Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34030

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 17 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Neboada, sito nos concellos da Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Maia Directorship, S.L. (expediente IN408A 2020/004).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 17 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Neboada.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Neboada, sito nos concellos da Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Maia Directorship, S.L., cunha potencia de 25,2 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Maia Directorship, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 335.771 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, segundo os puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante cada xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por este acordo se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificarán o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 3.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, previa audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 27.1.2020 Maia Directorship, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

2. O 20.5.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 17.7.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 7.10.2021, Maia Directorship, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente na redución do número de aeroxeradores de 12 a 8 e no cambio de posición e modelo dos que se manteñen, para saír da zona de influencia da aguia real.

4. O 30.12.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

5. O 30.12.2021 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou o informe ao que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a anterior redacción da lei, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

6. O 18.1.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

7. Mediante Resolución do 23 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico, en concreto, das instalacións do parque eólico Neboada, situado nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil e Quiroga (Lugo), e promovido por Maia Directorship, S.L. (expediente IN408A 2020/004).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.3.2022 e remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Ribas de Sil e Quiroga), e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

8. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, Agencia Estatal de Seguridad Aérea, concellos de A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Ribas de Sil e Quiroga, ADIF, DGPEM do Ministerio, Deputación Provincial de Ourense, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Rede Eléctrica de España, S.A., Retegal, Retevisión e UFD.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: ADIF (7.4.2023, 26.4.2023 e 27.6.2023), Axencia Galega de Infraestruturas (08.4.2022 e 16.5.2022), concellos da Rúa (3.5.2022), Concello de Vilamartín de Valdeorras (19.5.2022), Deputación Provincial de Ourense (26.4.2022), Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (25.4.2022), Retevisión (11.4.2022), Rede Eléctrica de España, S.A. (28.4.2022), Retegal (24.2.2022) e UFD (11.4.2022 e 25.5.2022). A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Vilamartín de Valdeorras emitiu un informe no que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental e doutra índole, como as relativas ás afeccións. A promotora prestou a súa conformidade e deu resposta as cuestións. Ao respecto destas, indicar o seguinte: as cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e a aprobación do proxecto de interese autonómico pendente de resolver).

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto dende a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 28.3.2022 a xefatura territorial de Ourense e o 19.5.2022 a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación emitiron cadanseu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Ribas de Sil e Quiroga.

12. Formulada a tramitación ambiental, o 3.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 3 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Neboada, nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo), e A Pobra de Trives, A Rúa, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) (DOG núm. 12, do 18.1.2023).

13. O 4.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático remitiu unha aclaración á DIA «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico Neboada, tense detectado que, no punto de Condicións particulares, para algunhas delas tense establecido que deben cumprirse previamente á autorización por ese órgano substantivo, no entanto, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

14. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

15. O 25.2.2023 Maia Directorship, S.L. presentou a documentación técnica refundida, coa que achegou unha declaración responsable de que o proxecto refundido na súa configuración definitiva non modificaba as afección xa informadas polas diferentes empresas e organismos durante a tramitación do expediente e, polo tanto, non é necesario solicitar novos informes sobre condicionados técnicos. Debido a un requirimento da Xefatura Territorial de Ourense, o 24.3.2023 a promotora achegou o proxecto de execución refundido Proxecto de execución refundido. Parque eólico Neboada e liña de evacuación visado polo Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 23.3.2023 con nº 20230897.

16. O 12.3.2023 a promotora achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

17. O 28.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas, da Xefatura Territorial de Lugo, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

18. O 31.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas, da Xefatura Territorial de Ourense, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo o informe do xestor da rede do 24.3.2021.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais