Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2023 Páx. 33311

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña) e promovido por Adelanta Corporación, S.A. (expediente IN408A/2018/037).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Adelanta Corporación, S.A., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Coto Loureiro, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 3.12.2018, o promotor, Adelanta Corporación, S.A. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña). O 15.5.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009.

Segundo. O 22.3.2021, o promotor, Adelanta Corporación, S.A. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para a modificación substancial do parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña). O 20.8.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude. A modificación solicitada consiste, con carácter xeral, no cambio do modelo de aeroxerador proxectado e no desprazamento das posicións de cinco aeroxeradores e da subestación, así como na correspondente reconfiguración do trazado das vías e das gabias de cablaxe.

Terceiro. O 26.8.2021, e para os efectos de obter o informe ao que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, esta dirección xeral procedeu a solicitar a emisión do dito informe ao órgano competente en materia do territorio.

Cuarto. O 6.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Quinto. O 30.12.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Coto Loureiro á Xefatura Territorial da Coruña para a continuación da tramitación de acordo co previsto no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

Sexto. Mediante Acordo do 4 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Coto Loureiro, nos concellos da Laracha e Cerceda (A Coruña).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.3.2022. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Laracha e Cerceda), e nas dependencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Galega de Infraestruturas, Hidroeléctrica de Laracha, S.L., Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A., Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Retegal, S.A., Retevisión I, S.A.U., Concello da Laracha e Concello de Cerceda.

A continuación se relacionan os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa) o 18.4.2022, Axencia Galega de Infraestruturas o 21.4.2022, Hidroeléctrica de Laracha, S.L. o 6.4.2022, Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A. o 6.4.2022, Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o 5.4.2022, o 25.5.2022, o 29.9.2022 e o 3.4.2023, Retegal, S.A. o 2.4.2022, e Retevisión I, S.A.U. o 22.4.2022.

Vento Laracha, S.L. presentou, con datas 27.4.2022, 25.10.2022, 15.12.2022 e 5.4.2023, alegación pola afección do proxecto do parque eólico Coto Loureiro coa liña de evacuación soterrada do parque eólico Pena Galluda.

O 5.4.2023 Vento Laracha, S.L. emitiu informe en que indicou que «non ten inconvenientes na construción e posterior explotación do parque eólico Coto Loureiro, sempre e cando: se cumpra co disposto no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09»...e «Adelanta se responsabilice de todos os danos que se poidan ocasionar na liña de evacuación subterránea do parque eólico Pena Galluda, pola construción e/ou posterior explotación de parque eólico Coto Loureiro».

O 5.4.2023, o promotor prestou a súa conformidade ao dito condicionado.

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) emitiu informe o 5.4.2022 en que indicou que «Deberán eliminarse as posicións de aeroxerador números 5 e 7. Acéptanse as restantes posicións de aeroxerador do parque eólico...».

O 5.4.2023, o promotor prestou a súa conformidade ao dito condicionado.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. O 12.12.2022, a xefatura territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral do Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Laracha e Concello de Cerceda.

Rematada a tramitación ambiental, o 9.1.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 10 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG nº 13, do 19 de xaneiro).

Décimo. O 9.2.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo primeiro. O 13.3.2023, Adelanta Corporación, S.A. presentou a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública e achegou unha declaración responsable en que indica que «as modificacións incorporadas no proxecto de execución parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, con número de visado 20230715 do 13.3.2023, non afectan o sentido dos condicionados emitidos polos organismos» e «que, en base no anterior, se determina que non é preciso solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico ante os seguintes organismos: Concello da Laracha, Concello de Cerceda, Cellnex, Retegal, Dirección Xeral de Defensa do Monte (DXDM), Aemet, Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Augas de Galicia (ADG), UFD Distribución Electricidad, S.A. (UFD), Hidroelectrica de Laracha, S.L. (HDL)».

Adelanta Corporación, S.A. remitiulle a esta dirección xeral unha «Addenda de valoración ambiental comparativa das modificacións do proxecto con declaración de impacto ambiental favorable do parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, para a súa valoración por parte do órgano ambiental e emisión do correspondente informe» polas seguintes modificacións no proxecto:

• Eliminación dos aeroxeradores número 5 e 7 e as súas infraestruturas asociadas, por compromiso adquirido con Aemet.

• Modificación do trazado da vía V-4 e á súa gabia paralela desprazándoos lixeiramente en dirección sur para facer uso dunha vía existente, pola eliminación do aeroxerador número 5.

• Redución da plataforma da subestación por optimización do seu equipamento e mellora na eficiencia territorial do proxecto.

• Cambio na potencia unitaria dos aeroxeradores finais, de acordo coa táboa inferior, motivado pola eliminación dos aeroxeradores números 5 e 7. A potencia final instalada para o proxecto é de 49,5 MW.

Debido ao condicionado técnico emitido pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) elimínase na configuración final do proxecto do parque eólico os aeroxeradores números 5, 7 e 8, así como as súas infraestruturas asociadas.

Décimo segundo. O 16.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou a emisión do informe previsto no artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, ao órgano competente en materia ambiental e anexa a addenda de valoración ambiental remitida por Adelanta Corporación, S.A. mencionada no antecedente de feito décimo primeiro.

Décimo terceiro. O 23.3.2023, Adelanta Corporación, S.A. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Mesón do Vento 220 KV de acordo co artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000.

Décimo cuarto. O 28.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou unha consulta á Asesoría Xurídica de Industria, Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo, en relación coa procedencia ou non de outorgar as autorizacións administrativas ao proxecto do parque eólico, tendo en conta que este podería eventualmente atoparse afectado pola Sentenza da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no PO 7111/2021, do 11 de novembro de 2022, ditada pola impugnación interposta por Norvento, S.L.U. contra a desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a Resolución do 23.4.2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas pola que se declara a inadmisión e arquivamento da solicitude de autorización do parque eólico Pedrouzos, e que non é firme pois contra ela cabe recurso de casación ordinario.

Esta sentenza recoñece «o dereito do recorrente a que obteña a admisión a trámite da solicitude de autorización administrativa previa do parque eólico Pedrouzos, sito no termo municipal da Laracha (A Coruña), no expediente número IN408A 2017/38», e ao mesmo tempo condena «a Administración á adopción das medidas que sexan necesarias para o restablecemento da situación subxectiva recoñecida».

Décimo quinto. O 29.3.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emitiu informe sobre a modificación das características do proxecto presentada por Adelanta Corporación, S.A. o 13.3.2023 e mencionada no antecedente de feito décimo primeiro, onde se indica que «á vista dos cambios do proxecto sinalados na addenda de valoración ambiental comparativa das modificacións do proxecto con declaración de impacto ambiental favorable do parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, non procede iniciar un novo trámite de avaliación ambiental ao considerar que as modificacións pretendidas non se atopan dentro dos supostos recollidos no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Por outro lado, considérase que non existen obxeccións á modificación pretendida polo promotor sempre que se cumpra o recollido na dita addenda».

Décimo sexto. O 29.3.2023, Adelanta Corporación, S.A. presentou o documento «addenda ao proxecto de execución do parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023».

Décimo sétimo. O 31.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico e a addenda do parque eólico Coto Loureiro mencionados nos antecedentes de feito décimo primeiro e décimo sexto.

Décimo oitavo. O 3.4.2023, Adelanta Corporación, S.A., e como resposta a un requirimento desta dirección xeral do 30.3.2023 en que se lle solicitou refundir a documentación presentada nas datas 13.3.2023 e 29.3.2023, presentou o documento «proxecto de execución do parque eólico Coto Loureiro» asinado dixitalmente o 31.3.2023 por José Ernesto Rodríguez Blanco e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia o 3.4.2023, co número de visado 20231013.

Asemade, presenta unha declaración responsable en que indica que «o proxecto de execución do parque eólico Coto Loureiro. Marzo 2023, con número de visado 20231013 do 3.4.2023, é o resultado de incorporar o contido da addenda presentada o 29 de marzo de 2023 ao proxecto técnico de execución presentado o 13 de marzo de 2023, de acordo coas epígrafes anteriores, sen que ningunha outra modificación fose agregada».

Décimo noveno. O 13.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu un novo informe técnico, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, para o proxecto técnico do parque eólico Coto Loureiro mencionado no antecedente de feito décimo oitavo.

De acordo co indicado no dito informe cando a empresa promotora dispoña dos permisos necesarios para acceder aos terreos deberá realizar investigacións das características dos ditos terreos para xustificar o deseño da instalación de terra cos seus cálculos correspondentes. Con carácter previo ao inicio das obras, a empresa promotora deberá contar co informe favorable do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña.

Vixésimo. O 18.4.2023, a Asesoría Xurídica de Industria, Enerxía, Recursos Naturais, Comercio e Consumo deu resposta á consulta efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 28.3.2023, e conclúe que «a día de hoxe a Sentenza que anula a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 23.4.2020, pola que se declara a inadmisión e arquivamento da solicitude de autorización do parque eólico Pedrouzos non é firme, polo que o proxecto de Adelanta Corporación, S.A. pode seguir tramitándose e, no caso de que cumpra coa lexislación vixente, outorgarse as autorizacións administrativas previa e de construción». A epígrafe de conclusións do informe transcríbese no fundamento de dereito quinto desta resolución.

No dito informe indícase que «En efecto, debe terse en conta a situación procesual existente, dado que a Administración autonómica presentou o 13.1.2023 ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un escrito de preparación do recurso de casación contra a devandita sentenza, o cal se tivo por preparado polo auto do 3.2.2023.

A dilixencia de ordenación do 10.4.2023 informa do nomeamento do ponente do recurso de casación, sen que a día de hoxe o Tribunal Supremo se pronunciara sobre a súa admisión a trámite».

Vixésimo primeiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 50 MW, segundo os informes do xestor da rede do 11.3.2019 e do 8.6.2020.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 27.2.2023, a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta delas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«a) A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban prever os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fragmentación” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos en funcionamento PE Pena Galluda e Singular Cerceda, ou en proxecto PE Carboeiro, O Picoto, Pico Cedeira, Meirama e Meirama 76 e as súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: “...unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a situación dalgún elementos ou a línea de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non se poderá dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maoires exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parque eólicos Pena Galluda e Singular de Cerceda, en funcionamento, así como parque eólico Carboeiro, O Picoto, Pico Cedeira, parque eólico Meirama e Meirama 76, en tramitación, e as súas liñas de evacuación.

Neste caso concreto, o parque eólico Coto Loureiro comparte infraestruturas de evacuación co parque eólico Monte Inxeiro, o que non impide que os dous parques que comparten evacuación teñan carácter unitario e que podan funcionar de forma independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, e que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

b) No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.1.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

c) Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Concello de Cerceda, direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Saúde Pública, de Ordenación Forestal, de Defensa do Monte, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia e Augas de Galicia.

d) En relación coa afección ao medio hídrico, o organismo Augas de Galicia informou o 18.4.2022 que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos, tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar no documento ambiental presentado e as consideracións para tal efecto referidas no informe.

e) No expediente constan informes da Dirección Xeral de Saúde Pública do 20.10.2021 e 22.12.2022, favorables con respecto ás posibles afeccións ambientais no ámbito da saúde pública.

f) No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal informou o 12.8.2022 que a instalación do parque eólico Coto Loureiro afectará exclusivamente montes de particulares. A execución do proxecto ocasionará a corta do arborado na área de afección polo que terá que ter en conta o establecido no Decreto 73/2020 do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos nos montes ou terreos forestais de xestión privada. As limitacións dos usos forestais circunscríbense unicamente ao pleno dominio dos elementos da infraestrutura, ás servidumes de paso e servidume do voo dos aeroxeradores.

g) En relación cos riscos de incendios forestais, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 14.10.2022 favorablemente, tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas (mantemento permanente do acceso dos medios dos servizos de prevención de incendios forestais).

h) No que respecta á afección á paisaxe, no expediente constan informes do Instituto de Estudos do Territorio do 19.4.2022 e 6.6.2022 en que se indica que o contido do EIIP pode considerarse completo segundo o disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG.

Non obstante, deberán integrarse no EIIP as análises que se recollen nos informes de resposta.

O principal impacto paisaxístico será a incidencia visual. Entre as zonas afectadas cabe destacar os numerosos núcleos de poboación, a AEIP Monte do Xalo, o miradoiro do mesmo nome e os sendeiros da contorna.

Para atenuar as afeccións á paisaxe deberanse adoptar, ademais das medidas preventivas e correctoras propostas pola promotora, aqueloutras medidas de integración paisaxística que se sinalan no informe.

i) En relación coa afección ao patrimonio cultural, o 16.12.2022, a Dirección Xeral de Cultura informou favorablemente a documentación presentada polo promotor, co cumprimento das medidas correctoras e compensatorias propostas e as condicións establecidas no informe.

j) No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 6.10.2021.

k) En particular, no que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 6.10.2021, recóllese que: “Comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral do concello da Laracha, aprobado definitivamente o 30.6.2003), e as coordenadas dos aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do PSEGA respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable”.

l) En relación coa posible perda de poboación como consecuencia da execución do proxecto, non está contrastado que a instalación de parques eólicos afecte a demografía do medio rural, dependendo esta doutros moitos factores.

m) En relación coa falta de utilidade pública do proxecto, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña.

n) No que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, só no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

o) Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras e apícolas, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución.

p) Con relación á ausencia de estudo do potencial eólico, o proxecto de execución do parque eólico contén un estudo específico do recurso eólico.

q) No caso de que a execución do proxecto afectase captacións ou instalacións de subministración de auga, o promotor deberá repoñer os servizos existentes.

r) En canto á posible perda de sinal de televisión ou telecomunicacións, os informes emitidos polas entidades xestores dos servizos de telecomunicacións establecen que a posibilidade de producir interferencias é en xeral moi reducida, establecendo condicionados para a eliminación das posibles interferencias detectadas. Serán as propias entidades xestoras destas instalacións os que corroboren a ausencia de influencia.

s) En relación coa posible afección á liña de evacuación soterrada do PE Pena Galluda, solicitouse informe á entidade alegante na fase de consultas.

t) Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, nos antecedentes de feito recóllense as diferentes publicacións do Acordo da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Coto Loureiro, nos concellos da Laracha e Cerceda (A Coruña) (expediente IN408A 2018/37). Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Cerceda e A Laracha e na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial da Coruña.

u) No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

v) No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

w) Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997 e publícase o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

x) En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Polo tanto, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non se pode aplicar con efectos retroactivos.

y) En relación cos escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 11.11.2022, segundo o establecido no artigo 42 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo de que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto».

No caso de alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentárense fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 9.1.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo de que, se é o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Coto Loureiro, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.1.2023, e recollida no antecedente de feito noveno desta resolución:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Coto Loureiro, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Coto Loureiro.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Quinto. Tal e como se recolle no antecedente de feito vixésimo, o 18.4.2023 a Asesoría Xurídica emitiu informe en resposta á consulta desta dirección xeral do 28.3.2023, sobre a procedencia ou non de outorgar as autorizacións administrativas ao parque eólico obxecto da presente resolución. No dito informe indícase o seguinte:

«Tal e como se fixo constar na consideración previa, a día de hoxe a sentenza que anula a Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 23.4.2020, pola que se declara a inadmisión e arquivamento da solicitude de autorización do parque eólico Pedrouzos non é firme, polo que o proxecto de Adelanta Corporación, S. A. pode seguir tramitándose e, no caso de que cumpra coa lexislación vixente, outorgarse as autorizacións administrativas previa e de construción.

Agora ben, no recurso contencioso-administrativo PO 7111/2021, tramitado ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, non foi parte Adelanta Corporación, S.A., que tampouco foi emprazada, polo que a resolución que no seu día se dite debe citar a Sentenza do 11.11.2022, que se devén firme implicará a admisión a trámite da solicitude de Norvento, S.L.U. para o parque eólico Pedrouzos, co que se solapa o de Coto Loureiro, e que pode ter un dereito preferente sobre o de Adelanta Corporación, S.A.

Trataríase, polo tanto, de ditar unha resolución condicionada de tal maneira que se o recurso de casación non prospera, ben porque non se admite a trámite ou ben porque se desestima, e a Sentenza do PO 7111/2021 devén firme, aquela quedará sen efecto.

Esta posibilidade pondera os intereses das dúas empresas: por un lado, evita a indefensión de Adelanta Corporación, S.A. no caso de que a sentenza sexa confirmada, pois xa se lle está dando traslado desta circunstancia que pode afectar a eficacia do acto que se dite e, por outro lado, no caso de que sexa revogada, podería chegar ao fito do vindeiro 25 de abril, de cumprir cos requisitos previstos na Lei 8/2009, do 22 de decembro, e así evitar a caducidade dos seus dereitos de acceso e conexión á rede de distribución. Ademais, esta solución salvagarda os intereses lexítimos de Norvento, S.L.U. no caso de que a Sentenza do 11.11.2022 teña que executarse nos seus propios termos.

A maior abastanza, condicionar, do xeito arriba mencionado, a resolución pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción a Adelanta Corporación, S.A., protexería a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación fronte a unha eventual reclamación de responsabilidade patrimonial por parte de Norvento, S.L.U.».

Polo tanto, debe terse en conta que non existe impedimento legal neste momento á continuación da tramitación do proxecto de Adelanta Corporación, S.A., e ao outorgamento da autorización administrativa previa, o que evita un dano para o promotor derivado da perda do fito. Non obstante, debe ponderarse, así mesmo, que esta situación está suxeita á eventual execución da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza antes citada e, polo tanto, á interpretación do alcance dos dereitos do recorrente que se efectúe pola autoridade xudicial nesa execución, momento en que se deberá dilucidar o alcance do dereito de preferencia do proxecto do recorrente e o seu posible conflito co proxecto obxecto desta proposta e a súas posibles solucións, que neste momento procedemental non se poden determinar.

En particular, debe recordarse que se finalmente pode existir un solapamento e conflito entre as instalacións previstas nos proxectos correspondentes a ambos os promotores, sempre cabe que estes cheguen a un acordo, segundo se establece no artigo 31 da Lei 8/2009.

Para advertir oportunamente destas circunstancias, procede que a autorización inclúa expresamente unha condición no sentido exposto.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Coto Loureiro, sito nos concellos da Laracha e de Cerceda (A Coruña) e promovido por Adelanta Corporación, S.A., para unha potencia de 49,5 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Coto Loureiro, composto polo documento proxecto de execución do parque eólico Coto Loureiro, asinado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco (colexiado nº 1.185 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co nº 20231013 do 31.3.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Adelanta Corporación, S.A.

Enderezo social: Parque de San Lázaro nº 7, planta 1ª, 32003 Ourense.

Denominación: parque eólico Coto Loureiro.

Potencia instalada: 49,5 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 49,5 MW.

Produción neta: 143.581 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.901 h.

Concellos afectados: A Laracha e Cerceda (A Coruña).

Orzamento de execución material (sen IVE): 36.315.142 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

540.000,00

4.786.200,00

2

542.500,00

4.785.000,00

3

543.000,00

4.781.500,00

4

542.000,00

4.781.500,00

5

539.000,00

4.782.800,00

6

533.500,00

4.783.900,00

7

533.500,00

4.784.500,00

8

539.000,00

4.785.000,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Altura de buxeiro (m)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

534.615,00

4.784.110,00

105

2

534.961,00

4.784.034,00

105

3

536.070,00

4.784.017,00

105

4

536.429,00

4.784.015,00

82

6

537.512,00

4.784.260,00

82

9

540.124,00

4.784.283,00

82

10

540.433,00

4.785.513,00

105

11

540.744,00

4.785.261,00

105

12

541.180,00

4.785.148,00

105

13

541.547,00

4.785.010,00

82

14

541.744,00

4.784.712,00

105

Coordenadas da envolvente da subestación eléctrica:

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

537.960,32

4.783.571,78

B

538.023,77

4.783.542,21

C

538.006,82

4.783.505,97

D

537.943,38

4.783.535,55

Características técnicas principais das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 11 aeroxeradores modelo V136 de 4,5 MW de potencia nominal unitaria do fabricante VESTAS, cunhas alturas de buxa de 82 m (aeroxeradores 4,6,9 e 12) e de 105 m (aeroxeradores 1, 2, 3, 10, 11, 12 e 14), diámetro de rotor de 136 m, cos seus correspondentes centros de transformación, con potencia aparente de 5.300 kVA e relación de transformación de 0.72/30 kV.

– Un sistema colector de media tensión (MT) formado por catro circuítos de 30 kV en instalación soterrada, que ten como obxecto a canalización da enerxía xerada polas aeroturbinas ata a subestación. O tipo de cable utilizado para esta rede será o condutor unipolar de aluminio con illamento en polietileno reticulado, tipo RHZ1-OL Al 18/30 kV + H16, de diferentes seccións (240 e 400 mm²).

– A posta á terra da rede de MT está constituída por un cable de cobre nu, de sección 50 mm², tendido ao longo da canalización de MT, no fondo dela. A rede de terras xeral do parque eólico (PE) forma un conxunto equipotencial.

– Subestación de tipo intemperie, con sistemas de tensión 220 kV e 30 kV, dotada dunha posición mixta de transformador-liña e un único transformador de relación 220/30 kV, de potencia aparente nominal 45/55 MVA ONAN/ONAF.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Adelanta Corporación, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 305.090,51 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. Tal e como se menciona no informe emitido polo Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña o 13.4.2023, cando a empresa promotora dispoña dos permisos necesarios para acceder aos terreos deberá realizar investigacións das características dos ditos terreos para xustificar o deseño da instalación de terra cos seus cálculos correspondentes. Con carácter previo ao inicio das obras, a empresa promotora deberá contar co informe favorable do Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña.

6. Tal e como recolle o informe emitido pola Asesoría Xurídica do 18.4.2023 mencionado no fundamento de dereito quinto, a presente resolución emítese sen prexuízo da determinación de dereitos e efectos xurídicos que poidan resultar da eventual execución da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no PO 7111/2021, do 11 de novembro de 2022, ditada pola impugnación interposta por Norvento, S.L.U. contra a desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a Resolución do 23.4.2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se declara a inadmisión e arquivamento da solicitude de autorización do parque eólico Pedrouzos.

Polo tanto, os efectos que produce esta autorización previa das instalacións previstas no proxecto quedan expresamente condicionados ás determinacións que, se é o caso, poida facer a autoridade xudicial en execución da devandita sentenza, de tal modo que se por esta se fai unha delimitación dos dereitos do recorrente que sexa incompatible cos efectos desta autorización, estes se resolverán ou perderán na medida que sexa exixible para o seu pleno respecto, sempre a salvo da existencia dun acordo entre os promotores que solvente o eventual conflito, de acordo co establecido na lexislación eólica vixente.

7. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental (DIA) emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 9.1.2023, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da DIA.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, con que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

Asemade, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, prevista no proxecto de execución obxecto desta resolución.

11. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, a contar desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 9.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

14. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

15. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

16. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais