal (Redes de Telecomunicacións Galegas, S.A.), Concello de Montederramo, Concello de Chandrexa de Queixa, Orange Espagne, S.A.U., Marqués Bidco, S.L., Vodafone España, S.A.U. e Movistar, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 7.12.2021, Retegal (Redes de Telecomunicacións Galegas, S.A.) o 19.10.2021, Orange Espagne, S.A.U. o 21.12.2021, Movistar, S.A. o 27.12.2021, Deputación de Ourense o 2.11.2022 e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o 11.4.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. O 27.1.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. O 20.4.2022, Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U. solicitou a transmisión de titularidade e pola Resolución do 10.11.2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente parque eólico Xesteirón, titularidade de Greenalia Wind Power, S.L.U., a favor de Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Chandrexa de Queixa, Concello de Montederramo, Axencia de Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Cumprida a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 28 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Xesteirón, nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (DOG núm. 236, do 14 de decembro).

Décimo segundo. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo terceiro. Con datas 1.2.2023 e 6.2.2023, o promotor, Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U., en resposta ao requirimento desta dirección xeral, achegou o proxecto refundido e presentou un escrito en que declara «que as afeccións da configuración definitiva do proxecto do parque eólico Xesteirón non modifican as afeccións xa informadas a través das separatas técnicas, polo que non é necesario presentar unhas novas».

As modificacións introducidas, motivadas polos informes sectoriais emitidos durante a tramitación do expediente, consisten na redución do número de aeroxeradores do parque eólico (pasan de 10 a 7 aeroxeradores, elimínanse as máquinas AE06, AE07 e AE09, reinstálase o AE08 (que pasa a denominarse AE03), cambio do modelo de aeroxerador, eliminación da torre meteorolóxica, modificación de gabias, vías e plataformas para adaptalas á alternativa definitiva e, por último, renuméranse as máquinas de norte a sur para facilitar o seguimento en obra e explotación.

Décimo cuarto. O 17.2.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático presentou unha aclaración á DIA «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico Xesteirón (clave 2021/0026), detectouse que, na parte de Condicións particulares, para algunhas delas se estableceu que deben cumprir previamente a autorización por ese órgano substantivo; porén, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

Décimo quinto. O 27.2.2023, unha vez comprobada a documentación achegada polo promotor segundo o antecedente décimo terceiro, requiríuselle a achega da documentación técnica conforme o establecido no punto 4.1.4 da DIA.

Decimo sexto. O 7.3.2023, Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U., en resposta ao requirimento desta dirección xeral, achegou documentación definitiva adaptada ás condicións da DIA consistente na eliminación do aeroxerador AE03, non achegando novas separatas.

Décimo sétimo. O 13.3.2023, a dirección xeral, de acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, comunicoulle ao órgano ambiental a modificación presentada.

Décimo oitavo. En resposta a un requirimento da xefatura territorial do 27.3.2023, de mellora do proxecto definitivo, o promotor presentou, o 11.4.2023, un novo proxecto que substitúe o anteriormente presentado o 7.3.2023, e que ten a seguinte denominación: Proxecto de execución do parque eólico Xesteirón, nos termos municipais de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense), asinado o 10.4.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), con visado do 11.4.2023 do referido colexio profesional.

Décimo noveno. O 12.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico sobre o proxecto definitivo recollido no antecedente de feito décimo oitavo, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, no relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas.

Vixésimo. O 11.4.2023, Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou acordo vinculante en relación co uso compartido da infraestrutura de evacuación, tal e como prescribe o artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 45 MW, con data de acceso do 4.11.2019 e data de conexión do 28.11.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, a xefatura territorial, o 3.3.2023, remitiu un informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, e o 8.3.2023 emitiu unha corrección de erros, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático publicada no Anuncio do 28 de novembro de 2022 (DOG núm. 236, do 14 de decembro), e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

2. No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3 de xaneiro de 2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación.

Daquela, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

3. Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

4. Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos, nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

5. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou doutro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 10 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos Rodicio e Rodicio II e a súa liña de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministracións e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supor unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Xesteirón comparte infraestruturas de evacuación cos parques eólicos Rodicio e Rodicio II, o que non impide que os tres parques que comparten evacuación teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipamentos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

6. No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, o promotor deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

7. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento, …), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

8. No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable».

De ser o caso, non se admitirán as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por se presentaren fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

De ser o caso, os escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Xesteirón, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022, e recollida nesta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Xesteirón, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Xesteirón.

Nos puntos 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Xesteirón, nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense) e promovido por Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U., cunha potencia de 39,6 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Xesteirón, composto polo documento: Proxecto de execución do parque eólico Xesteirón, nos termos municipais de Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense), asinado o 10.4.2023 pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez (colexiada núm. 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste), con visado núm. folio 17, asento 130, do 11.4.2023, do referido colexio profesional.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U.

Domicilio social: praza María Pita, nº 10, 1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Xesteirón.

Potencia instalada: 39,6 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 39,6 MW.

Produción neta: 94.490 MWh/ano.

Concellos afectados: Chandrexa de Queixa e Montederramo (Ourense).

Orzamento de execución material: 27.740.487,32 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

P1

626.875

4.681.034

P2

628.992

4.682.993

P3

631.096

4.683.344

P4

632.671

4.684.202

P5

634.411

4.683.362

P6

633.814

4.682.322

P7

630.875

4.679.785

P8

626.875

4.679.785

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

AE 01

631.904

4.683.301

AE 02

631.545

4.682.596

AE 04

630.131

4.681.717

AE 05

629.598

4.681.372

AE 06

629.037

4.681.065

AE 07

628.842

4.680.572

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

SET Xesteirón

628.883

4.680.820

Coordenadas da envolvente da subestación:

Envolvente subestación

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

UTM-X

UTM-Y

1

628.863

4.680.839

2

628.906

4.680.825

3

628.899

4.680.804

4

628.882

4.680.810

5

628.878

4.680.799

6

628.852

4.680.808

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG170 de 6,6 MW de potencia nominal unitaria ou similar, cunha altura de buxa 115 m e 170 m diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación tipo seco, situados na propia nacelle dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 7.000 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV, e os correspondentes equipamentos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede eléctrica soterrada a 30 KV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación receptora do parque (SET), composta por tres circuítos con condutores tipo RHZ1 18/30 kV Al, de sección variable segundo o treito; o circuíto 1 para a interconexión dos aeroxeradores AE 01, AE 02 e AE 07 coa SET, o circuíto 2 para a interconexión dos aeroxeradores AE 04 e AE 05 coa SET e o circuíto 3 para a interconexión do aeroxerador AE 06 coa SET.

– O sistema de terras do parque eólico conectarase mediante condutor de cobre nu de 50 mm2 enterrado en gabia, á malla de posta á terra da subestación colectora.

– Subestación transformadora 30/132 kV, coa seguinte configuración:

• Parque a nivel de 132 kV en intemperie con aparellaxe convencional en configuración de simple barra, coas seguintes posicións: unha posición de liña convencional de intemperie con interruptor, unha posición de transformador convencional de intemperie con interruptor.

• Transformador de potencia de 40/50 MVA ONAN/ONAF de instalación en exterior, illados en aceite mineral, con sistema de regulación de carga e r/t 132kV/30kV.

• Sistema a 30 kV, que presenta configuración de simple barra cos seguintes módulos de celas normalizadas de interior: tres posicións de liña, unha posición de transformador, unha posición de SSAA (trafo de 50 kVAs e r/t 30/0,42kV), posición de medida de barras, acoplamento e remonte de barras.

• Instalación de cadro de control e armarios de protección, control, medida e demais elementos auxiliares.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Xesteirón, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 207.226 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

5. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022 e recollida no antecedente de feito décimo primeiro, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

6. Con anterioridade ao inicio de obras, segundo se recolle na declaración de impacto ambiental nos seus puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4, o promotor deberá contar, antes do inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e do Instituto de Estudos do Territorio.

7. Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

8. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

9. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación de Ourense inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

11. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

13. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que o substitúa.

14. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

15. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

16. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

17. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais