Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34096

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Solpor, sito nos concellos de Ordes e Mesía (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (IN408A 2018/026).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Solpor.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Solpor, sito nos concellos de Mesía e Ordes (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 24 MW.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Green Capital Power, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 167.914 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 223.885 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. O promotor cumprirá co condicionado técnico, recollido no informe emitido pola Xefatura Territorial con data do 28.3.2023 para a autorización administrativa previa e de construción (ao que se fai referencia nos antecedentes de feito), para o que mostrou a súa conformidade.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos mesmos.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. Con data do 13.6.2018 o promotor, Green Capital Power, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Solpor, sito nos concellos de Ordes e Mesía (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

2. Con data do 17.1.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en adiante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, con data do 4.2.2019, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

3. Con data do 18.1.2021 o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Solpor, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación solicitada consiste no cambio de modelo dos aeroxeradores (que supón a redución do seu número) e o desprazamento das súas posicións, así como as da torre meteorolóxica e da subestación, e a incorporación dun tramo de liña eléctrica aérea de 132 kV de evacuación. Con data do 17.6.2021 esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta modificación.

4. Con data do 25.6.2021 esta dirección xeral solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) o informe recollido no artigo 33 da Lei 8/2009, quen emitiu informe con data do 23.7.2021, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores compren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. Con data do 9.9.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Solpor á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente (IN408A 2018/026), de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

6. Con data do 10.12.2021 a xefatura territorial ditou Acordo pola que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) do parque eólico Solpor, nos concellos de Ordes e Mesía (expediente IN408A 2018/026).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.12.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ordes e Mesía) e nas dependencias da xefatura territorial, quen emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das que se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación ás mesmas.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Concello de Mesía, Concello de Ordes, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Enagás, S.A., Audasa, Demarcación de Estradas del Estado, Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE) e Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 1.2.2022, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional o 13.1.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 20.6.2022, Enagás, S.A. o 17.1.2022, Audasa o 21.12.2021, Demarcación de Estradas do Estado o 13.1.2022 e Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 16.1.2022.

O Concello de Ordes emitiu dous informes (un primeiro, con data do 19.1.2022, e un segundo de contestación á resposta do promotor, con data do 26.1.2023) e o Concello de Mesía emitiu tres informes (un primeiro, con data do 28.1.2022, e outros dous de contestación ás respostas do promotor, con datas do 28.3.2022 e 6.6.2022) en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións, recurso eólico, plan eólico de Galicia ou rexeitamento social, entre outras). O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

8. Con data do 14.12.2022 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN408A 2018/026 e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado do mesmo a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, de data do 14.12.2022, en que se recolle un resumo da tramitación.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Mesía, Concello de Ordes, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Con data do 28.12.2022 esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, con data do 10.1.2023, formular a DIA do parque eólico Solpor, nos concellos de Mesía e Ordes (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (clave: 2020/047), que se fixo pública mediante o Anuncio do 11 de xaneiro de 2023 do órgano ambiental (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro).

10. Con data do 3.2.2023 esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, con data do 1.3.2023 o promotor achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, agás para tres entidades (Concello de Ordes, Concello de Mesía e Augas de Galicia), para as que presenta novas separatas.

11. Con data do 1.3.2023 o promotor presentou o acordo de promotores para a tramitación, construción e explotación das infraestruturas necesarias para a conexión á rede de transporte de electricidade na subestación Mesón do Vento 220 kV, titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U., de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

12. Con data do 7.3.2023 esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas tres entidades (Concello de Ordes, Concello de Mesía e Augas de Galicia), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A continuación, relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 31.3.2023 e 20.4.2023. O promotor prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

O Concello de Ordes emitiu informe, con data do 30.3.2023, no que se require a incorporación no proxecto da recomendación do IET sobre pantallas vexetais. O promotor deu resposta a esta cuestión. Ao respecto desta, indicar que no proxecto xa está atendida a referida recomendación.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

13. Con data do 8.3.2023 o promotor presentou o Acordo do 28 de febreiro de 2023 da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) que autoriza a instalación do parque eólico Solpor (co seu correspondente condicionado), para a configuración final do parque eólico recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

14. Con data do 22.3.2023 esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, con data do 5.4.2023, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores compren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

15. Con data do 7.3.2023 esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen emitiu informe, con data do 28.3.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Solpor, de carácter favorable, recollendo unha condición para este carácter, así como unha serie de consideracións delimitadoras do contido do informe. Deste informe deuse traslado ao promotor con data do 12.4.2023, quen presentou a súa contestación ao mesmo con data do 13.4.2023.

16. O parque eólico Solpor conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 24,15 MW, segundo informes do xestor da rede con datas do 11.3.2019 e 8.6.2020.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais