Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34072

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Solpor, sito nos concellos de Ordes e Mesía (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2018/026).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Solpor, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 13.6.2018 o promotor, Green Capital Power, S.L., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Solpor, sito nos concellos de Ordes e Mesía (A Coruña), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009).

Segundo. Con data do 17.1.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente, Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; en diante, esta dirección xeral) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, quen achegou, con data do 4.2.2019, o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33 da dita lei.

Terceiro. Con data do 18.2.2020 o promotor desistiu da solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Solpor.

Cuarto. Con data do 18.1.2021 o promotor solicitou unha modificación substancial do parque eólico Solpor, achegando a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, a modificación solicitada consiste no cambio de modelo dos aeroxeradores (que supón a redución do seu número) e o desprazamento das súas posicións, así como as da torre meteorolóxica e da subestación, e a incorporación dun tramo de liña eléctrica aérea de 132 kV de evacuación. Con data do 17.6.2021 esta dirección xeral notificoulle ao promotor a admisión a trámite desta modificación.

Quinto. Con data do 25.6.2021 esta dirección xeral solicitou á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) o informe recollido no artigo 33 da Lei 8/2009, quen emitiu informe con data do 23.7.2021, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Sexto. Con data do 9.9.2021 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Solpor á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (en diante, xefatura territorial) para a continuación da tramitación deste expediente (IN408A 2018/026), de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009.

Sétimo. Con data do 29.10.2021 o promotor, en resposta a un requirimento da xefatura territorial, achegou documentación técnica complementaria.

Oitavo. Con data do 10.12.2021 a xefatura territorial ditou acordo pola que se someteron a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) do parque eólico Solpor, nos concellos de Ordes e Mesía (expediente IN408A 2018/026).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.12.2021. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ordes e Mesía) e nas dependencias da xefatura territorial, quen emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web desta consellería.

Durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, das cales se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa contestación a estas.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do referido parque eólico ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Concello de Mesía, Concello de Ordes, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Enagás, S.A., Audasa, Demarcación de Estradas do Estado, Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE) e Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 1.2.2022, Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional o 13.1.2022, Dirección Xeral de Telecomunicacións o 20.6.2022, Enagás, S.A. o 17.01.2022, Audasa o 21.12.2021, Demarcación de Estradas do Estado o 13.1.2022 e Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. o 16.1.2022.

O Concello de Ordes emitiu dous informes (un primeiro, con data do 19.1.2022, e un segundo de contestación á resposta do promotor, con data do 26.1.2023) e o Concello de Mesía emitiu tres informes (un primeiro, con data do 28.1.2022, e outros dous de contestación ás respostas do promotor, con datas do 28.3.2022 e do 6.6.2022) nos que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións, recurso eólico, plan eólico de Galicia ou rexeitamento social, entre outras). O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver) e para o resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo. Con datas do 17.8.2022, 19.10.2022 e 17.11.2022 o promotor presentou a documentación técnica definitiva, coas adaptacións realizadas con base nas alegacións e informes recibidos durante a tramitación, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. Con data do 14.12.2022 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN408A 2018/026 e de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009, deu traslado deste a esta dirección xeral para os efectos de continuar coa súa tramitación, acompañando o informe do Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial, de data 14.12.2022, en que se recolle un resumo da tramitación.

Posteriormente, con data do 9.1.2023, remitiron o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, emitido polos servizos técnicos da xefatura territorial con data do 5.1.2023, en que se conclúe que se informa desfavorablemente o proxecto, por interferencia coa liña de evacuación do parque eólico Brancellao.

Décimo segundo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental (EsIA), solicitáronse informes ás seguintes entidades: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Mesía, Concello de Ordes, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Con data do 28.12.2022 esta dirección xeral, de acordo co disposto no artigo 39 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, deu traslado do expediente ao órgano ambiental, para os efectos de tramitar a declaración de impacto ambiental (DIA).

O órgano ambiental resolveu, con data do 10.1.2023, formular a DIA do parque eólico Solpor, nos concellos de Mesía e Ordes (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L. (clave 2020/047), que se fixo pública mediante o Anuncio do 11 de xaneiro de 2023 do órgano ambiental (DOG núm. 13, do 19 de xaneiro).

Décimo terceiro. Con data do 3.2.2023 esta dirección xeral, para os efectos da emisión das autorizacións administrativas previa e de construción, requiriulle ao promotor o proxecto de execución refundido resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, así como, de ser o caso, as separatas técnicas refundidas.

En resposta a este requirimento, con data do 1.3.2023 o promotor achegou o proxecto de execución refundido, xunto coa declaración responsable indicando que este non orixina novas afeccións respecto ás separatas xa informadas, agás para tres entidades (Concello de Ordes, Concello de Mesía e Augas de Galicia), para as que presenta novas separatas.

Décimo cuarto. Con data do 1.3.2023 o promotor presentou o acordo de promotores para a tramitación, construción e explotación das infraestruturas necesarias para a conexión á rede de transporte de electricidade na subestación Mesón do Vento 220 kV, titularidade de Red Eléctrica de España, S.A.U., de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Décimo quinto. Con data do 7.3.2023 esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido ás referidas tres entidades (Concello de Ordes, Concello de Mesía e Augas de Galicia), para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

A seguir relaciónanse as entidades que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia o 31.3.2023 e 20.4.2023. O promotor prestou a súa conformidade ao condicionado emitido.

O Concello de Ordes emitiu informe, con data do 30.3.2023, en que se require a incorporación no proxecto da recomendación do IET sobre pantallas vexetais. O promotor deu resposta a esta cuestión. Ao respecto desta, indicar que no proxecto xa está atendida a referida recomendación.

Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo sexto. Con data do 8.3.2023 o promotor presentou o Acordo do 28 de febreiro de 2023 da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) que autoriza a instalación do parque eólico Solpor (co seu correspondente condicionado), para a configuración final do parque eólico recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

Décimo sétimo. Con data do 22.3.2023 esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á DXOTU, quen emitiu informe, con data do 5.4.2023, en que se conclúe que as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación.

Décimo oitavo. Con data do 7.3.2023 esta dirección xeral solicitou o informe previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, en relación co proxecto de execución refundido, á xefatura territorial, quen emitiu informe, con data do 28.3.2023, para a autorización administrativa previa e de construción do proxecto da instalación do parque eólico Solpor, de carácter favorable, recollendo unha condición para este carácter, así como unha serie de consideracións delimitadoras do contido do informe. Deste informe deuse traslado ao promotor con data do 12.4.2023, quen presentou a súa contestación a este con data do 13.4.2023.

Décimo noveno. O parque eólico Solpor conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 24,15 MW, segundo informes do xestor da rede de datas 11.3.2019 e 8.6.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 94, do 16 de maio) e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014 (DOG núm. 92, do 15 de maio), pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 10.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a estas, a cal se incorpora textualmente a esta resolución. Esta resposta tamén se aplica para as alegacións presentadas con posterioridade, á remisión do referido informe:

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos en funcionamento ou en proxecto Singular Cerceda, Gasalla, Legre e Monte San Bartolomé e as liñas de evacuación, transporte e distribución da zona.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «no podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración de la competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que compartan infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

b) En relación co órgano competente para resolver este procedemento remítese ao exposto nos fundamentos de dereito. Así mesmo, indícase que de acordo co artigo 3 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, corresponden á Administración xeral do Estado a competencia de autorizar instalacións peninsulares de produción de enerxía eléctrica, incluíndo as súas infraestruturas de evacuación, cando a potencia eléctrica instalada é superior a 50 MW eléctricos, mentres que a potencia nominal da instalación que se está a tramitar é de 24 MW.

c) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 10.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: concellos de Mesía e Ordes, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) En canto ás afeccións ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia informou o 1.2.2022 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe.

Durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación da actuación proposta, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán recollerse as directrices sinaladas no informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe.

e) No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 14.9.2022 e 5.12.2022, favorables con respecto ás posibles afeccións ambientais no ámbito da saúde pública.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 14.2.2022 que o parque eólico Solpor non ocupará montes catalogados ou de xestión pública, nin montes veciñais en man común. Segundo a información que obra en este servizo, ademais das pistas, non se verán afectadas outras infraestruturas forestais, nin masas consolidadas de frondosas autóctonas. A Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe favorable o 11.3.2022.

g) En relación coa afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 28.1.2022 e 5.12.2022 en que se establece que o EIIP é completo e seu contido axústase ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG.

O principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual dos aeroxeradores, que pola súa forma e altura serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias; esta incidencia perdurará durante o tempo en que estean instalados os aeroxeradores, e verase incrementada polo efecto sinérxico derivado da presenza doutros parques eólicos na contorna. Neste caso, entre as zonas afectadas pola incidencia visual caben destacar os núcleos rurais máis próximos, o Camiño de Santiago, o sendeiro PR-G 177 Ruta das Fragas aos Muíños, e a autoestrada AP-9. Aínda que non é viable ocultar ou apantallar os aeroxeradores desde a maioría dos puntos de observación (agás nos núcleos rurais), esta incidencia visual non supón (para os efectos do artigo 33.1.d) do RLPPG) un impacto crítico. A respecto dos núcleos rurais, considérase adecuada a medida recollida no EIIP, relacionada coa directriz de paisaxe DX.20.c, de prever a execución de pantallas vexetais nas proximidades dos núcleos de poboación.

En relación co edificio de control, e de acordo coa directriz de paisaxe DX.17.c.4, deberase procurar a mellor integración cromática e textural posible seleccionando os materiais e as cores en atención ás características da paisaxe de acollida, coidando os acabamentos para transmitir unha imaxe de calidade. En calquera caso evitarase o emprego de materiais que afecten negativamente a paisaxe pola súa cor, brillo ou similares. Así mesmo, de acordo coas directrices de paisaxe DX.20.i e DX.20.o, deberanse prever plantacións arbóreas.

h) En relación coa afección ao patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 30.5.2022 e 22.9.2022 informe favorable, debéndose ter en conta unha serie de consideracións e condicións con respecto ao control e seguimento arqueolóxico das obras.

i) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Solpor, nos concellos de Mesía e Ordes (A Coruña), (expediente IN408A 2018/26).

Así mesmo, o dito acordo e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Mesía e Ordes e da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental e autorización administrativa, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

j) No que respecta ao modelo de aeroxerador que se empregará, a autorización administrativa do parque establecerá a potencia máxima da instalación, así como a unitaria dos aeroxeradores. O artigo 37.2 da Lei 8/2009 establece que as modificacións consistentes na variación da potencia nominal dos aeroxeradores, sempre que non supoñan un incremento ou redución de máis do 10 % da potencia autorizada do proxecto orixinal, manténdose inalteradas todas as demais características técnicas do parque eólico, consideraranse modificacións non substanciais.

k) No caso de afectar captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

l) En relación co tamaño da poligonal do PE, esta é soamente unha referencia da superficie en que se sitúan as instalacións, sen que implique unha afección ao terreo nas zonas sen instalacións ou vías.

m) En relación coa posible interferencia entre o proxecto do PE Solpor e a LAT de evacuación do PE Brencellao, o expediente da modificación substancial do PE Solpor iniciouse con anterioridade á solicitude presentada por Enel Green Power España, S.L. ante a Administración xeral do Estado, que será a que deba incluír ao promotor do PE Solpor no correspondente trámite de separatas no procedemento de autorización do PE Brencellao.

n) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 23.7.2021, como se recolle nos antecedentes de feito.

ñ) No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 23.7.2021, recóllese que: «Comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias do planeamento do Concello de Ordes do 28.11.1996 e PXOM do Concello de Mesía do 26.12.2012), e as coordenadas dos 5 aeroxeneradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións compren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable».

o) As modificacións do proxecto respecto ao documento de inicio xorden como consecuencia do contido do documento de alcance e foron presentadas con anterioridade á entrada en vigor da Lei 18/2021, polo que non son de aplicación as modificacións introducidas por esta lei.

p) O interese autonómico do proxecto xustifícase por constituír un desenvolvemento do Plan eólico de Galicia, co que a importancia e efectos do proxecto que transcenden claramente o ámbito municipal.

Os parques eólicos son unha das principais fontes de xeración de enerxía limpa e, polo tanto, parte fundamental da loita contra o cambio climático e a descarbonización, con vantaxes na protección do ambiente, a saúde e a economía.

q) En relación co suposto éxodo poboacional asociado á implantación de parques eólicos, non existen datos que acrediten a influencia desa implantación sobre a demografía do contorno desas instalacións.

r) En canto aos réximes do solo aplicable, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, non pretende excluír un uso ou outro, senón permitir a aplicación complementaria destes réximes.

s) En canto á afección a terreos adscritos á PAC, só quedarían excluídos do dereito para recibir axudas da PAC aqueles terreos en que efectivamente se atopen instaladas as infraestruturas do parque eólico, da liña de evacuación e nas zonas nas que haxa servidumes dalgún tipo. A posible perda de renda deberá ser compensada polo promotor, de acordo coa Lei de expropiación forzosa, con independencia do valor dos terreos afectados.

t) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

u) En relación coa suposta ausencia de estudo do potencial eólico, o potencial da zona de implantación deste parque está analizado no anexo 8 do proxecto: «Recurso eólico».

v) A utilidade pública das instalacións de xeración eléctrica vén declarada no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; a dita declaración o será para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

w) En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

x) En relación coas parcelas que se van incluír na relación de bens e dereitos afectados, o artigo 44, da Lei 8/2009, especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública incluirá a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación.

y) En particular, no que respecta ás posibles afeccións producidas pola poligonal do parque eólico, cómpre indicar que a poligonal do parque é sinxelamente unha referencia xeográfica do territorio no que se sitúa a totalidade das instalacións do parque. A afección real aos bens e dereitos limítase á producida polas instalacións do parque: aeroxeradores, liñas eléctricas de conexión, subestación e vías.

z) En relación coa posible conculcación do artigo 17 da Carta dos dereitos fundamentais da UE, en relación co dereito á propiedade privada, o propio artigo 17 establece como excepción a este dereito a causa de utilidade pública, nos casos e condicións previstos na lei e a cambio, nun tempo razoable, dunha xusta indemnización pola súa perda.

aa) En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

ab) En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

ac) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia, entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

ad) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o Acordo no DOG do 15 de decembro de 1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

ae) En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Por tanto, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

af) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á DIA, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da dita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á DIA, segundo o disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da DIA das instalacións do parque eólico Solpor, formulada polo órgano ambiental o 10.1.2023 (á que se fai referencia nos antecedentes de feito):

a) O órgano ambiental resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Solpor, concluíndo que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Solpor. Nas súas epígrafes 4 e 5 recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no EsIA e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Quinto. O informe emitido pola xefatura territorial, con data do 28.3.2023, para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), recolle unha condición para o seu carácter favorable, así como unha serie de consideracións delimitadoras do seu contido.

A respecto da condición recollida no informe para o seu carácter favorable, identificada co núm. 1 (reflectida a seguir), cómpre indicar o seguinte:

• Na condición recóllese o seguinte: «No caso de que o PE Brancellao se autorizase, a afección coa LAT de evacuación deberá ser resolta ben xustificando o cumprimento das distancias regulamentarias no cruzamento, ben eliminando o devandito cruzamento ou ben establecendo, o órgano competente, a prevalencia do PE Solpor sobre o PE Brancellao. [...]».

• Con data do 8.3.2022 recibiuse un escrito da Delegación do Goberno en Galicia (Área de Industria e Enerxía) en que se notificaba o inicio da tramitación da autorización administrativa previa (Real decreto 1955/2000) e a avaliación de impacto ambiental (Lei 21/2013), así como a posta á disposición da documentación correspondente do parque eólico Brancellao e as súas infraestruturas eléctricas de evacuación (estudo de impacto ambiental e anteproxecto) nos termos municipais de Boimorto, Curtis, Frades, Mesía, Oza-Cesuras, Sobrado, Vilasantar e Ordes (A Coruña). Esta dirección xeral, con data do 14.3.2022, emitiu informe de carácter desfavorable, debido a que todas as posicións (agás a núm. 14) e a poligonal do parque atopábanse fóra das áreas de desenvolvemento eólico (ADE). A empresa promotora do parque non solicitou a excepcionalidade recollida na disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que modifica o artigo 6.4 da Lei 8/2009.

• O promotor, na súa contestación, fai constar o seguinte a respecto desta condición: «No caso de que o parque eólico Brancellao se chegue a autorizar, a afección coa LAT de evacuación será resolta ben xustificando o cumprimento das distancias regulamentarias no cruzamento, ben eliminando o devandito cruzamento ou ben establecendo, o órgano competente, a prevalencia do parque eólico Solpor sobre o parque eólico Brancellao, tal e como no informe se indica».

A respecto da consideración recollida no informe, identificada co núm. 2 (reflectida a seguir), cómpre indicar o seguinte:

• Na consideración recóllese o seguinte: «Existe outra interferencia co PE Monte San Bartolomé, en tramitación, que pode afectar a RMT interior do parque. No caso de que unha instalación inflúa na outra deberán ser xustificadas tecnicamente as solucións acadadas».

• O promotor, na súa contestación, fai constar o seguinte a respecto desta consideración: «No caso de que a instalación do PE Solpor ou a instalación do PE Monte San Bartolomé inflúa unha sobre a outra, xustificaranse tecnicamente as solucións acadadas, buscando chegar a acordos co outro promotor».

A respecto da consideración recollida no informe, identificada co núm. 8 (reflectida a seguir), cómpre indicar o seguinte:

• Durante a tramitación do expediente, presentouse unha alegación (alegación núm. 312) en que o alegante (José Barrio Calviño), entre outras cuestións, fai constar que é propietario dun predio (referencia catrastral 15060A513001280000LU) afectada polo parque eólico Solpor (vía: 76,77 m2; e servidume: 76,77 m2). A este respecto alega o seguinte: «Sobre este predio existe unha vivenda construída no ano 1975, e que a xeoreferencia do xerador núm. 1 sitúase a 225 m dela, o que supón que a punta das pas no seu xiro situaríase a 147,5 m da vivenda, incumprindo deste xeito a distancia mínima ás vivendas establecida na lexislación e normativa en vigor en materia de produción de enerxía eléctrica».

• Na consideración do informe recóllese o seguinte: «Segundo o indicado na alegación núm. 312, existe unha vivenda a uns 225 m do eixe do aero SOL-01. Non se entra a valorar a situación de legalidade da dita vivenda, ben que se solicitou un estudo de riscos que conclúe que o risco de que un hipotético envorco do aeroxerador afecte a edificación é nulo e o risco asociado a unha hipotética rotura ou fragmentación dunha das pas en movemento sería pouco significativo. Non se valoran outras posibles afeccións como de ruído ou urbanísticas por non ser da miña competencia».

• O promotor, en resposta a esta cuestión, presentou a certificación urbanística da referida parcela emitida polo Concello de Ordes a petición do promotor, en que se transcribe o informe emitido polos servizos técnicos municipais. Deste informe, e a respecto da referida construción, cabe salientar o seguinte: «[...] En relación coa construción existente na parcela e consultados os rexistros municipais, non consta licenza municipal para construción de vivenda unifamiliar ou outro tipo de construción na parcela. A Policía Local do concello de Ordes emite informe número 701/2023 o 21.2.2023 sobre as condicións da construción e en que se constata o estado non habitable da edificación, a cal carece de servizos de luz e auga, estando composta por un edificio principal, recentemente pintado, ao cal se anexa un alpendre polo que se deduce se accede ao interior da construción. O informe inclúe reportaxe fotográfica da construción existente [...].

• No informe emitido pola DXOTU con data do 5.4.2023 (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), conclúese o seguinte: «[...] Comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias do planeamento do Concello de Ordes do 28.11.1996 e PXOM do Concello de Mesía do 26.12.2012) e as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación».

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Solpor, sito nos concellos de Mesía e Ordes (A Coruña) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 24 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Solpor, denominado «parque eólico Solpor 24 MW», asinado o 16.3.2023 pola enxeñeira industrial Marta Gómez Sánchez (colexiada núm. 4.379 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias) e visado por este colexio co núm. 20230427V e data do 18.3.2023

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

• Promotor: Green Capital Power, S.L.

• Denominación: parque eólico Solpor.

• Potencia instalada: 24 MW.

• Potencia autorizada/evacuable: 24 MW.

• Produción neta: 71.329 MWh/ano.

• Horas equivalentes netas: 2.972 h.

• Concellos afectados: Ordes e Mesía (A Coruña).

• Orzamento de execución material: 19.483.371,12 euros.

• Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

Concello

X

Y

P1

555.875,07

4.771.986,49

Mesía

P2

551.450,00

4.772.201,00

Ordes

P3

551.450,00

4.775.620,00

Ordes

P4

555.779,39

4.775.620,00

Mesía

• Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

Concello

X

Y

SOL-01

552.540,00

4.774.979,00

Ordes

SOL-02

553.078,00

4.774.791,00

Ordes

SOL-03

553.833,00

4.774.946,00

Ordes

SOL-04

554.901,00

4.773.767,00

Ordes

SOL-05

554.739,00

4.774.066,00

Ordes

• Coordenadas da torre meteorolóxica e da subestación do parque eólico:

Elemento

Coordenadas UTM (fuso 29 ETRS89)

Concello

X

Y

Torre meteorolóxica

552.156,00

4.774.756,00

Ordes

Subestación

553.688,00

4.775.111,00

Ordes

• Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Cinco (5) aeroxeradores de tres pas, modelo N155-4,8 MW ou similar, de 4,8 MW de potencia nominal unitaria, altura de buxa de 120 m e diámetro do rotor de 155 m.

– Cinco (5) centros de transformación trifásicos con transformador seco para 30 kV, de potencia aparente unitaria 5.350 kVA e relación de transformación 0,69/30 kV, coas súas correspondentes celas metálicas de seccionamento, manobra e protección.

– Unha (1) torre meteorolóxica de 122 m de altura (120 m de altura da estrutura da torre máis 2 m de altura do pararraios).

– Unha (1) subestación eléctrica transformadora (SET) 132/30 kV con transformador de potencia intemperie, trifásico, en baño de aceite, de potencia 25/30 MVA (ONAN/ONAF) e relación de transformación 132/30 kV. A SET distribúese da seguinte forma:

- Parque de 132 kV en intemperie cunha posición de liña-transformador. Incluiranse os elementos asociados tales como autoválvulas, transformadores de tensión, transformadores de intensidade, seccionador e interruptor automático.

- Parque de 30 kV, configuración simple barra, cos conxuntos de celas seguintes: unha cela de protección de transformador de potencia, unha cela de transformador de servizos auxiliares, unha cela de protección de batería de condensadores, dúas celas de protección de liña (circuítos colectores procedentes do parque eólico), celas de seccionamento con posta a terra e medida de tensión en barras.

- A SET Solpor disporá dun edificio de control con salas independentes para distintos usos.

– O sistema colector de media tensión (MT) está formado por dous circuítos de 30 kV en instalación subterránea e ten como obxecto a canalización da enerxía xerada polas aeroturbinas ata a SET Solpor. O cable utilizado será condutor de aluminio RHZ1-20L, 18/30 kV, de diferentes seccións (95, 150 e 400 mm2).

– A posta a terra da rede de MT está constituída por un cable de cobre espido, de sección mínima 50 mm2, tendido ao longo da canalización de MT no fondo da gabia. O sistema de posta a terra será único para a totalidade do parque eólico (PE).

– Pola mesma gabia das citadas liñas de MT instalarase unha rede de comunicacións que utilizará como soporte un cable de fibra óptica monomodo con fibras de 9/125 µ/m e que se empregará para a monitorización e control do parque eólico.

– Proxéctase a instalación dunha liña aérea de alta tensión 132 kV Solpor, de simple circuíto e 1.048,2 m de lonxitude, para a evacuación da enerxía xerada no parque e a súa conexión á rede de distribución. Esta liña partirá do pórtico da SET Solpor e finalizará no apoio 22 da liña de alta tensión 132 kV SET PE Gasalla-SET colectora Mesón do Vento 132/220 kV. Esta última liña é tramitada polo mesmo promotor, pero forma parte dun proxecto independente (expediente IN408A 2020/167, en estado de tramitación).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte ao disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o promotor (Green Capital Power, S.L.) constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta do órgano ambiental, en 167.914 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento, cuxo importe se fixa en 223.885 euros, por proposta do órgano ambiental.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá presentar ante a esta dirección xeral o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da DIA.

5. De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, con informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a xefatura territorial inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

10. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na DIA, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. O promotor cumprirá co condicionado técnico, recollido no informe emitido pola xefatura territorial con data do 28.3.2023 para a autorización administrativa previa e de construción (a que se fai referencia nos antecedentes de feito), para o que mostrou a súa conformidade.

12. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos mesmos.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais