Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2023 Páx. 33336

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña) e promovido por Adelanta Corporación, S.A. (expediente IN408A/2018/037).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Coto Loureiro.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña) e promovido por Adelanta Corporación, S.A., cunha potencia de 49,5 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Adelanta Corporación, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 305.090,51 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio, do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Tal e como se menciona no informe emitido polo Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña o 13.4.2023, cando a empresa promotora dispoña dos permisos necesarios para acceder aos terreos deberá realizar investigacións das características dos ditos terreos para xustificar o deseño da instalación de terra cos seus cálculos correspondentes. Con carácter previo ao inicio das obras a empresa promotora deberá contar co informe favorable do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña.

6. Tal e como recolle o informe emitido pola Asesoría Xurídica o 18.4.2023 mencionado no fundamento de dereito quinto, a presente resolución emítese sen prexuízo da determinación de dereitos e efectos xurídicos que poidan resultar da eventual execución da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no PO 7111/2021, do 11 de novembro de 2022, ditada pola impugnación interposta por Norvento, S.L.U. contra a desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a Resolución do 23.4.2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se declara a inadmisión e arquivamento da solicitude de autorización do parque eólico Pedrouzos.

Polo tanto, os efectos que produce a presente autorización previa das instalacións previstas no proxecto quedan expresamente condicionados ás determinacións que, se é o caso, poida facer a autoridade xudicial en execución da devandita sentenza, de tal modo que se por esta se fai unha delimitación dos dereitos do recorrente que sexa incompatible cos efectos desta autorización, estes se resolverán ou perderán na medida que sexa exixible para o seu pleno respecto, sempre a salvo da existencia dun acordo entre os promotores que solvente o eventual conflito, de acordo co establecido na lexislación eólica vixente.

7. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA), emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.1.2023, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

11. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 9.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 3.12.2018, o promotor, Adelanta Corporación, S.A., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña). O 15.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009.

2. O 22.3.2021, o promotor, Adelanta Corporación, S.A., solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para a modificación substancial do parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña). O 20.8.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude. A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, no cambio do modelo de aeroxerador proxectado e no desprazamento das posicións de cinco aeroxeradores e da subestación, así como na correspondente reconfiguración do trazado das vías e das gabias de cablaxe.

3. O 26.8.2021, e para os efectos de obter o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, esta dirección xeral solicitou a emisión do dito informe ao órgano competente en materia do territorio.

4. O 6.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. O 30.12.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Coto Loureiro á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

6. Mediante Acordo do 4 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Coto Loureiro, nos concellos da Laracha e Cerceda (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Laracha e Cerceda), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Hidroeléctrica de Laracha, S.L., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Concello da Laracha e Concello de Cerceda.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa) o 18.4.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 21.4.2022, Hidroeléctrica de Laracha, S.L. o 6.4.2022, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 6.4.2022, Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) o 5.4.2022, o 25.5.2022, o 29.9.2022 e o 3.4.2023, Retegal, S.A. o 2.4.2022 e Retevisión I, S.A.U. o 22.4.2022.

Vento Laracha, S.L. presentou, con datas 27.4.2022, 25.10.2022, 15.12.2022 e 5.4.2023, alegación pola afección do proxecto do parque eólico Coto Loureiro coa liña de evacuación soterrada do parque eólico Pena Galluda.

O 5.4.2023, Vento Laracha, S.L. emitiu informe en que indicou que «non ten inconvenientes na construción e posterior explotación do parque eólico Coto Loureiro, sempre e cando: se cumpra co disposto no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09»...e «Adelanta se responsabilice de todos os danos que se poidan ocasionar na liña de evacuación subterránea do parque eólico Pena Galluda, pola construción e/ou posterior explotación do parque eólico Coto Loureiro».

O 5.4.2023, o promotor prestou a súa conformidade ao dito condicionado.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) emitiu informe o 5.4.2022 en que indicou que «Deberán eliminarse as posicións de aeroxerador números 5 e 7. Acéptanse as restantes posicións de aeroxerador do parque eólico...».

O 5.4.2023, o promotor prestou a súa conformidade ao dito condicionado.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non se recibir estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

8. O 12.12.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Laracha e Concello de Cerceda.

Rematada a tramitación ambiental, o 9.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 10 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 13, do 19 de xaneiro).

10. O 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

11. O 13.3.2023, Adelanta Corporación, S.A. presentou a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e achegou unha declaración responsable en que indica que «as modificacións incorporadas no proxecto de execución parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, con número de visado 20230715 do 13.3.2023, no afectan o sentido dos condicionados emitidos polos organismos» e «que, con base no anterior, se determina que non é preciso solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico ante os seguintes organismos: Concello da Laracha, Concello de Cerceda, Cellnex, Retegal, Dirección Xeral de Defensa do Monte (DXDM), AEMET, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Augas de Galicia (ADG), UFD Distribución Electricidad, S.A. (UFD), e Hidroeléctrica de Laracha, S.L. (HDL)».

Adelanta Corporación, S.A. remitiulle a esta dirección xeral unha «addenda de valoración ambiental comparativa das modificacións do proxecto con declaración de impacto ambiental favorable do parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, para a súa valoración por parte do órgano ambiental e emisión do correspondente informe» polas seguintes modificacións no proxecto:

• Eliminación dos aeroxeradores números 5 e 7 e as súas infraestruturas asociadas, por compromiso adquirido con AEMET.

• Modificación do trazado da vía V-4 e a súa gabia paralela desprazándoos lixeiramente en dirección sur para facer uso dunha vía existente, pola eliminación do aeroxerador número 5.

• Redución da plataforma da subestación por optimización do seu equipamento e mellora na eficiencia territorial do proxecto.

• Cambio na potencia unitaria dos aeroxeradores finais, de acordo coa táboa inferior, motivado pola eliminación dos aeroxeradores números 5 e 7. A potencia final instalada para o proxecto é de 49,5 MW.

Debido ao condicionado técnico emitido pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) elimínase na configuración final do proxecto do parque eólico os aeroxeradores números 5, 7 e 8, así como as súas infraestruturas asociadas.

12. O 16.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou a emisión do informe previsto no artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, ao órgano competente en materia ambiental e anexa a addenda de valoración ambiental remitida por Adelanta Corporación, S.A. mencionada no antecedente de feito décimo primeiro.

13. O 23.3.2023, Adelanta Corporación, S.A. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Mesón do Vento 220 kV de acordo co artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000.

14. O 28.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou unha consulta á Asesoría Xurídica de Industria, Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo, en relación coa procedencia ou non de outorgar as autorizacións administrativas ao proxecto do parque eólico, tendo en conta que este podería eventualmente atoparse afectado pola Sentenza da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no PO 7111/2021, do 11 de novembro de 2022, ditada pola impugnación interposta por Norvento, S.L.U. contra a desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a Resolución do 23.4.2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se declara a inadmisión e arquivamento da solicitude de autorización do parque eólico Pedrouzos, e que non é firme pois contra ela cabe recurso de casación ordinario.

Esta sentenza recoñece «o dereito do recorrente a que obteña a admisión a trámite da solicitude de autorización administrativa previa do parque eólico Pedrouzos, sito no termo municipal da Laracha (A Coruña), no expediente número IN408A 2017/38», e ao mesmo tempo condena «a Administración á adopción das medidas que sexan necesarias para o restablecemento da situación subxectiva recoñecida».

15. O 29.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre a modificación das características do proxecto presentada por Adelanta Corporación, S.A. o 13.3.2023 e mencionada no antecedente de feito décimo primeiro, onde se indica que «á vista dos cambios do proxecto sinalados na addenda de valoración ambiental comparativa das modificacións do proxecto con declaración de impacto ambiental favorable do parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as modificacións pretendidas non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Por outro lado, considérase que non existen obxeccións á modificación pretendida polo promotor sempre que se cumpra o recollido na dita addenda».

16. O 29.3.2023, Adelanta Corporación, S.A. presentou o documento «addenda ao proxecto de execución do parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023».

17. O 31.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico e a addenda do parque eólico Coto Loureiro mencionados nos antecedentes de feito décimo primeiro e décimo sexto.

18. O 3.4.2023, Adelanta Corporación, S.A., e como resposta a un requirimento desta dirección xeral do 30.3.2023 en que se lle solicitou refundir a documentación presentada nas datas 13.3.2023 e 29.3.2023, presentou o documento «proxecto de execución do parque eólico Coto Loureiro», asinado dixitalmente o 31.3.2023 por José Ernesto Rodríguez Blanco e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 3.4.2023, co número de visado 20231013.

Asemade, presenta unha declaración responsable en que indica que «o proxecto de execución parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, con número de visado 20231013 do 3.4.2023, é o resultado de incorporar o contido da addenda presentada o 29 de marzo de 2023 ao proxecto técnico de execución presentado o 13 de marzo de 2023, de acordo cos puntos anteriores, sen que ningunha outra modificación fose agregada».

19. O 13.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu un novo informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico do parque eólico Coto Loureiro mencionado no antecedente de feito décimo oitavo.

De acordo co indicado no dito informe cando a empresa promotora dispoña dos permisos necesarios para acceder aos terreos deberá realizar investigacións das características dos ditos terreos para xustificar o deseño da instalación de terra cos seus cálculos correspondentes. Con carácter previo ao inicio das obras, a empresa promotora deberá contar co informe favorable do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña.

20. O 18.4.2023, a Asesoría Xurídica de Industria, Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo deu resposta á consulta efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 28.3.2023, e conclúe que «a día de hoxe a sentenza que anula a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 23.4.2020, pola que se declara a inadmisión e arquivamento da solicitude de autorización do parque eólico Pedrouzos non é firme, polo que o proxecto de Adelanta Corporación, S.A. pode seguir tramitándose e, no caso de que cumpra coa lexislación vixente, outorgarse as autorizacións administrativas previa e de construción». A epígrafe de conclusións do informe transcríbese no fundamento de dereito quinto desta resolución.

No dito informe indícase que «en efecto, debe terse en conta a situación procesual existente, dado que a Administración autonómica presentou o 13.1.2023 ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un escrito de preparación do recurso de casación contra a devandita sentenza, o cal se tivo por preparado polo auto do 3.2.2023.

A dilixencia de ordenación do 10.4.2023 informa do nomeamento do ponente do recurso de casación, sen que a día de hoxe o Tribunal Supremo se pronunciara sobre a súa admisión a trámite».

21. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo os informes do xestor da rede do 11.3.2019 e do 8.6.2020.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais