Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34064

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Cunca, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/002).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativas previa e de construción do parque eólico Cunca.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Cunca, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/002), cunha potencia de 22,5 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 182.558.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) a promotora deberá dispoñer de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo co punto 4 da DIA.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e as montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

10. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

11. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderase producir a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 4.1.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental

2. O 18.3.2019, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009 da súa solicitude. O 21.3.2019 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

3. O 22.1.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu o documento de inicio ambiental presentado pola promotora para os efectos de obter o documento de alcance ao que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

4. O 16.4.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (redacción anterior da lei) onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial

5. O 21.4.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicoulle a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

6. O 21.7.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013.

O 30.11.2020, a promotora achegou o estudo de impacto ambiental.

7. O 3.3.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Cunca á Xefatura Territorial de Pontevedra para a continuación da tramitación.

8. Mediante a Resolución do 24.3.2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sométense a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, do proxecto do parque eólico Cunca, sito no concello de Vila de Cruces da provincia de Pontevedra (IN408A 2019/02).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5 de abril de 2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado, Vila de Cruces, e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

9. Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a Xefatura Territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Unión Fenosa Distribución, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Telecomunicacións e o Concello de Vila de Cruces.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Redes de Telecomunicación Galegas. Retegal, S.A. (2.5.2021), Confederación Hidrográfica Galicia Costa o 13.5.2021 e o 28.9.2022, Unión Fenosa Distribución o 22.4.2021, a Axencia Galega de Infraestruturas o 19.4.2021, o 22.12.2021 e o 13.9.2022, a Dirección Xeral de Telecomunicacións o 30.7.2021, e o Concello de Vila de Cruces (14.5.2022).

Retevisión I, S.A.U. emitiu o 20.5.2021 condicionado relativo ao parque eólico. O 29.10.2021, a promotora achega un acordo asinado coa empresa Retevisión I, S.A.U. do 10.8.2021 en que se comprometen a executar o parque eólico mantendo a calidade do sinal.

O Concello de Vila de Cruces emitiu dous informes (un primeiro, o 25.5.2021, e un segundo, o 14.5.2022) en que, ademais de fixar o condicionado técnico, formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e outras varias, entre elas, o incumprimento da distancia regulamentaria a núcleos de poboación. Ao respecto destas cómpre indicar o seguinte: existe un informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver). En relación co condicionado técnico a promotora deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formuladas polo Concello.

10. O 29.11.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo e Augas de Galicia, así como ao Concello de Vila de Cruces e á Sociedade Galega de Historia Natural.

Cumprida a tramitación ambiental, o 30.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 2 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Cunca, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) (expediente 2020/0011), (DOG nº 9, do 13 de xaneiro de 2023).

12. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

13. O 20.2.2023 Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto refundido denominado «Proxecto refundido. Parque eólico Cunca», asinado polo enxeñeiro Industrial Gustavo de Domingo Sanz (colexiado nº 1.109 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Burgos y Palencia) e visado no referido colexio co nº BU2000427 do 13.4.2023.

14. O 7.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Concello de Vila de Cruces.

O Concello de Vila de Cruces emitiu informes, o 11.4.2023 e o 19.4.2023, no sentido xa manifestado nos informes emitidos para a primeira separata. A promotora deu resposta ao resto de cuestións formuladas polo Concello. Con respecto do resto de cuestións expresadas polo Concello, cómpre indicar o mesmo que o xa manifestado na contestación aos seus primeiros informes recollido no antecedente noveno.

15. O 4.4.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra realizou un requirimento á promotora en relación co contido do proxecto de execución refundido. O 14.4.2023 a promotora presentou o proxecto refundido denominado «Proxecto refundido. Parque eólico Cunca», asinado polo enxeñeiro industrial Gustavo de Domingo Sanz, (colexiado nº 1.109 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Burgos y Palencia) e visado polo seu colexio o 13.4.2023, agás o documento nº 8, relativo ao proxecto da subestación, que vén asinado o 10.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Javier Sanz Osorio (colexiado nº 6.134 do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de Aragón) e visado polo seu colexio o 11.4.2023.

16. O 5.4.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial sobre a documentación refundida.

17. O 18.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

18. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 22,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.5.2019 e do 19.2.2020

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais