Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 30 de maio de 2023 Páx. 32889

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Marcofán, sito nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense) e promovido por Marcofán Eólica, S.L. (expediente IN408A 2017/020).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Adelanta Corporación, S.A., na actualidade Marcofán Eólica, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, do parque eólico Marcofán, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 26.10.2017, Adelanta Corporación, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Marcofán.

Segundo. O 26.1.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude, de acordo co artigo 30 e 31 da Lei 8/2009. O 26.3.2018, a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 28.3.2018, Adelanta Corporación, S.A. solicitou unha modificación substancial do parque eólico Marcofán, baseando a súa solicitude na falta de capacidade no nó da rede de transporte de Albarellos para a potencia inicialmente admitida a trámite, o que obriga a reducir a potencia instalada dos 37,95 MW ata os 25,2 MW.

Cuarto. O 28.12.2018, Marcofán Eólica, S.L. solicitou a transmisión do expediente do parque eólico Marcofán a favor desta sociedade, achegando a documentación acreditativa das capacidades legal, técnica e económica.

Por Resolución do 24 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente administrativo do parque eólico Marcofán a prol de Marcofán Eólica, S.L.

Quinto O 16.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas admitiu a trámite a modificación substancial solicitada o 28.3.2018.

Sexto. O 15.10.2020, Marcofán Eólica, S.L. solicitou unha modificación substancial do parque eólico Marcofán (IN408A 2017/20), na cal propón a unificación dos proxectos dos parques eólicos Marcofán (25,2 MW) e Pena da Lebre (14 MW), de maneira que o parque eólico resultante mantivese a denominación e o expediente IN408A 2017/20, agrupando a potencia conxunta de ambos os proxectos (39,2 MW) e mantendo as posicións dos 7 aeroxeradores do parque eólico Marcofán e dos 4 aeroxeradores do parque eólico Pena da Lebre.

Sétimo. Por Resolución do 19.2.2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a admisión a trámite da solicitude de modificación substancial do parque eólico Marcofán (25,2 MW) presentada por Marcofán Eólica, S.L. o 15.10.2020, incorporando as infraestruturas previstas no proxecto do Pena da Lebre (14 MW), pasando a denominarse o proxecto conxunto como parque eólico Marcofán (IN408A 2017/20) de 39,2 MW de potencia e procedendo ao arquivamento do expediente do parque eólico Pena da Lebre (IN408A 2019/27).

Oitavo. O 14.4.2021, Marcofán Eólica S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, consistente, con carácter xeral, na redución de 11 a 7 aeroxeradores e no cambio do modelo de aeroxerador proxectado.

Noveno. O 13.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificacións substancial, de acordo co artigo 30 e 31 da Lei 8/2009.

Décimo. O 21.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo primeiro. O 12.1.2022, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Marcofán á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense (en diante, a Xefatura Territorial) para continuar coa tramitación do expediente.

Décimo segundo. Mediante o Acordo do 20 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Marcofán, situado nos concellos do Irixo, Boborás e Beariz, provincia de Ourense .

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27 de xaneiro de 2022. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Beariz, Boborás e O Irixo), e nas dependencias da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Ourense, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Asemade, a dita resolución e a documentación obxecto de información pública estiveron dispoñibles na páxina web desta consellería.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Décimo terceiro. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Aguas do Paraño, S.L., Red Eléctrica de España, S.A., UFD Distribución Electricidad, S.A., Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Cellnex Telecom, S.A., Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Retegal, S.A., Dirección Xeral de Defensa do Monte.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o 25.2.2022, UFD Distribución Electricidad, S.A. o 23.2.2022 e o 5.4.2023, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia o 30.3.2022, Cellnex Telecom, S.A. 10.3.2022, Retegal, S.A. o 10.2.2022.

O 22.2.2022, Aguas do Paraño, S.L. respondeu mostrando a súa oposición á construción dos aeroxeradores 1 e 2, da subestación colectora Paraño 400/132/30kV, a gabia de distribución da rede de media tensión 30 kV e os tramos dos vieiros de acceso, xa que todo iso preténdese instalar sobre os terreos que ocupa o dereito mineiro protexido que foi concedido á empresa Augas do Paraño, S.L.

O 4.4.2022, Aguas do Paraño, S.L., en contestación á documentación presentada por Marcofán Eólica, S.L. o 17.3.2023, reitérase na súa oposición.

O 21.6.2022, Aguas do Paraño, S.L. presenta un novo escrito de oposición e xunto achega un informe sobre os riscos da construción do parque eólico na zona de protección do recurso mineiro Aguas do Paraño.

O 29.12.2022, Aguas do Paraño, S.L. presenta un escrito en que se reiteran sobre o potencial prexuízo que comporta o proxecto, e achega un informe sobre a avaliación de riscos hidroxeolóxicos asociados a diferentes estruturas relativas a parques eólicos proxectados dentro do perímetro de protección do aproveitamento vixente de auga mineral natural Augas do Paraño.

A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33.14 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será dun mes desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados no prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo cuarto. O 31.1.2022, a Sección de Minas da xefatura territorial de Ourense emitiu informe sobre as afeccións á minaría do parque eólico Marcofán, indicando que os terreos sobre os cales está proxectado o parque eólico están afectados pola autorización de aproveitamento de augas minerais industriais e de manancial Paraño nº 87.1.

Décimo quinto. O 29.6.2022, a promotora presentou a solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico Marcofán.

Décimo sexto. O 21.7.2022, a xefatura territorial emitiu informe de referencia do artigo 33.16 da Lei 8/2009 relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Décimo sétimo. O 1.8.2022, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo oitavo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que foi sometido o proxecto, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Concello de Beariz, Concello de Boborás, Concello do Irixo, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Como consecuencia da tramitación ambiental, en concreto para dar resposta ao informe emitido polo Instituto de Estudos do Territorio, o 14.3.2022 a promotora propuxo modificacións do proxecto, consistentes, con carácter xeral, na substitución do modelo inicial de aeroxerador para as máquinas 1 e 2, por un modelo de menor altura e diámetro de rotor.

Cumprida a tramitación ambiental, o 25.11.2022, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que a fixo pública mediante o Anuncio do 28 de novembro de 2022 (DOG nº 236, do 14 de decembro).

Décimo noveno. O 5.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Vixésimo. O 27.1.2023, a promotora presentou a documentación técnica refundida mencionada no anterior antecedente de feito, incluíndo as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto.

Entre a documentación achegada, a promotora inclúe un documento ambiental en que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de Impacto Ambiental. Estas modificacións están motivadas polos condicionados emitidos por AESA e pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, este último en relación ao expediente de instalacións de conexión Beariz 400 kV eixe leste (IN408A 2020/175).

A modificación consiste, en esencia, na substitución do modelo de aeroxerador polo modelo SG 145 5,2 MW con altura de buxa 91 m para os aeroxeradores 1, 2, 6 e 7, e altura de buxa 102,5 m para os aeroxeradores 3,4, e 5, xunto coa modificación do trazado da gabia próxima á subestación Paraño e da localización do centro de seccionamento e medida do parque eólico.

Vixésimo primeiro. O 3.3.2023 esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulle a nova separata do proxecto de execución refundido ao Concello de Beariz. Non se recibiu contestación, polo que sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Vixésimo segundo. O 9.3.2023, a Xefatura Territorial de Ourense, para os efectos do disposto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, emitiu un informe sobre o proxecto refundido do parque eólico.

Vixésimo terceiro. De acordo co artigo 52 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, o 3.3.2023 solicitouse informe ao órgano ambiental co obxecto de que valore a modificación presentada.

O 18.4.2023, esta dirección xeral solicitou informes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, os cales foron emitidos o 20.4.2023 e o 21.4.2023, respectivamente, e remitidos ao órgano ambiental.

O 21.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en vista das modificacións recollidas na documentación refundida achegada pola promotora e os informes recibidos, informou que non procedía iniciar un novo trámite de avaliación ambiental.

Vixésimo cuarto. O 3.3.2023, Marcofán Eólica, S.L. achegou o documento do estudo previo de compatibilidade entre dereitos mineiros e o parque eólico Marcofán, concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense).

O 9.3.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais efectuou o trámite de audiencia previsto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, cos titulares dos dereitos mineiros afectados, de acordo co informe da xefatura territorial do 31.1.2022, e concedeulles un prazo de quince días para presentar as alegacións que considerasen oportunas.

O 31.3.2023, Sequoia Venture Capital, S.L. (anteriormente Salamanca Ingenieros, S.L.), presentou un escrito de alegacións, o cal foi contestado o 12.4.2023 pola promotora. Así mesmo, o 14.4.2023 Aguas do Paraño, S.L. presentou un escrito de alegacións, o cal foi contestado o 21.4.2023 pola promotora.

Recibida a documentación correspondente ao trámite de audiencia descrito, a xefatura territorial emitiu o 21.4.2023 o informe previsto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, sobre a compatibilidade do parque eólico Marcofán cos dereitos mineiros afectados, en que se informa a compatibilidade co perímetro de protección da autorización de aproveitamento de augas Paraño nº 87.1 condicionada á variación da traza da gabia a zona de restricións mínimas.

Vixésimo quinto. O 21.4.2023, a promotora achega unha addenda de valoración ambiental para modificar o trazado da gabia que discorre pola zona de restricións medias (ZME) do aproveitamento de augas Paraño.

O 21.4.2023, esta dirección xeral solicitoulles informes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con respecto da dita addenda, os cales foron emitidos o 23.4.2023 e o 24.4.2023, respectivamente, e remitidos ao órgano ambiental.

O 24.4.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en vista das modificacións recollidas na documentación refundida achegada pola promotora, informou que non procedía iniciar un novo trámite de avaliación ambiental e considera que non existen obxeccións á modificación pretendida pola promotora sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada.

Vixésimo sexto. O 24.4.2023, Marcofán Eólica, S.L. presentou o documento Proyecto técnico parque eólico Marcofán, abril 2023, redactado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado núm. 1.185 do ICOIIG, e asinado o 24.4.2023, xunto coa declaración responsable do técnico competente proxectista e coa declaración responsable de que as modificacións incorporadas non afectan ao sentido dos condicionados emitidos polos organismos consultados.

Vixésimo sétimo. O 24.4.2023, a xefatura territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo oitavo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 39,2 MW, segundo o informe do xestor da rede do 1.3.2022.

Vixésimo noveno. Así mesmo, o 22.3.2023 a promotora achegou o acordo, vinculante para as partes, en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación, de acordo co establecido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 9.3.2023 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación no cal se recolle a resposta a estas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

• «En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento…), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

• En relación coas parcelas para incluír na relación de bens e dereitos afectados, o artigo 44 da Lei 8/2009, especifica que a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública incluirá a relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación.

• No que respecta ás alegacións de carácter ambiental hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático que foi feita pública no Anuncio do 28 de novembro de 2022 (DOG núm. 236, do 14 de decembro), e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

• Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior e de Saúde Pública, de Planificación e Ordenación Forestal, do Instituto de Estudos do Territorio, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Axencia de Turismo de Galicia.

• No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe ao que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo como se recolle no expediente.

• A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, «as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fracionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental cunha zona de estudo nun radio de 5 km dos parques eólicos e liñas eléctricas situadas na súa contorna, entre eles os parques eólicos As Vides, Campos Vellos, Estivada, Suído II, Ameixeiras-Testeiros, Paraño Leste e Valdepereira e a súas liñas de evacuación.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «… unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición final segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións con el, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evasión de maiores exixencias ambientais».

• Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

• No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes informou o 1 de marzo de 2022: «con base no anterior, e considerando que se trata dun uso permitido en solo rústico e sempre que se cumpra o condicionado anterior e a normativa citada, infórmase favorablemente a realización da actuación descrita».

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte informou o 10 de outubro de 2022: «con base no anterior e tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas informo favorablemente o estudo de impacto ambiental do parque eólico Marcofán».

• Asemade, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora eólica e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

• Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, cómpre expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

• Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ao Acordo do 21 de xaneiro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Marcofán, situado nos concellos do Irixo, Boborás e Beariz da provincia de Ourense (expediente IN408A 2017/020).

Así mesmo, a dita resolución e a documentación obxecto da información pública estiveron á disposición de todas aquelas persoas interesadas nos concellos de Beariz, Boborás e O Irixo e na Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Ourense.

Así mesmo, realizouse a notificación individual da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares que figuraban na relación de bens e dereitos afectados.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

• No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente, en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 15 de decembro.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002 polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas débense someter a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos».

No caso das alegación ambientais presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

No caso dos escritos de oposición á declaración de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser o caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Marcofán, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 25.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Marcofán, considerando que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Marcofán.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Marcofán, sito no concellos de Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense) e promovido por Marcofán Eólica, S.L., para unha potencia de 36,4 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Marcofán, composto polo documento do proxecto técnico do parque eólico Marcofán, abril 2023, redactado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado núm. 1.185 do ICOIIG e asinado o 24.4.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Marcofán Eólica, S.L.

Domicilio social: parque San Lázaro, nº 7, 1º, 32003 Ourense.

Denominación: parque eólico Marcofán.

Potencia instalada: 36,4 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 36,4 MW.

Produción neta: 100,021 MWh/ano.

Concellos afectados: Beariz, Boborás e O Irixo (Ourense).

Orzamento de execución material (sen IVE): 23.410.785 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

562.810,00

4.706.770,00

2

563.560,00

4.706.770,00

3

563.560,00

4.704.770,00

4

562.210,00

4.704.020,00

5

562.210,00

4.701.820,00

6

561.260,00

4.701.820,00

7

560.510,00

4.704.520,00

8

561.160,00

4.705.920,00

9

562.110,00

4.705.920,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aerogenerador

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

562.869,00

4.706.578,00

2

563.025,00

4.706.253,00

3

561.333,00

4.703.651,00

4

561.402,00

4.703.298,00

5

561.466,00

4.702.943,00

6

561.481,00

4.702.584,00

7

561.564,00

4.702.233,00

Coordenadas do centro de seccionamento e medida:

CSM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

Centro xeométrico

561.864,20

4.704.379,40

Envolvente A

561.859,92

4.704.382,42

Envolvente B

561.863,28

4.704.384,55

Envolvente C

561.868,47

4.704.376,38

Envolvente D

561.865,12

4.704.374,25

Coordenadas da arqueta receptora subestación colectora:

Arqueta conexión

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

561.875,30

4.704.360,91

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

• 7 aeroxeradores modelo Siemens Gamesa SG145 de 5,2 MW de potencia nominal unitaria, cunha altura de buxa de 91 m (aeroxeradores núm. 1, 2, 6 e 7) e 102,5 m (aeroxeradores núm. 3, 4 e 5) de diámetro de rotor, cos seus correspondentes centros de transformación, situados na propia nacela dos aeroxeradores, con potencia unitaria de 5.500 kVAs e relación de transformación 0,69/30 kV e os correspondentes equipos de manobra, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

• Rede eléctrica soterrada, a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de seccionamento de medida proxectado (CSM) e desde o centro de seccionamento de medida proxectado (CSM), composta por tres circuítos con condutores tipo RHZ1 18/30kV Al, de sección variable segundo o tramo; o circuíto 1 para a interconexión dos aeroxeradores AG01 e AG02 co CSM, o circuíto 2 para a interconexión dos aeroxeradores AG03, AG04 e AG05 co CSM e o circuíto 3 para a interconexión dos aeroxeradores AG06 e AG07 co CSM.

• Centro de seccionamento e medida (CSM) do parque eólico, en edificio prefabricado, con celas de media tensión 30 kV para medida, seccionamento e protección de liñas de entrada/saída de circuítos, cela de medida con transformador de tensión e intensidade, cela de servizos auxiliares, transformador de SSAA de 50 kVA e relación de transformación 30/0,42 kV. Equipos e sistemas de control, mando, sistema rectificador-cargador, comunicacións e sistema de posta a terra.

• Liña de evacuación LMTS a 30 kV composta por tres circuítos eléctricos soterrados, executados en gabia única e condutores RHZ1 18/30 kV, con orixe no centro de seccionamento e medida (CSM) proxectado e final na arqueta receptora na subestación colectora Paraño (obxecto doutro expediente).

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Marcofán Eólica, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 181.700,07 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, a promotora cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, a promotora deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

6. A promotora deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 25.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

A promotora deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil de acordo cos puntos 4.1.2 e 4.1.4 da declaración de impacto ambiental. Así mesmo, deberá presentar a configuración dos accesos e vieiros do parque, concretando o itinerario do proxecto e indicando claramente a lonxitude destes, diferenciando entre vieiros novos e para acondicionar. Respecto das gabias, deberá indicarse tamén a súa lonxitude e percorrido, de acordo co punto 4.1.5 da DIA.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Ourense da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade co artigo 34.2 a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderase producir a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer un recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais