Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32910

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Marcofán, sito nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense) e promovido por Marcofán Eólica, S.L. (expediente IN408A 2017/020).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Marcofán.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Marcofán, sito nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense) e promovido por Marcofán Eólica, S.L., para unha potencia de 36,4 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Marcofán Eólica, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 181.700,07 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

A promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da declaración de impacto ambiental. Así mesmo, deberá presentar a configuración dos accesos e vieiros do parque, concretando o itinerario do proxecto e indicando claramente a lonxitude destes, diferenciando entre vieiros novos e para acondicionar. Respecto das gabias, deberase indicar tamén a súa lonxitude e percorrido, de acordo co punto 4.1.5 da DIA.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderase producir a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

Primeiro. O 26.10.2017, Adelanta Corporación, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Marcofán.

Segundo. O 26.1.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude, de acordo co artigo 30 e 31 da Lei 8/2009. O 26.3.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 28.3.2018, Adelanta Corporación, S.A. solicitou unha modificación substancial do parque eólico Marcofán, baseando a súa solicitude na falta de capacidade no nó da rede de transporte de Albarellos para a potencia inicialmente admitida a trámite, o que obriga a reducir a potencia instalada dos 37,95 MW ata os 25,2 MW.

Cuarto. O 28.12.2018, Marcofán Eólica, S.L. solicitou a transmisión do expediente do parque eólico Marcofán a favor desta sociedade, achegando a documentación acreditativa da capacidade legal, técnica e económica.

Por Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente administrativo do parque eólico Marcofán a prol de Marcofán Eólica, S.L.

Quinto. O 16.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas admitiu a trámite a modificación substancial solicitada o 28.3.2018.

Sexto. O 15.10.2020, Marcofán Eólica, S.L. solicitou unha modificación substancial do parque eólico Marcofán (IN408A 2017/20), na cal propón a unificación dos proxectos dos parques eólicos Marcofán (25,2 MW) e Pena da Lebre (14 MW), de maneira que o parque eólico resultante mantivese a denominación e o expediente IN408A 2017/20, agrupando a potencia conxunta de ambos os proxectos (39,2 MW) e mantendo as posicións dos 7 aeroxeradores do parque eólico Marcofán e dos 4 aeroxeradores do parque eólico Pena da Lebre.

Sétimo. Por Resolución do 19.2.2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a admisión a trámite da solicitude de modificación substancial do parque eólico Marcofán (25,2 MW) presentada por Marcofán Eólica, S.L. o 15.10.2020, incorporando as infraestruturas previstas no proxecto do Pena da Lebre (14 MW), pasando a denominarse o proxecto conxunto como parque eólico Marcofán (IN408A 2017/20) de 39,2 MW de potencia e procedendo ao arquivamento do expediente do parque eólico Pena da Lebre (IN408A 2019/27).

Oitavo. O 14.4.2021, Marcofán Eólica, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, consistente,con carácter xeral, na redución de 11 a 7 aeroxeradores e no cambio do modelo de aeroxerador proxectado.

Noveno. O 13.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial, de acordo co artigo 30 e 31 da Lei 8/2009.

Décimo. O 21.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo primeiro. O 12.1.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Marcofán á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense (en diante, a Xefatura Territorial) para continuar coa tramitación do expediente.

Décimo segundo. Mediante o Acordo do 20 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Marcofán, situado nos concellos do Irixo, Boborás e Beariz, provincia de Ourense.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27 de xaneiro de 2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Beariz, Boborás e O Irixo), e nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web desta consellería.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Aguas do Paraño, S.L., Red Eléctrica de España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Cellnex Telecom, S.A., Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Retegal, S.A., Dirección Xeral de Defensa do Monte.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 25.2.2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 23.2.2022 e o 5.4.2023, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia o 30.3.2022, Cellnex Telecom, S.A. 10.3.2022, Retegal, S.A. o 10.2.2022.

O 22.2.2022, Aguas do Paraño, S.L. respondeu mostrando a súa oposición á construción dos aeroxeradores 1 e 2 da subestación colectora Paraño 400/132/30 kV, a gabia de distribución da rede de media tensión 30kV e os tramos dos vieiros de acceso, xa que todo iso preténdese instalar sobre os terreos que ocupa o dereito mineiro protexido que foi concedido á empresa Augas do Paraño, S.L.

O 4.4.2022, Aguas do Paraño, S.L., en contestación á documentación presentada por Marcofán Eólica, S.L. o 17.3.2023, reitérase na súa oposición.

O 21.6.2022, Aguas do Paraño, S.L. presenta un novo escrito de oposición e achega un informe sobre os riscos da construción do parque eólico na zona de protección do recurso mineiro Aguas do Paraño.

O 29.12.2022, Aguas do Paraño, S.L. presenta un escrito en que se reiteran sobre o potencial prexuízo que comporta o proxecto e achega informe sobre a avaliación de riscos hidroxeolóxicos asociados a diferentes estruturas relativas a parques eólicos proxectados dentro do perímetro de protección do aproveitamento vixente de auga mineral natural Augas do Paraño.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados no prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. O 31.1.2022, a Sección de Minas da Xefatura Territorial de Ourense emitiu informe sobre as afeccións á minaría do parque eólico Marcofán, indicando que os terreos sobre os cales está proxectado o parque eólico están afectados pola autorización de aproveitamento de augas minerais industriais e de manancial Paraño nº 87.1.

Décimo quinto. O 29.6.2022, a promotora presentou a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Marcofán.

Décimo sexto. O 21.7.2022, a Xefatura Territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo sétimo. O 1.8.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo oitavo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que foi sometido o proxecto, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta ao informe emitido polo Instituto de Estudos do Territorio, o 14.3.2022 a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, na substitución do modelo inicial de aeroxerador para as máquinas 1 e 2 por un modelo de menor altura e diámetro de rotor.

Cumprida a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 28 de novembro de 2022 (DOG nº 236, do 14 de decembro).

Décimo noveno. O 5.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Vixésimo. O 27.1.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.

Entre a documentación achegada, a promotora inclúe un documento ambiental en que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de impacto ambiental. Estas modificacións están motivadas polos condicionados emitidos por AESA e pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, este último en relación co expediente de instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe leste (IN408A 2020/175).

A modificación consiste, en esencia, na substitución do modelo de aeroxerador polo modelo SG 145 5,2 MW con altura de buxa 91 m para os aeroxeradores 1,2, 6 e 7, e altura de buxa 102,5m para os aeroxeradores 3,4, e 5, xunto coa modificación do trazado da gabia próxima á subestación Paraño e da localización do centro de seccionamento e medida do parque eólico.

Vixésimo primeiro. O 3.3.2023 esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulle a nova separata do proxecto de execución refundido ao Concello de Beariz. Non se recibiu contestación, polo que sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Vixésimo segundo. O 9.3.2023, a Xefatura Territorial de Ourense, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009 do 22 de decembro, emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Vixésimo terceiro. De acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, o 3.3.2023 solicitouse informe ao órgano ambiental co obxecto de que valore a modificación presentada.

O 18.4.2023, esta dirección xeral solicitou informes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, os cales foron emitidos o 20.4.2023 e o 21.4.2023, respectivamente, e remitidos ao órgano ambiental.

O 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en vista das modificacións recollidas na documentación refundida achegada pola promotora e os informes recibidos, informou que non procedía iniciar un novo trámite de avaliación ambiental.

Vixésimo cuarto. O 3.3.2023 Marcofán Eólica, S.L. achegou o documento do estudo previo de compatibilidade entre dereitos mineiros e o parque eólico Marcofán, concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense).

O 9.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos dereitos mineiros afectados, de acordo co informe da Xefatura Territorial do 31.1.2022, e concedeulles un prazo de quince días para presentar as alegacións que considerasen oportunas.

O 31.3.2023, Sequoia Venture Capital, S.L. (anteriormente Salamanca Ingenieros, S.L.), presentou un escrito de alegacións, o cal foi contestado o 12.4.2023 pola promotora. Así mesmo, o 14.4.2023 Aguas do Paraño, S.L. presentou un escrito de alegacións, o cal foi contestado o 21.4.2023 pola promotora.

Recibida a documentación correspondente ao trámite de audiencia descrito, a Xefatura Territorial emitiu o 21.4.2023 o informe previsto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, sobre a compatibilidade do parque eólico Marcofán cos dereitos mineiros afectados, en que se informa a compatibilidade co perímetro de protección da autorización de aproveitamento de augas Paraño nº 87.1 condicionada á variación da traza da gabia a zona de restricións mínimas.

Vixésimo quinto. O 21.4.2023, a promotora achega unha addenda de valoración ambiental para modificar o trazado da gabia que discorre pola zona de restricións medias (ZME) do aproveitamento de augas Paraño.

O 21.4.2023, esta dirección xeral solicitoulles informes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con respecto da dita addenda, os cales foron emitidos o 23.4.2023 e o 24.4.2023, respectivamente, e remitidos ao órgano ambiental.

O 24.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en vista das modificacións recollidas na documentación refundida achegada pola promotora, informou que non procedía iniciar un novo trámite de avaliación ambiental e considera que non existen obxeccións á modificación pretendida pola promotora sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada.

Vixésimo sexto. O 24.4.2023, Marcofán Eólica, S.L. presentou o documento do proxecto técnico do parque eólico Marcofán, abril 2023, redactado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado núm. 1.185 do ICOIIG, e asinado o 24.4.2023, xunto coa declaración responsable do técnico competente proxectista e coa declaración responsable de que as modificacións incorporadas non afectan ao sentido dos condicionados emitidos polos organismos consultados.

Vixésimo sétimo. O 24.4.2023, a Xefatura Territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 39,2 MW, segundo o informe do xestor da rede do 1.3.2022.

Vixésimo noveno. Así mesmo, o 22.3.2023 a promotora achegou o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais