Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34037

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Cunca, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L. (expediente IN408A 2019/002).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Green Capital Power, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, do parque eólico Cunca (en diante, o parque eólico, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 4.1.2019, Green Capital Power, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. O 18.3.2019, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009 da súa solicitude. O 21.3.2019, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos de acordo co artigo 33.3 da Lei 8/2009.

Terceiro. O 22.1.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu o documento de inicio ambiental presentado pola promotora para os efectos de obter o documento de alcance a que fai referencia o artigo 34 da Lei 21/2013.

Cuarto. O 16.4.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 (redacción anterior da lei) onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial

Quinto. O 21.4.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático comunicoulle a esta dirección xeral o inicio de trámite de consultas.

Sexto. O 21.7.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o documento de alcance do estudo de impacto ambiental e a relación de organismos que deben emitir informe, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 21/2013.

O 30.11.2020, a promotora achegou o estudo de impacto ambiental.

Sétimo. O 3.3.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Cunca á Xefatura Territorial de Pontevedra para a continuación da tramitación.

Oitavo. Mediante a Resolución do 24.3.2021, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sométese a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Cunca, sito no concello de Vila de Cruces, da provincia de Pontevedra (IN408A 2019/02).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.4.2021. Así mesmo, remitiuse para exposición ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado, Vila de Cruces, e permaneceu exposto nas dependencias da Xefatura Territorial de Pontevedra e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o procedemento de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial de Pontevedra remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal, Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Confederación Hidrográfica Galicia Costa, Unión Fenosa distribución, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral de Telecomunicacións e o Concello de Vila de Cruces.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Redes de Telecomunicación Galegas. Retegal, S.A. (2.5.2021), Confederación Hidrográfica Galicia Costa o 13.5.2021 e o 28.9.2022, Unión Fenosa Distribución o 22.4.2021, a Axencia Galega de Infraestruturas o 19.4.2021, o 22.12.2021 e o 13.09.2022, a Dirección Xeral de Telecomunicacións o 30.7.2021, e o Concello de Vila de Cruces (14.5.2022).

Retevisión I, S.A.U. emitiu o 20.5.2021 condicionado relativo ao parque eólico. O 29.10.2021, a promotora achega un acordo asinado coa empresa Retevisión I, S.A.U. do 10.8.2021 en que se comprometen a executar o parque eólico mantendo a calidade do sinal.

O Concello de Vila de Cruces emitiu dous informes (un primeiro, o 25.5.2021, e un segundo, o 14.5.2022) en que, ademais de fixar o condicionado técnico, formula cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e outras varias, entre elas, o incumprimento da distancia regulamentaria a núcleos de poboación. Ao respecto destas cómpre indicar o seguinte: existe un informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación e o resto de cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico e de declaración de utilidade pública, en concreto, pendentes de resolver). En relación co condicionado técnico a promotora deu resposta ao resto de cuestións ou reparos formuladas polo Concello.

Décimo. O 29.11.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo e Augas de Galicia, así como ao Concello de Vila de Cruces e á Sociedade Galega de Historia Natural.

Cumprida a tramitación ambiental, o 30.12.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 2 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Cunca, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), (expediente 2020/0011), (DOG nº 9, do 13 de xaneiro de 2023).

Décimo segundo. O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle a promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo terceiro. O 20.2.2023 Green Capital Power, S.L. presentou o proxecto refundido denominado «Proxecto refundido. Parque eólico Cunca», asinado polo enxeñeiro Industrial Gustavo de Domingo Sanz (colexiado nº 1.109 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Burgos y Palencia) e visado no referido colexio co nº BU2000427 do 13.4.2023.

Décimo cuarto. O 7.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu as separatas achegadas pola promotora aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Concello de Vila de Cruces.

O Concello de Vila de Cruces emitiu informes o 11.4.2023 e o 19.4.2023, no sentido xa manifestado nos informes emitidos para a primeira separata. A promotora deu resposta ao resto de cuestións formuladas polo Concello. Con respecto do resto de cuestións expresadas polo Concello, cómpre indicar o mesmo que o xa manifestado na contestación aos seus primeiros informes recollido no antecedente noveno.

Décimo quinto. O 4.4.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra realizou un requirimento á promotora en relación co contido do proxecto de execución refundido. O 14.4.2023 a promotora presentou o proxecto refundido denominado «Proxecto refundido. Parque eólico Cunca», asinado polo enxeñeiro industrial Gustavo de Domingo Sanz, (colexiado nº 1.109 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Burgos y Palencia) e visado polo seu colexio o 13.4.2023, agás o documento nº 8, relativo ao proxecto da subestación, que vén asinado o 10.4.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Javier Sanz Osorio (colexiado nº 6134 do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos Industriales de Aragón) e visado polo seu colexio o 11.4.2023.

Décimo sexto. O 5.4.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia, e recóllense os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial sobre a documentación refundida.

Décimo sétimo. O 18.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu o informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 22,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 23.5.2019 e do 19.2.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro) e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. O 27.3.2023, a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación co resumo das alegacións presentadas durante o período de información pública, así como durante a tramitación do expediente, do cal se transcribe o seu contido:

«Respecto das alegacións que refiren á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1.10.1997 e o acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 15.12.1997. Posteriormente, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002 polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia. En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

A Lei 8/2009, do 22 de decembro define o Plan sectorial eólico de Galicia como o instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é o de regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio. Así mesmo, define área de desenvolvemento eólico (en diante, ADE) como o espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

A modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia aprobada definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002 inclúe, ademais das áreas de investigación dos plans eólicos aprobados, áreas de reservas que proceden de desafectacións de plans aprobados ou zonas en que se estima a existencia de potencial eólico que non foi incluído nos plans eólicos empresariais aprobados. Entre esas áreas de reserva atópase a Área de Mirón-Seixas, situada nos concellos de Vila de Cruces e Lalín, dentro do que se proxecta a poligonal do parque eólico Cunca.

Segundo a disposición transitoria segunda da referida lei, en tanto non se modifique o Plan sectorial eólico de Galicia, consideraranse ADE as áreas de reserva e de investigación, así como a franxa paralela a estas, previstas no Plan sectorial eólico de Galicia vixente.

Respecto das alegacións que refiren a fragmentación do proxecto industrial eólico en varios proxectos independentes, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible, mediante o fraccionamento, evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas a avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados, evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria. Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades.

Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas. O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 15 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna.

Asemade, consta un estudo de efectos acumulativos do nó Silleda onde se teñen en conta todas as infraestruturas presentes no radio de 5 km ao redor dos parques e evacuacións que forman parte do mesmo nó, incluíndo a liña de evacuación a través da que evacúa o parque eólico Cunca. Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa sentenza do 11.12.2013 cando di que «(…) unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede». Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental.

En concreto, a disposición final segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11.12.2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto medioambiental, podería supoñer unha alteración da competencia o unha evitación de maiores exixencias ambientais». Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques.

É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo para perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións. No que respecta á definición de instalacións de conexión a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Cunca non comparte infraestruturas, nin subestación transformadora ou centro de seccionamento, nin centro de control, nin redes de media tensión, nin accesos con ningún outro proxecto eólico. A enerxía xerada nos aeroxeradores do parque eólico Cunca evacúa, desde a súa subestación á rede nacional na subestación transformadora Silleda 400 kV, a través da infraestrutura, en fase de tramitación, evacuación conxunta parque eólico Cunca e parque eólico Rodeira, sendo obxecto de proxecto e tramitación ambiental independente do parque eólico.

En cumprimento da normativa de aplicación e tendo en conta as alegacións presentadas en relación coa fragmentación, para os efectos da avaliación ambiental, das infraestruturas compartidas, cómpre subliñar que se someteu a información pública a solicitude da referida instalación de evacuación para o coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións.

Mediante a Resolución do 6.4.2022 desta xefatura territorial someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, proxecto sectorial e a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto de solución de evacuación conxunta de enerxía eléctrica dos parques eólicos Cunca e Rodeira por un prazo de 30 días. A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 87, do 5 de maio de 2022, no xornal Faro de Vigo do 6 de maio de 2022, na páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, estivo dispoñible na Xefatura Territorial para a súa consulta e permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Lalín e do Concello de Silleda.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública en concreto, aos titulares que figuraban na relación de bens e dereitos afectados incluída na resolución de información pública.

Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, cómpre indicar que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número de proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Con respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe referirse á publicación da Resolución do 24.3.2021, desta xefatura territorial, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Cunca para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, puidesen presentar as súas alegacións. A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Esta xefatura territorial emitiu o 22.11.2022 certificado acreditativo de que a documentación obxecto de información pública estivo dispoñible na Xefatura Territorial para a súa consulta mediante cita previa, durante o período de 30 días hábiles, desde o 6.4.2021 ata o 18.5.2021, ambos incluídos.

Por outra banda, o 8.4.2021 remítese a dita resolución ao Concello de Vila de Cruces, xunto coa documentación técnica asociada para que durante o período de información pública, mantivese exposta no seu taboleiro de anuncios a mencionada resolución e que a documentación puidese ser consultada nese concello polas persoas interesadas.

Finalmente, o Concello de Vila de Cruces emite o 25.4.2022 o correspondente certificado de exposición pública segundo o que a dita resolución estivo exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello desde o 6.4.2021 ata o 18.5.2021 e foi publicada na sede electrónica do Concello durante un período de 37 días, comprendido entre os días 4.4.2021 e 17.5.2021.

Para aquelas alegacións que se refiren á unha publicación durante o estado de alarma para a xestión da situación de crise ocasionada pola COVID-19, cómpre recordar que o Goberno aprobou o 14.3.2020 declarar o estado de alarma en todo o territorio español para afrontar a dita situación, prorrogado ata as 00.00 horas do 21.6.2020.

Por canto, descartada calquera limitación da liberdade de circulación das persoas e segundo as dilixencias acreditativas que constan no expediente, emitidas por esta xefatura territorial e o Concello de Vila de Cruces, pódese concluír que a documentación técnica asociada ao proxecto estivo dispoñible nesta xefatura territorial e no Concello de Vila de Cruces para a súa consulta presencial por calquera persoa interesada.

Asemade, estivo publicada na Sede Electrónica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Vila de Cruces.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no Convenio de Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental e ao incumprimento da lexislación de aplicación hai que indicar que o proxecto foi avaliado ambientalmente, motivo polo que se considera que o estudo de impacto ambiental achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Así mesmo, respecto da avaliación do recurso eólico, cómpre indicar que o proxecto técnico de execución e, de xeito resumido, o estudo de impacto ambiental recollen os recursos eólicos presentes cuantificándoos nunha produción neta anual estimada de 120.459 Mwh, equivalentes a 4.015 horas de funcionamento.

En relación coas alegacións que se refiren exclusivamente aos aspectos que poden atinxir á avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, incidencia sobre os núcleos de poboación, saúde humana, hábitats naturais e biodiversidade, fauna, flora, solo, augas, paisaxe, patrimonio cultural e impacto turístico, cómpre indicar que o proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental correspondente, resultado do que, o 30.12.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións en que debe desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, segundo as directrices recollidas nos informes emitidos polos organismos sectoriais que teñen atribuídas competencias específicas nas materias referidas.

Durante o trámite de avaliación ambiental ao cal o proxecto foi sometido, recibíronse informes das seguintes administracións: Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Axencia Galega de Turismo e Augas de Galicia.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e a biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite o 15.12.2021 un primeiro informe en que conclúe que non é posible determinar con total seguridade que non se vaian producir efectos negativos sobre os valores naturais e que para unha correcta avaliación do documento ambiental do proxecto, este deberá ser reformulado acorde a unha serie de puntos entre os cales se atopan: o estudo de alternativas, a descrición xeral do proxecto, o inventario ambiental, certas contradicións entre a metodoloxía descrita e as fichas de visita a campo que se presentan, a identificación, descrición e valoración de impactos, as medidas preventivas e correctoras, o plan de restauración, o plan de vixilancia ambiental, así como outras consideracións. Asemade, faise oportuno que o proxecto incorpore medias adicionais que garantan a minimización do impacto por colisión tanto para os quirópteros como para as aves e exixe o cumprimento do punto 18.5 do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo de Galicia, mediante a elaboración dun estudo con datos sólidos da presenza de lobos na área de influencia, así como unha avaliación e seguimento das afeccións sobre a poboación de lobos.

Logo de varias modificacións, propostas e achegas de documentación adicional, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emite informe en que conclúe que o proxecto é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade xa que non é previsible que este xere efectos significativos sobre os valores naturais, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as consideracións recollidas no dito informe para a protección da avifauna e os quirópteros, así como no marco do programa de vixilancia ambiental. Previamente ao inicio das obras, a promotora deberá completar a documentación cunha proposta detallada referente ás medidas adicionais sinaladas por esa dirección xeral para garantir a minimización do impacto por colisión en aves, así como as actuacións para desenvolver no marco do programa de vixilancia ambiental para comprobar a eficacia das ditas medidas que deberá aprobar ese órgano.

O 20.12.2022 informa que o proxecto non provoca efectos sinérxicos incompatibles no marco da avaliación ambiental. Hai que subliñar que, en relación coas alegacións que refiren afeccións a espazos naturais protexidos, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural tendo en conta a información achegada polo Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra afirma que o lugar onde se localiza o proxecto non ten ningunha figura de espazos naturais protexidos das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia, e na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, nin está comprendida dentro dos límites de ningunha área protexida por instrumentos internacionais. Asemade, revisado o Inventario de humidais de Galicia conclúe que o proxecto non afecta a ningunha zona húmida recollida no referido inventario.

En relación coa afección sobre o patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite con data do 11.7.2021 informe favorable aos documentos do estudo de impacto ambiental parque eólico Cunca (novembro 2020) e do proxecto sectorial parque eólico Cunca (outubro 2020); deberanse executar as medidas correctoras que recolle a documentación avaliada e ter en conta as consideracións e condicionantes que recolle o seu informe. Entre eles exixe que, previamente ao inicio das obras, a promotora presente unha avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural dos accesos, identificaranse os ben que puidesen verse afectados e valorarase a posible afección aos elementos e os seus contornos, establecendo as medidas protectoras e correctoras necesarias para a súa salvagarda. Asemade, require que a totalidade dos traballos de construción se realicen baixo control arqueolóxico, os contornos de protección dos elementos catalogados deberán quedar libres tanto de obra nova como de zonas de amoreamento de materiais. Así mesmo, farase un seguimento da roza das zonas de obra e no caso que se constate a existencia de novos bens arqueolóxicos avaliaranse os impactos sobre eles primando a súa conservación.

En relación coas alegacións que refiren afeccións á paisaxe e integración paisaxística, o Instituto de Estudos do Territorio nun primeiro informe refire que o proxecto pode producir efectos significativos sobre valores paisaxísticos que non poden ser evitados con ningunha medida correctora. Segundo este organismo o parque non se sitúa dentro de ningunha área de especial interese paisaxístico, lugares de especial interese paisaxístico ou rutas de sendeirismo, aínda que existen afeccións a elementos de interese paisaxístico que resultan críticas no caso do Miradoiro da Valiña e altas no caso dos miradoiros da Fervenza do Toxa e de Coto da Madalena. Tamén resultarán altas sobre os núcleos de Orza, Cortizada, Valboa, Abealla, Cerdeiras, Cobas e sobre as igrexas de Fontao e de Santa María de Merza. Á vista do informe, a promotora presenta un novo estudo de impacto e integración paisaxística (en diante, EIIP) no que se proxecta o parque eólico cunha nova configuración, pola que se modifica a posición do aeroxerador que afectaba ao Miradoiro da Valiña. O Instituto de Estudos do Territorio emite un novo informe no que refire que coa nova localización do aeroxerador non existen diferenzas significativas nas cuncas visuais do parque eólico respecto da alternativa anterior, polo que os seus efectos sobre a paisaxe son os que xa se valoraron. Non obstante, o desprazamento do aeroxerador evita o impacto crítico que se producía sobre o Miradoiro de Valiña. Describe que as medidas preventivas, correctoras e compensatorias que propón a promotora na nova documentación poden considerarse, en xeral, adecuadas para reducir e mitigar os impactos sobre a paisaxe.

O informe conclúe que o principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual dos aeroxeradores, que pola súa forma e altura serán visibles desde unha ampla extensión de terreos e a longas distancias, esta incidencia perdurará durante o tempo que os aeroxeradores estean instalados e se verá incrementada polo efecto sinérxico doutros parques eólicos na contorna.

Entre as zonas afectadas pola incidencia visual cabe destacar os núcleos máis próximos, os miradoiros e as áreas de especial interese paisaxístico (en diante, AEIP). Esta incidencia visual, aínda que non pode ser mitigada con medidas correctoras, agás nos núcleos de poboación, non supón un impacto crítico. En relación coas alegacións que refiren unha deficiente avaliación paisaxística por non ter en conta a altura real dos aeroxeradores, cómpre indicar que a análise da conca visual para determinar os potenciais impactos visuais, incluída no EIIP avaliado por esa dirección xeral, considera como altura do aeroxerador a máxima altura alcanzada polas pas de 200 metros.

En relación coa afección ao medio hídrico, o estudo de impacto ambiental presenta unha análise da hidroloxía da zona, describe os impactos sobre a hidroloxía e medidas protectoras para aplicar, as medidas protectoras sobre a hidroloxía, un plan de seguimento hidrolóxico, así como un estudo de afeccións á saúde pública que aborda o impacto ao medio hídrico, indicando a necesidade de protexer as captacións e canalizacións de auga para o uso doméstico que existen na contorna. Augas de Galicia informa que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que a promotora prevé adoptar e as consideracións para tal efecto referidas no seu informe. Sinala que durante os procesos de execución dos traballos de desenvolvemento e implantación, de cara á non afección ao dominio público hidráulico, deberán recollerse as directrices sinaladas no seu informe, así como as indicadas na documentación sometida a informe para, entre outras medidas, reducir ou evitar o arrastre de sedimentos aos leitos dos ríos durante os movementos de terras e o tránsito da maquinaria, impedir a contaminación das augas superficiais ou subterráneas por acumulación de substancias e non afectar aos niveis freáticos que puidesen afectar ás captacións existentes durante a execución das gabias e dos alicerces. Consideracións ás que a promotora dá a súa conformidade.

Pon de manifesto que o proxecto non atravesa ningunha das zonas protexidas recollidas no Catálogo de zonas protexidas do Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Asemade, indica que a zona de captación para abastecemento humano máis próxima sitúase a 330 m das actuacións previstas En canto ás áreas protexidas a nivel europeo, o parque eólico atópase a un quilómetro ao norte do perímetro das augas minerotermais do Balneario Baños da Brea, e a máis de 1,7 quilómetros ao nordés da zona de interese piscícola Deza. Ademais, as ZECs Sistema Fluvial Ulla-Deza e Sobreirais do Arnego, tamén consideradas Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), atópanse a máis de 1,7 quilómetros ao suroeste e de 6 quilómetros ao leste do parque, respectivamente. Respecto dos aproveitamentos hídricos, Augas de Galicia refire que o estudo de impacto ambiental non recolle afeccións a captacións de auga, pero refire que lle constan 5 captacións na contorna do ámbito de actuación inscritas no libro de Rexistro de Augas de Galicia e outro expediente en tramitación. Exixe que no caso de afectar a algunha das captacións de augas inscritas como consecuencia das actuacións propostas, debe recollerse a súa reposición. Consideracións ás que a promotora dá a súa conformidade.

Toda actuación ou afección no dominio público hidráulico ou na zona de servidume e policía de leitos, incluíndo zonas de fluxo preferente e zonas asolagables, así como calquera captación ou vertedura, se é o caso, precisarán da autorización ou permiso do organismo de cunca competente, previamente ao inicio das obras. Por mor da nova configuración do parque eólico pola que se modifica a posición do aeroxerador que afectaba ao Miradoiro da Valiña, Augas de Galicia emite un novo informe en que mostra a súa conformidade coas modificacións propostas por non presentar afeccións a dominio público hidráulico.

No que respecta ás alegacións sobre os efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, cómpre indicar que a Dirección Xeral de Saúde Pública avalía o posible impacto do proxecto na saúde humana, a través do ambiente en tres fases: caracterizando a poboación en situación de risco, determinando os potenciais perigos e identificando as posibles vías de exposición.

Os principais perigos potenciais asociados a esta actividade que recolle esta dirección xeral son: a presenza de contaminantes, como augas residuais, gases ou po e partículas procedentes do movemento das terras, voaduras ou desprazamento de vehículos, ruído e vibracións orixinados por escavacións, movemento de camións e maquinaria, voaduras puntuais, construción das infraestruturas e funcionamento dos aeroxeradores, residuos perigosos e non perigosos xerados nas distintas fases do proxecto, produtos perigosos empregados nas instalación e no seu mantemento e os residuos xerados na súa eliminación, electrocución, campos electromagnéticos xerados polas instalacións e o efecto Shadow Flicker.

Respecto do ruído, refire que o estudo acústico presentado contén un estudo preoperacional con medicións directas e unha modelización acústica da emisión dos aeroxeradores para os períodos de día tarde e noite. Para a fase de obra indica un control dos niveis acústicos polo uso da maquinaria pesada. Recolle unha modelización da contorna reflectindo como resultado que non se prevé afección acústica nos núcleos de poboación máis próximos aos aeroxeradores, así como un plan de seguimento.

En canto aos efectos sinérxicos ou acumulativos, pon de manifesto a ausencia dun estudo tendo en conta os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos en relación con outros parques da contorna. Para a súa corrección, a promotora presenta un estudo acústico de efectos acumulativos ou sinérxicos cos parques eólicos presentes ou proxectados na contorna en que a Dirección Xeral de Saúde Pública dá a súa conformidade. Neste senso, a DIA exixe que os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque cumpran coa normativa vixente tendo en conta que no caso de que se superen os límites establecidos legalmente adoptaranse as medidas protectoras ou correctoras oportunas. Asemade, para controlar os niveis de presión sonora debidos á construción e funcionamento do parque a DIA recolle a obriga de executar un plan de seguimento do nivel do ruído ao abeiro do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, tomando como base o recollido no estudo de impacto ambiental e as consideracións feitas polo órgano ambiental.

Respecto dos campos electromagnéticos, o estudo e estimación de valores referentes aos niveis de campos magnéticos mediante simulación na subestación eléctrica, nas celas de medida, no transformador e no interruptor e con respecto da liña soterrada de 30 kV poñen de manifesto valores por debaixo dos limiares indicados no Real decreto 1066/2001, do 28 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que establece condicións de protección do dominio público radioeléctrico, restricións ás emisións radioeléctricas e medidas de protección sanitaria fronte a emisións radioeléctricas. A Dirección Xeral de Saúde Pública require a mellora da documentación que a promotora corrixe presentando un estudo xustificativo detallado do cumprimento dos valores máximos normativos ao que esa dirección xeral dá a súa conformidade.

Respecto do efecto escintileo de sombras, para valorar a súa zona de influencia a empresa promotora analizou este sobre as vivendas ou outras edificacións situadas dentro do radio de 1.450 metros desde cada aeroxerador. A modelización empregada conclúe que existen puntos receptores que superan ou igualan os limiares considerados para os que a promotora non presenta medidas protectoras nin correctoras aducindo que durante a explotación tomaranse as medidas oportunas, ante o que a Dirección Xeral de Saúde Pública exixe a presentación dunha proposta de medias correctoras durante a fase de explotación naquelas vivendas que superen os limiares considerados e se inclúa como medida a programación da parada técnica temporal, para asegurar a ausencia de efectos negativas sobre a saúde da poboación nos casos en que se superen os limiares avaliados.

Respecto dos posibles efectos sinérxicos ou acumulativos, a promotora non presenta avaliación con outros parques da contorna. Por canto, requíreselle un estudo tendo en conta os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos en relación con outros parques da contorna. Finalmente, o 30.11.2022 a Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable e so refire a necesidade de presentar, con carácter previo ao inicio das obras, as medidas correctoras para o efecto escintileo de sombras. En relación co impacto económico negativo xerado polo proxecto sobre as explotacións agrícolas, gandeiras forestais e produtores ecolóxicos, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable. Respecto das afeccións no turismo rural local e na súa contorna a Axencia de Turismo de Galicia informa dun impacto global moi significativo pola proximidade dos aeroxeradores e das súas instalacións auxiliares aos establecementos, así como pola modificación da contorna do que se benefician os ditos establecementos. Logo de varias modificacións e propostas, a Axencia de Turismo de Galicia dá a súa conformidade ás medidas compensatorias e correctivas que presenta a empresa promotora para atenuar o dito impacto.

En canto ás alegacións que se refiren á falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009 pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, concretase o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado, actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables e outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.

Respecto da afección de servidume aeronáutica, as servidumes aeronáuticas en territorio nacional, espazo aéreo e augas xurisdicionais, son as que indica o Decreto 584/1972, do 24 de febreiro, e toda construción, instalación ou plantación afectada require da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (en diante, AESA) entidade encargada do seu control que solicitará o propia promotora ante AESA quen, de ser o caso, establecerá as directrices relacionadas coa sinalización e iluminación do parque eólico.

Respecto das posibles afeccións das sinais de televisión dixital, telefonía móbil e transmisión analóxica cómpre indicar que no trámite de solicitude de informes a distintas administracións ou organismos afectados para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos remitiuse separata do proxecto aos seguintes organismos Cellnex-Retevisión, á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenacións dos Servizos de Comunicación Audiovisual e a Retegal. A Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual, emite informe en que considera que o proxecto presentado podería producir un impacto nos radioenlaces de transporte da rede de Cellnex Telecom e indica que no caso de que se confirmase a presenza das devanditas perturbacións ou interferencias aos radioenlaces legalmente autorizados, causadas polos aeroxeradores do citado parque eólico, a empresa responsable da devandita instalación debería responsabilizarse da eliminación das posibles interferencias, que deberán resolverse de común acordo coas compañías ou outras entidades responsables das infraestruturas de telecomunicación afectadas para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación aos devanditos servizos, no caso de que se demostre a responsabilidade directamente atribuíble ás instalacións do parque eólico, ao que a promotora manifestou a súa conformidade. Retevisión I, S.A.U. informa que a instalación dos citados aeroxeradores, tal e como están proxectados actualmente, poderían inutilizar o funcionamento de devandito radioenlace e, en consecuencia, ocasionar a non recepción do sinal de televisión para os habitantes de diferentes termos municipais da zona. En consecuencia, manifesta a súa oposición á construción do parque na forma proxectada, sempre que non se adopten as medidas correctoras propostas ou, na súa falta, se adopten outras medidas alternativas que consigan os mesmos fins, e eliminen as posibles afectacións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retevisión na actualidade, e todo iso con carácter previo á instalación do parque. A promotora asume as melloras correctoras precisas para resolver as perturbacións no sinal que puidesen producirse coa instalación do parque eólico Cunca. Subscríbese acordo de colaboración entre ambas entidades do 22.10.2021, co fin de garantir a implantación das referidas medidas correctoras. Pola súa banda, Retegal emite condicionado técnico no que conclúe que: «aínda que non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións. Por canto exixe compromiso da promotora da instalación para a realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna, coa finalidade de proceder á comprobación de que non se produce perda ou degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión de cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT»; ao que a promotora manifestou a súa conformidade. No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, serán tidas en conta para a emisión do informe ao que refire o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En relación coas alegacións que refiren incumprimentos nas distancias a núcleos de poboación, o proxecto conta cun informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 16.4.2020, no que se recolle que: «comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 12.2.1993) e as coordenadas dos 5 aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto 3.1 do PSEGA respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable».

Por último, as alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental por presentarse fora dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 de devandita Lei. Respecto daquelas en que se alega contra o Anuncio do 30.12.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Cunca, a canle para recorrer a avaliación de impacto ambiental efectuada será tras a autorización administrativa previa e de construción. Respecto daquelas alegacións que refiren defectos na tramitación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do proxecto do parque eólico Cunca, de ser o caso, serán tidas en conta na resolución de autorización deste».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Cunca, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 30.12.2022.

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Cunca, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA. Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental. Ademais do obrigado cumprimento das condicións sinaladas, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano ambiental poderá ditar, do xeito que proceda, os condicionados adicionais que resulten oportunos.

Esta declaración de impacto ambiental farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e remitiráselle ao órgano substantivo para os efectos que correspondan no marco do procedemento de autorización administrativa das instalacións. Así mesmo, non exime a promotora de obter cantas autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan necesarios para a execución e/ou funcionamento do proxecto.

O órgano substantivo deberá notificarlle a esta dirección xeral calquera cambio de titularidade que se produza na instalación. De acordo co artigo 41.4 da Lei de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan na vía administrativa e xudicial fronte o acto polo que se autoriza o proxecto.»

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Cunca.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Cunca, sito no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) e promovido por Green Capital Power, S.L., para unha potencia de 22,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Cunca, composto polo documento denominado «Proxecto refundido. Parque eólico Cunca», asinado polo enxeñeiro industrial Gustavo de Domingo Sanz (colexiado nº 1.109 do Colegio Oficial de Ingenieros Industriales de Burgos y Palencia) e visado no referido colexio co nº BU2000427 do 13.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Green Capital Power, S.L.

Domicilio social: paseo del Club Deportivo 1, edif. 13, 1º.Pozuelo de Alarcón, 28223 Madrid.

Denominación: parque eólico. Parque eólico Cunca.

Potencia instalada: 22,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 22,5 MW.

Produción neta: 55.653 Mwh/ano.

Concellos afectados: Vila de Cruces (Pontevedra).

Orzamento de execución material: 20.694.486,67 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

559.875,08

4.738.975,00

2

559.875,08

4.735.286,49

3

565.875,08

4.737.286,00

4

565.875,08

4.738.975,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

CU1

561.925,00

4.737.472,00

CU2

561.498,00

4.736.326,00

CU3

561.584,00

4.737.188,00

CU4

563.123,00

4.736.802,00

CU5

563.842,00

4.737.858,00

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

SUB

563.600,00

4.737.535,00

ENV A

563.535,79

4.737.554,14

ENV B

563.515,43

4.737.427,84

ENV C

563.695,83

4.737.427,84

ENV D

563.695,83

4.737.548,03

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 5 aeroxeradores Siemens-Gamesa SG145 ou similar de 4,5 MW de potencia nominal unitaria, de 127,5 m de altura da buxa, de 145 m de diámetro de rotor.

• 5 centros de transformación de 5.350 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente no interior da góndola de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

• Rede de media tensión soterrada, dotada de tres circuítos con cables RHZ1-2OL H16CU 18/30 kV AL en distintas seccións de 95, 150 e 240 mm2, de interconexión entre os centros de transformación e a subestación transformadora. Pola mesma canalización prevese a instalación de cablaxe de terra de Cu dun mínimo de 50 mm2 e rede de comunicacións que utilizará como soporte un cable de fibra óptica e que se empregará para a monitorización e control do parque eólico.

• Subestación transformadora 132/30 kV, formada basicamente polos seguintes elementos e equipos:

– Nivel de 132 kV (intemperie): unha posición de liña-transformador, cos seguintes elementos: un xogo de tres pararraios autoválvulas de protección de liña; un xogo de transformadores de tensión capacitivos; un seccionador con coitelas de posta a terra; un xogo de tres transformadores de intensidade para medida e protección; un interruptor trifásico de mando unipolar en SF6; un xogo de tres pararraios autoválvulas de protección de transformador e un transformador de potencia 132/30 kV T-1 de 25/30 MVA (ONAN/ ONAF).

– Nivel de 30 kV (interior): un embarrado de media tensión, formado polos seguintes elementos: unha cela de protección de transformador de potencia, lado 30 kV; posición de medida de tensión en barras; tres celas de liña de 30 kV para os embarrados de media tensión; unha cela de servizos auxiliares e unha cela de batería de condensadores.

– Nivel de 30 kV (intemperie): un xogo de tres pararraios autoválvulas de protección; illadores soporte; embarrado con tubo de cobre; unha reactancia de posta a terra de 500 A/10 s e un seccionador de protección da reactancia.

• Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, subestación, edificio de control, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias de cableado.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

• Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Green Capital Power, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 182.558 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

• Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

• A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

• Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

• A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.12.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Segundo as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA), a promotora deberá dispoñer de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Saúde Pública de acordo co punto 4 da DIA.

• En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

• No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

• Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

• Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

• Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

• De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderase producir a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

• O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

• De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

• Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizos públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

• Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais