Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2023 Páx. 33404

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Tui

ANUNCIO de aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do Liceo Casino (E-159 A).

O Pleno da Corporación municipal, na súa sesión ordinaria realizada o 27 de abril de 2023 e no punto 5 da orde do día relativo a «Expediente 904/2022. Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo, Obras, Contratación e Servizos Municipais, do 21 de abril de 2023, favorable á proposta de Alcaldía, do 18 de abril de 2023, de aprobación inicial de modificación puntual do PXOM no ámbito do Liceo Casino (E-159 A)», adoptou o acordo que na súa parte dispositiva se transcribe literalmente:

«1º. Aprobar inicialmente a modificación puntual do PXOM no ámbito do Liceo Casino (E-159 A). Para estes efectos, sinalar que os documentos sometidos á aprobación inicial abranguerán todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos un resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico (artigo 60.6 da LSG). O detalle do documento que se aproba inicialmente é o seguinte:

Documento co número de rexistro de entrada no Concello de Tui 2022-E-RE-4390 do 15 de decembro de 2022.

2º. Someter os ditos documentos a información pública por período de 2 meses, con publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia, e nun xornal de maior difusión da provincia.

3º. Suspender o outorgamento de licenzas de obras e actividade e de parcelación no ámbito do Liceo Casino (E-159 A) durante o prazo de 2 anos, desde a adopción do acordo de aprobación inicial (para o suposto de que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente); en todo caso, esta suspensión extinguirase coa aprobación definitiva da modificación puntual en proxecto.

4º. Elevar esta documentación ao órgano competente en materia de urbanismo, o cal realizará as consultas previstas no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, dará audiencia aos municipios limítrofes e solicitará os informes sectoriais autonómicos preceptivos, que deberán ser emitidos no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderanse emitidos con carácter favorable (artigo 60.7 da LSG)».

O expediente pódese consultar no Departamento de Urbanismo do Concello de Tui, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), ou ben no Portal de Transparencia do Concello de Tui, no enderezo https://concellotui.sedelectronica.gal/transparency/7d2503d4-5ab4-4fd3-91d3-8460ae5c60b5/

Tui, 4 de maio de 2023

Enrique Cabaleiro González
Alcalde