Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 31 de maio de 2023 Páx. 33402

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Tui

ANUNCIO de aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal para a reforma urbanística da zona de San Bartolomé.

O Pleno da Corporación municipal, na súa sesión ordinaria realizada o 27 de abril de 2023 e no punto 6 da orde do día relativo a «Expediente 317/2023. Ditame da Comisión Informativa de Urbanismo, Obras, Contratación e Servizos Municipais, do 21 de abril de 2023, favorable á proposta de Alcaldía, do 14 de abril de 2023, de aprobación inicial da modificación puntual do PXOM para a reforma urbanística da zona de San Bartolomé», adoptou o acordo que na súa parte dispositiva se transcribe literalmente:

«1º. Aprobar inicialmente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tui para a reforma urbanística da zona de San Bartolomé. Para estes efectos, sinalar que os documentos sometidos a aprobación inicial abarcarán todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluídos un resumo executivo, o estudo ambiental estratéxico e un resumo non técnico do estudo ambiental estratéxico (artigo 60.6 da LSG). O detalle de documentos que se aproban inicialmente é o seguinte:

– Documentación con número de rexistro de entrada no Concello de Tui 2023-E-RE-353 do 3 de febreiro de 2023.

2º. Someter os ditos documentos a información pública por período de 2 meses, con publicación do acordo no Diario Oficial de Galicia, e nun dos xornais de maior difusión da provincia.

3º. Suspender o outorgamento de licenzas de obras e actividade e de parcelación no ámbito da zona de San Bartolomé durante o prazo de 2 anos, desde a adopción do acordo de aprobación inicial (para o suposto de que as novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente); en todo caso, esta suspensión extinguirase coa aprobación definitiva da modificación puntual en proxecto.

4º. Elevar esta documentación ao órgano competente en materia de urbanismo, o cal realizará as consultas previstas no documento de alcance do estudo ambiental estratéxico, dará audiencia aos municipios limítrofes e solicitará os informes sectoriais autonómicos preceptivos, que deberán ser emitidos no prazo de tres meses; transcorrido este, entenderanse emitidos con carácter favorable (artigo 60.7 da LSG)».

O expediente pódese consultar no Departamento de Urbanismo do Concello de Tui, en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas), ou ben no Portal de Transparencia do Concello de Tui, no enderezo https://concellotui.sedelectronica.gal/transparency/7d2503d4-5ab4-4fd3-91d3-8460ae5c60b5/.

Tui, 3 de maio de 2023

Enrique Cabaleiro González
Alcalde