Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32406

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Alto da Telleira, sito nos concellos de Covelo e A Cañiza (Pontevedra) e promovido por Alto da Telleira, S.L. (expediente IN661A/2011/3-4).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 21 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Alto da Telleira.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Alto da Telleira, sito nos concellos de Covelo e A Cañiza (Pontevedra) e promovido por Alto da Telleira, S.L., para unha potencia de 16,9 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Alto da Telleira, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 265.243 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade. En concreto, deberá cumprir o condicionado recollido no informe de Red Eléctrica de España, S.A. do 14.3.2023, sen prexuízo das condicións impostas polos demais organismos e empresas que informaron.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, o promotor deberá presentar ante esta dirección xeral a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para a configuración final do parque eólico, recollida no proxecto de execución obxecto desta resolución.

A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 19.1.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

En concreto, o promotor deberá obter, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, os informes requiridos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: punto 4 da declaración de impacto ambiental.

Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.

De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010, pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia, (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Vector Verde, S.A., cunha potencia de 48 MW.

O 21.6.2011, Alto da Telleira, S.L. (en diante, o promotor), como sociedade filial unipersoal de Vector Verde, S.A. e en virtude da redacción vixente naquela data do artigo 36.1.e da Lei 8/2009, do 22 de decembro, solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a declaración, en concreto, de utilidade pública para o parque eólico.

O 20.12.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 21 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 198, do 16 de outubro).

Mediante a Resolución do 15.2.2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizáronse as instalacións, aprobouse o proxecto de execución e declarouse a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Alto da Telleira (DOG nº 71, do 14.4.2016).

O 13.5.2021, Alto da Telleira, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o parque eólico, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

O 5.10.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos de capacidade, establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), da súa solicitude de modificación substancial.

O 26.5.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, en que indica o procedemento ambiental que se deberá seguir e os organismos que se van consultar durante a fase de información pública.

O 15.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

O 19.10.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Alto da Telleira á Xefatura Territorial de Pontevedra da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para a continuación da tramitación.

O 17.6.2021, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Alto da Telleira (expediente IN661A 2011/3-4), promovido por Alto da Telleira, S.L., e mediante a Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Alto da Telleira (expediente IN661A 2011/3-4), promovido por Alto da Telleira, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Mediante a Resolución do 9 de decembro de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, sometéronse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) das instalacións do parque eólico Alto da Telleira, situado nos concellos da Cañiza e Covelo, provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 17.12.2021. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Cañiza e Covelo) e permaneceu exposta na Xefatura Territorial de Pontevedra da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Por mor da sentenza número 18/2022, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, independentemente da súa firmeza, a entidade promotora Parque Eólico Alto da Telleira, S.L. solicitou, mediante escrito do 26.1.2022, o sometemento a información pública do estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e o proxecto sectorial para as instalacións do parque eólico Alto da Telleira, durante o prazo de 30 días.

En atención á dita solicitude, aínda que a referida sentenza non adquira firmeza e fora obxecto de impugnación e discusión na vía de casación pola Xunta de Galicia, sobre a base do principio de seguridade xurídica e por un criterio de precaución, a Xefatura Territorial ditou a Resolución do 8 de marzo de 2022, pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) das instalacións do parque eólico Alto da Telleira, situado nos concellos da Cañiza e Covelo, provincia de Pontevedra.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 5.4.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Cañiza e Covelo) e permaneceu exposta na Xefatura Territorial de Pontevedra da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Retegal, Retevisión I, S.A.U., Concello da Cañiza, Concello de Covelo, Delegación do Goberno en Galicia e Red Eléctrica de España, S.A.

A continuación cítanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal (8.2.2022 e 10.5.2022), Dirección Xeral de Defensa do Monte (1.7.2022), Retegal (19.12.2021), Retevisión I, S.A.U. (29.12.2021), Concello da Cañiza (1.12.2022), Concello de Covelo (10.1.2022), Delegación do Goberno en Galicia (31.1.2022 da Área de Fomento, 9.2.2022 da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas) e Red Eléctrica de España, S.A. (14.3.2022 e 28.4.2022).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

O 1.7.2022, a xefatura territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello da Cañiza, concello de Covelo, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Formalizada a tramitación ambiental, o 19.1.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 19 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Alto da Telleira, nos concellos da Cañiza e Covelo (Pontevedra) (DOG nº 15, do 23.1.2023).

O 27.1.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

O 24.2.2023, Alto da Telleira, S.L. presentou documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, xunto cunha declaración responsable de que as modificacións incorporadas no proxecto non afectan o sentido dos condicionados emitidos polos organismos e empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, polo que non é necesario solicitar novos condicionados.

O 9.3.2023 e o 14.3.2023, Alto da Telleira, S.L. presentou nova documentación técnica refundida, en emenda da presentada o 24.2.2023.

O 13.3.2023 e o 16.3.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación achegada por Alto da Telleira, S.L. á xefatura territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, para a emisión do informe sobre as instalacións industriais e eléctricas do proxecto técnico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

O 28.3.2023, a Xefatura Territorial de Pontevedra fixo un requirimento ao promotor sobre o contido do proxecto técnico administrativo, que foi contestado o 5.4.2023, xunto cun novo proxecto de execución refundido composto polos documentos Proxecto técnico subestación Alto da Telleira 220/30 kV, de febreiro de 2023, asinado por Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado número 482 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e visado co número V230083, do 23.2.2023, por ese mesmo colexio, e Proxecto de execución parque eólico Alto da Telleira, de marzo de 2023, asinado por José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado número 1.185 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visado co número 20231012, do 3.4.2023, por ese mesmo colexio.

O 12.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009.

O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 48 MW, segundo o informe do xestor da rede do 17.12.2021.

O 29.3.2023, Alto da Telleira, S.L. achegou o documento requirido polo artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, que acredita o acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais