Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 2 de xuño de 2023 Páx. 34012

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Neboada, sito nos concellos da Rúa, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Maia Directorship, S.L. (expediente IN408A 2020/004).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Maia Directorship, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Neboada, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 27.1.2020 Maia Directorship, S.L. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico.

Segundo. O 20.5.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 17.7.2020 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes a autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 7.10.2021, Maia Directorship, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente na redución do número de aeroxeradores de 12 a 8 e no cambio de posición e modelo dos que se manteñen, para saír da zona de influencia da aguia real.

Cuarto. O 30.12.2021 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial.

Quinto. O 30.12.2021 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou o informe ao que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a anterior redacción da lei, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Sexto. O 18.1.2022 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Sétimo. Mediante a Resolución do 23 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico, en concreto, das instalacións do parque eólico Neboada, situado nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil e Quiroga (Lugo), e promovido por Maia Directorship, S.L. (expediente IN408A 2020/004).

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30.3.2022 e remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Ribas de Sil e Quiroga), e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Oitavo. Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestuturas, Agencia Estatal de Seguridad Aérea, concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Ribas de Sil e Quiroga, ADIF, DGPEM do Ministerio, Deputación Provincial de Ourense, Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Red Eléctrica de España, S.A., Retegal, Retevisión e UFD.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: ADIF (7.4.2023, 26.4.2023 e 27.6.2023), Axencia Galega de Infraestuturas (8.4.2022 e 16.5.2022), Concello da Rúa (3.5.2022), Concello de Vilamartín de Valdeorras (19.5.2022), Deputación de Ourense (26.4.2022), Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (25.4.2022), Retevisión (11.4.2022), Red Eléctrica de España, S.A. (28.4.2022), Retegal (24.2.2022) e UFD (11.4.2022 e 25.5.2022). A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O Concello de Vilamartín de Valdeorras emitiu un informe no que formula cuestións ou reparos de carácter ambiental e doutra índole, como as relativas ás afeccións. A promotora prestou a súa conformidade e deu resposta ás cuestións. Ao respecto destas, cómpre indicar o seguinte: as cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para a promotora, e a aprobación do proxecto de interese autonómico pendente de resolver).

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 28.3.2022 a Xefatura Territorial de Ourense e o 19.5.2022 a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación emitiron cadanseu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Ribas de Sil e Quiroga.

Décimo segundo. Cuberta a tramitación ambiental, o 3.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 3 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Neboada, nos concellos de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo), e A Pobra de Trives, A Rúa, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) (DOG núm. 12, do 18.1.2023).

Décimo terceiro. O 4.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático remitiu unha aclaración á DIA «No marco da declaración de impacto ambiental (DIA) do parque eólico Neboada, tense detectado que, no punto de condicións particulares, para algunhas delas tense establecido que deben cumprirse previamente á autorización por ese órgano substantivo, non entanto, isto debe ser interpretado como ao inicio das obras».

Décimo cuarto. O 31.1.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo quinto. O 25.2.2023 Maia Directorship, S.L. presentou a documentación técnica refundida, coa que achegou unha declaración responsable de que o proxecto refundido na súa configuración definitiva non modificaba as afección xa informadas polas diferentes empresas e organismos durante a tramitación do expediente e, polo tanto, non é necesario solicitar novos informes sobre condicionados técnicos. Debido a un requirimento da Xefatura Territorial de Ourense, o 24.3.2023 a promotora achegou o proxecto de execución refundido «Proxecto de execución refundido. Parque eólico Neboada e liña de evacuación» visado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 23.3.2023 con nº 20230897.

Décimo sexto. O 12.3.2023 a promotora achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Décimo sétimo. O 28.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo oitavo. O 31.3.2023 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo o informe do xestor da rede do 24.3.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo de 2022), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro) e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

a) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo como se recolle no antecedente de feito sexto.

Ademais, segundo o establecido na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, mantense a clasificación dos terreos como solo rústico, sinalando no artigo 31.a) que terán a condición de solo rústico: os terreos sometidos a algún réxime de especial protección, de conformidade coa lexislación sectorial de protección do dominio público marítimo-terrestre, hidráulico ou de infraestruturas, ou coa lexislación sectorial de protección dos valores agrícolas, gandeiros, forestais, paisaxísticos, ambientais, naturais ou culturais.

E seguidamente no artigo 35.1.m) da referida lei, establécese como usos e actividades admisible en solo rústico, as seguintes: «Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, públicas ou privadas, e sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren».

b) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 3.5.2022: «...sempre que se cumpra o condicionado anterior e a normativa citada infórmase favorablemente a realización da actuación descrita». Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 20.12.2022: «Con base no anterior e tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais,...), infórmase FAVORABLEMENTE a realización do proxecto Parque eólico Neboada e a súa liña de evacuación».

c) Respecto das alegacións sobre a falta de información ambiental, de alta complexidade do procedemento, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ao indicado no antecedente de feito sétimo, no que se recollen as diferentes publicacións da Resolución do 23 de marzo de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico, en concreto, das instalacións do parque eólico Neboada, situado nos concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río (Ourense) e Ribas de Sil e Quiroga (Lugo), e promovido por Maia Directorship, S.L. (expediente IN408A 2020/004).

d) Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Ribas de Sil e Quiroga), e da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación das xefaturas territoriais de Ourense e Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

e) As alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como coas as compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola eventual expropiación daqueles, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas, durante o procedemento expropiador fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

f) No que respecta ao fraccionamento de proxectos, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria.

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «troceamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun raio de 10 km de distancia ampliado a 15 km no caso de paisaxe dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos Cernego (en funcionamento), Xeada e Orballeira (en tramitación) e as liñas eléctricas e subestacións existentes na zona de estudo.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000, para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares da ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, e como xa se mencionou, o parque eólico Neboada comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico de Treboada o que non impide que os dous parques teñan carácter unitario e que poidan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

g) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, publicándose o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Compre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

h) Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia así como a solicitude de moratoria na autorización de parques expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

i) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 3.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes sectoriais das administracións afectadas: Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte, concellos da Rúa, Vilamartín de Valdeorras.

j) Polo que respecta aos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución, afeccións que en ningún caso se estenden a toda a poligonal do parque. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

k) En relación a publicar e acreditar o informe de accesibilidade emitido por REE, cómpre dicir que éste non ten que saír a información pública por conter datos confidenciais doutros promotores do nudo. REE notifica directamente á Xunta de Galicia o informe de viabilidade, polo tanto, o órgano competente para outorgar a autorización administrativa xa dispón do informe de viabilidade e do permiso de conexión do parque.

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 3.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Neboada, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 3.1.2023, e recollida no antecedente de feito décimo segundo deste acordo:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Neboada, considerando que o proxecto, segundo a documentación achegada polo órgano substantivo, é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico O Cerqueiral.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Neboada, sito nos concellos da Rúa, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo) e promovido por Maia Directorship, S.L., para unha potencia de 25,2 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Neboada, composto polo documento «Proxecto de execución refundido. Parque eólico Neboada e liña de evacuación» visado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 23.3.2023 con nº 20230897.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Maia Directorship, S.L.

Enderezo social: rúa Emisora, 20, 28224 Pozuelo de Alarcón (Madrid).

Denominación: parque eólico Neboada.

Potencia instalada: 25,2 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 25,2 MW.

Produción neta: 78.609 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.119 h.

Concellos afectados: A Rúa, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras (Ourense) e de Quiroga e Ribas de Sil (Lugo).

Orzamento de execución material: 27.078.117,26 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

a

651.546

4.700.542

b

658.913

4.701.239

c

658.913

4.698.246

d

653.099

4.695.339

e

652.585

4.695.379

f

649.703

4.697.437

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

N-01

656.050

4.700.530

N-03

655.257

4.700.047

N-06

654.254

4.698.764

N-08

655.107

4.697.980

Coordenadas da torre meteorolóxica:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM

654.543

4.700.092

Coordenadas da subestación do parque eólico e da súa envolvente:

Subestación

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Centro

652.402

4.699.371

1

652.452

4.699.402

2

652.353

4.699.406

3

652.350

4.699.340

4

652.450

4.699.336

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

1. 4 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG 6.6-170, 1 aeroxerador (N-01) de 6,6 MW de potencia nominal unitaria e 3 aeroxeradores (N-03, N-06 e N-08) de 6,2 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 135 m e 170 m de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación, situados na propia nacelle dos aeroxeradores, un transformador con potencia unitaria de 7.000 kVA e os outros tres transformadores con potencia unitaria de 6.500 kVA, e relación de tranformación 0,69/30 kV e os correspondentes equipos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

2. Rede eléctrica soterrada, a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación transformadora proxectada (SET), composta por dous circuítos con condutores tipo HEPRZ1 18/30 kV Al, de sección variable segundo o tramo, o circuíto 1 para a interconexión dos aeroxeradores N-01 e N-03 coa SET e o circuito 2 para a interconexión dos aeroxeradores N-06 e N-08 coa SET.

3. Subestación Neboada 30/220 kV con: i) parque a nivel de 220 kV en intemperie, simple barra e os seguintes elementos: 1 posición de liña 220 kV saída á subestación Treboada; 3 posicións de transformación 30/220 kV, con (3) transformadores de 50/60 MVA de potencia (ONAN/ONAF) e r/t 220/30 kV para PE Neboada e 2 posicións en reserva; 1 posición de barras 220 kV equipada con medida de tensión. ii) parque a nivel de 30 kV en intemperie cos seguintes elementos: (3) reactancias de posta á terra con seccionador e autoválvulas, 1 para PE Neboada e 2 en reserva. iii) Parque a nivel de 30 kV de interior, simple barra, con celas en SF6 cos seguintes elementos: (3) celas de transformador, (3) celas de medida, (9) celas de liñas e (3) celas de banco de condensadores. iv) servizos auxiliares da subestación: (1) cela transformador SSAA, trafo SSAA 100 kVA r/t 30/0,4 kV, sistemas de 125 Vcc, sistemas de 48 Vcc, grupo electróxeno, sistemas de control e proteccións, telecomunicacións, posta a terra e seguridade da subestación.

4. Liña aérea, a 220 kV, de 15,2 km de lonxitude, en condutor LA-455, con orixe no pórtico da subestación Neboada proxectada e final na posición de entrada na subestación Treboada (obxecto doutro expediente).

5. Torre metereolóxica para medición do vento e de 135 m de altura.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Maia Directorship, S.L., constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 335.771 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático a promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, segundo os puntos 4.1.2, 4.1.3 e 4.1.4 da DIA.

5. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante cada xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por este acordo se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais de Ourense e Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 3.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais