Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2023 Páx. 33406

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Verín

ANUNCIO polo que se dá publicidade ao acordo da aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello de Verín, en sesión ordinaria do 24.4.2023, adoptou o seguinte acordo:

«Logo de ver o documento técnico denominado Plan xeral de ordenación municipal, redactado por Otima, S.L., e presentado neste concello o 6.2.2023, e de acordo co disposto no artigo 93.3 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, en relación co artigo 22.2.c) da Lei 7/1985, de bases de réxime local, proponse que o Pleno do Concello de Verín adopte o seguinte acordo:

Primeiro. O Concello de Verín dispoñía de Plan xeral de ordenación municipal aprobado por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do 7.12.2012 (DOG núm. 239, do 17.12.2012 e BOP de Ourense núm. 110, do 14.5.2013, en diante, PXOM 2012).

Segundo. O dito instrumento de planeamento xeral foi declarado nulo por Sentenza núm. 278/2017 do 17.2.2017, Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Quinta do Tribunal Supremo (recurso de casación núm. 1125/2016).

Terceiro. Entre as diferentes consecuencias xurídicas derivadas da dita resolución xudicial recobra vixencia a normativa urbanística municipal precedente, no noso caso as Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Verín con data do 28.5.1986 (BOP de Ourense núm. 233, do 9.10.1986, en diante, NN.SS. 1986).

Cuarto. Como consecuencia da situación urbanística derivada da citada resolución xudicial, o Concello de Verín encargou un estudo-diagnose da situación urbanística á empresa Otima, S.L., que foi remitido á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio con data do 9.11.2017 para os efectos da emisión dos preceptivos informes urbanístico e ambiental dos órganos competentes da Administración autonómica, de acordo co disposto no artigo 88 da Lei 2/2017 do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación (en diante, LMFAO).

O Concello de Verín pretende dar resposta a esta situación urbanística mediante a adopción de medidas provisionais de ordenación ao abeiro do disposto na LMFAO.

Quinto. Logo da tramitación administrativa legalmente prevista, por Acordo do Pleno do Concello con data do 18.2.2021 aprobouse definitivamente o Instrumento de Ordenación Provisional. Acordo publicado no DOG núm. 46, do 9.3.2021 e no BOP de Ourense núm. 93, do 26.4.2021.

Por resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo con data do 26.3.2021 procedeuse á inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e do Planeamento Urbanístico de Galicia do Instrumento de Ordenación Provisional do Concello de Verín (núm. de rexistro RPG/P/00019/2021).

Sexto. O 24.6.2021 recibiuse na Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, un escrito do Concello de Verín en que solicitaba iniciar o procedemento ordinario de avaliación ambiental estratéxica do novo Plan xeral de ordenación municipal, xuntando o borrador do plan e o documento inicial estratéxico. O 26.7.2021 o órgano ambiental requiriu o Concello para que presentase certa documentación para poder iniciar o procedemento e, en resposta ao dito requirimento, o 20.9.2021 remitiuse a documentación completa.

O 20.10.2021 o órgano ambiental iniciou un período de consulta pública dos documentos recibidos a través do portal web e consultou ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas para que, no prazo de trinta días hábiles, formulasen as observacións e suxestións que considerasen oportunas.

Por resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 21.12.2021 formulouse o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Verín (artigo 60.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro).

Sétimo. Con data do 6.2.2023 ten entrada no Rexistro Electrónico deste concello documento técnico redactado por Otima, S.L. (número de rexistro 2023-E-RC-787) para a aprobación inicial do PXOM de Verín, así como declaración responsable de coincidencia entre soportes dixitais (editable e non editable) do director dos traballos o arquitecto Xavier Ribas Barros, completado co documento técnico redactado e achegado pola mesma empresa a través do seu representante (número de rexistro 2023-E-RE-807) con data do 11.4.2023.

Visto o informe do arquitecto municipal do 27.3.2023 e o informe do técnico de administración urbanística do 30.3.2023.

Logo de ver o documento técnico denominado Plan xeral de ordenación municipal de Verín, redactado por Otima, S.L., e presentado neste concello con data do 6.2.2023 e documento complementario presentado con data do 11.4.2023, e de acordo co disposto no artigo 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co artigo 22.2.c) e 47.2.ll) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, propoño que a Comisión Informativa de Urbanismo e Patrimonio ditamine favorablemente a adopción por parte do Pleno do seguinte acordo:

Primeiro. De acordo co disposto no artigo 60.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación co artigo 22.2.c) e 47.2.ll) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, aprobar inicialmente a proposta do novo Plan xeral de ordenación municipal de Verín segundo o documento técnico redactado por Otima, S.L., e presentado neste concello con data do 6.2.2023 (número de rexistro 2023-E-RC-787) e documento complementario presentado con data do 11.4.2023 (número de rexistro 2023-E-RE-807), e que se tramita no expediente administrativo 1731/2021.

Segundo. Someter o Plan xeral de ordenación municipal de Verín inicialmente aprobado a información pública polo prazo de 2 meses mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia.

Terceiro. Dar cumprimento ao resto de trámites administrativos legalmente previstos para que o novo Plan xeral de ordenación municipal acade a aprobación definitiva.

Cuarto. Declarar a suspensión polo prazo máximo de dous anos do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación, edificación e demolición nos ámbitos do territorio en que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente, nos termos previstos na lexislación vixente e de acordo co reflectido no resume executivo incorporado ao plan xeral inicialmente aprobado. Esta suspensión levantarase, en todo caso, unha vez aprobado definitivamente o dito instrumento.

En particular, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenza afectará as seguintes zonas:

En todas as zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres (de entre as establecidas no planeamento vixente ou no PXOM), en calquera clase de solo. Non se entenderán suspendidos os procedementos de calquera clase (obras, proxectos, plans ou as súas modificacións) en zonas con esta cualificación (vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres), sempre que tales procedementos teñan por obxecto a materialización de sistemas infraestruturais ou dotacionais deste tipo, aínda que no planeamento vixente ou en trámite estea cualificado de xeito diferente ao cal se pretende materializar (neste caso, deberase tramitar o procedemento que corresponda para validar ese cambio).

No solo urbano non consolidado delimitado como tal no planeamento vixente ou no PXOM suspenderanse por defecto, pero permitirase tramitar a súa ordenación detallada en paralelo á tramitación do PXOM para os ámbitos recollidos en ambos os documentos (sempre que as determinacións substantivas do PXOM non incorran en incompatibilidade coas establecidas no plan que tramite a ordenación detallada), e sempre que a tramitación se adapte aos requirimentos legais establecidos, segundo se detalla na letra h). No caso de que a ordenación detallada dos ámbitos do planeamento vixente se aprobase definitivamente antes da aprobación inicial do PXOM poderán continuar o seu desenvolvemento e execución sen verse afectados pola suspensión de licenzas do PXOM. No caso de ámbitos de planeamento que se promovan e tramiten as administracións (municipais ou supramunicipais) non se verán afectados pola presente suspensión de licenzas, sempre que se adapten aos requirimentos legais establecidos.

No solo urbano consolidado e nos núcleos rurais (do planeamento vixente ou do PXOM) suspenderanse só naquelas zonas en que non se poidan cumprir ambas as ordenacións ou normativas simultaneamente (planeamento vixente e PXOM), e sobre todo naquelas zonas afectadas por vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres xa definidas na letra a). A respecto das tipoloxías edificatorias, dos usos pormenorizados e dos parámetros concretos de ordenación que establezan en cada zona ambos os documentos (cando estes poidan compatibilizarse nunha proposta de actuación concreta sen incorrer en incumprimentos normativos), os proxectos sometidos a licenza non poderán superar o valor máis baixo (de entre os dous documentos) no caso de alturas, fondos, volume, edificabilidade (entre outros parámetros de aproveitamento), e por outra banda, no caso doutros parámetros que se regulan en sentido inverso aos anteriormente citados (cesións, espazos libres, espazos comunitarios ou públicos, etc.) non poderán ser inferiores ao valor máis alto (de entre os establecidos nos documentos aplicables). Se hai variacións nas aliñacións admitirase a combinación delas que achegue unha maior cesión de espazo público.

En todos os ámbitos de solo urbanizable establecidos en calquera dos dous documentos (planeamento vixente e PXOM) permitirase seguir tramitando o planeamento de desenvolvemento xa iniciado ao abeiro do plan vixente, segundo se indica na letra h), sempre que o ámbito se clasifique como solo urbanizable en calquera dos dous documentos, e que a tramitación se adapte aos requirimentos legais establecidos.

En todos os novos elementos do catálogo ou naqueles existentes en que se establezan modificacións no PXOM a respecto das establecidas no Catálogo orixinal do PXOM 2012 (actualmente vixente, coas limitadas modificacións introducidas no IOP), consideraranse tamén suspendidas as licenzas unicamente naqueles parámetros que se poidan ver afectados pola citadas modificacións, pero poderase permitir a actuación se se adoptan os parámetros de maior protección das regulacións aplicables.

No solo rústico, no caso das licenzas en que se require da autorización previa da CMATV (entre outras administracións que deban autorizar en cada caso), e estimando que esas propias administracións van regular axeitadamente as autorizacións que se poidan conceder transitoriamente mentres non se aproba definitivamente o PXOM, só se suspenderán as licenzas no caso xeral da letra a) anterior (zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres, aplicando, se é o caso, as execepcións establecidas nese punto), e para efectuar ese control, os servizos técnicos municipais comprobarán antes de solicitar a autorización previa da CMATV que a solicitude de licenza non se atopa afectada por esta circunstancia.

No solo rústico, no caso das licenzas en que non se require da autorización previa da CMATV e, por tanto, as poida conceder directamente o Concello, as licenzas suspenderanse só naquelas zonas en que non se poidan cumprir ambas as ordenacións ou normativas simultaneamente (planeamento vixente e PXOM), e sobre todo naquelas zonas afectadas por vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres (aplicando, se é o caso, as excepcións establecidas na letra a) anterior). A respecto dos parámetros concretos de ordenación que establezan ambos os documentos en cada zona, aplicaranse, se é o caso, os máis restritivos, segundo se ten definido na letra c) anterior.

A respecto da tramitación de figuras de planeamento non reguladas nas letras b) e d) anteriores, nos ámbitos de planeamento remitidos a eles (ou para aquelas figuras sobrevidas que se atopen en tramitación, e que non dependen do planeamento xeral, como os PEID e outras similares), poderase continuar a tramitación dos xa iniciados (no momento de entrada en vigor da presente suspensión de licenzas), sempre e cando o PXOM non estableza modificacións neses ámbitos (neste caso, o planeamento de desenvolvemento en tramite deberá introducir esas modificacións), e poderase mesmo iniciar a tramitación de novos ámbitos, sempre que a delimitación e as determinacións sexan sensiblemente similares entre os plans aplicables (planeamento vixente e PXOM, ou que se adapten as máis restritivas). No caso de figuras de planeamento que tramiten o Concello ou administracións supramunicipais, non se verán afectados pola presente suspensión de licenzas, sempre que se adapten aos requirimentos legais establecidos.

Os actos xenéricos para os que se suspende o outorgamento de licenzas (cando non se especifican exactamente) son os de parcelamento de terreos, edificación e demolición.

Nos casos dos grupos c) ou g) anteriores en que se poida acadar unha solicitude cun acordo volumétrico intermedio entre os plans de aplicación coordenada (planeamento vixente e PXOM), serán os servizos técnicos municipais os que determinen a congruencia das solicitudes e a súa integración na ordenación urbanística final, sen superar o valor máis desfavorable para cada parámetro volumétrico de entre os que os citados plans outorguen, e prevalecendo sempre a ordenación máis restritiva (menor altura, fondos ou volume e maiores cesións, espazos públicos, etc.) ou a maior protección das establecidas nos documentos aplicables.

Esta suspensión non afectará (artigo 86.3 do RLSG):

a) As obras de mantemento, conservación e reforma, salvo no caso de obras de rehabilitación integral que sexan equiparables á reconstrución total do edificio non xustificadas en razóns de urxencia ou que supoñan un aumento do volume edificado.

b) Ás licenzas de primeira ocupación.

c) Aos proxectos que cumpran simultaneamente o instrumento de planeamento en vigor (Instrumento de Ordenación Provisional aprobado con data do 18.2.2021 e Normas subsidiarias de planeamento do 28.5.1986, segundo o seu ámbito de aplicación) e o novo Plan xeral de ordenación municipal obxecto de aprobación inicial.

d) Aos actos suxeitos ao trámite de comunicación previa, sempre e cando se trate de obras ou actos para a implantación de usos ou actividades autorizados polo novo planeamento.

e) A autorización de proxectos técnicos de obra maior cando conste a concesión da previa licenza municipal de obras con base nun proxecto técnico de carácter básico.

f) Mentres dure a suspensión de licenzas poderán autorizarse usos e obras provisionais nos termos do artigo 89 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e o artigo 204 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro.

E para que conste, para os efectos oportunos no expediente da súa razón, de orde e co visto e prace do alcalde, coa excepción prevista no artigo 206 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais aprobado por Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, expido a presente certificación».

Por conseguinte, durante o prazo de dous meses, que comezará a contar desde a data de publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, o expediente administrativo quedará á disposición de calquera que queira examinalo no Servizo de Urbanismo do Concello de Verín, así como no taboleiro de anuncios da sede electrónica deste concello (https://verin.sedelectronica.gal), ou ben na seguinte ligazón: https://www.verin.gal/pxom/pxom.html#C:/pxom para que se formulen as alegacións que se consideren oportunas.

Verín, 25 de maio de 2023

Gerardo Seoane Fidalgo
Alcalde