Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 29 de maio de 2023 Páx. 32370

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 18 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Meirama, sito nos concellos de Carral, Cerceda e Ordes (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables S.L.U. (expediente IN408A/2018/027).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 18 de abril de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Meirama.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Meirama, sito nos concellos de Carral, Cerceda e Ordes (A Coruña) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 44,5 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 372.133 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental de data 2.11.2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de acordo ao punto 4.1.2 da DIA.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 2.11.2022, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Con data 21.6.2018, o promotor, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial para o parque eólico Meirama, sito no concello de Cerceda (A Coruña). Con data 25.10.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) e unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e revisada a solicitude de acordo cos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, comunicoulle ao promotor o prazo para o pagamento da taxa de autorización administrativa e continuar así coa tramitación.

Con data 20.12.2018, o promotor presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia o xustificante de aboamento da taxa indicada.

2. Con data 18.9.2019, esta dirección xeral solicitoulles os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

3. Con data 4.11.2019 tomouse razón na Dirección Xeral de Enerxía e Minas do cambio de denominación social de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., a favor de Naturgy Renovables, S.L.U.

4. Con data 28.12.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu informe de referencia do artigo 33.5 da Lei 8/2009, onde indica que non se cumpre a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do Psega das posicións 12, 13 e 14 respecto das delimitacións dos núcleos rurais de Morzós, Croeda e Burata-Enfesta, e onde se recollen os organismos que deberán emitir informe para a aprobación definitiva do proxecto sectorial.

5. Con data 17.1.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe de referencia do artigo 33.4 da Lei 8/2009, no cal indica o procedemento ambiental que se deberá seguir e os organismos que se deberán consultar durante a fase de información pública.

6. Con data 24.7.2020, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para a modificación substancial (consistente na ampliación da poligonal, na súa zona noroeste, no desprazamento da posición do aeroxerador 10 e na inclusión dunha nova zona temporal de aprovisionamentos) do proxecto denominado parque eólico Meirama (expediente IN408A/2018/027), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. Con data 30.11.2020, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao promotor a admisión a trámite da dita solicitude de modificación substancial.

7. Con data 7.1.2021, esta dirección xeral solicitoulles os informes recollidos nos artigos 33.4 e 33.5 (da versión anterior á última modificación da lei conforme a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia) ao órgano ambiental e ao órgano competente en materia do territorio.

8. Con data 1.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe en que indicaba os organismos que se deberían consultar durante a fase de información pública.

9. Con data 3.3.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.5 da Lei 8/2009, no cal se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

10. Con data 20.4.2021, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou a solicitude de declaración de utilidade pública para o proxecto denominado parque eólico Meirama (expediente IN408A/2018/027), ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

11. O 18.6.2021, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Meirama á Xefatura Territorial da Coruña para continuar a tramitación.

12. Mediante o Acordo do 15 de xullo de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do proxecto do parque eólico Meirama, nos concellos de Cerceda, Carral e Ordes (expediente IN408A 2018/27).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27.7.2021 e no xornal La Voz de Galicia coa antedita data. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Cerceda, Carral e Ordes), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Xefatura Territorial da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

13. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido na epígrafe 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o Servizo de Enerxía e Minas da anterior Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Xefatura Territorial da Coruña, remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa); Axencia Galega de Infraestruturas; Deputación Provincial da Coruña; Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa); Nedgia, S.A.; Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A.; Lignitos de Meirama, S.A. (Limeisa); Naturgy Generación, S.L.; Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama); Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF); Red Eléctrica de España, S.A. (REE); Retegal, S.A.; Retevisión I, S.A.U.; Concello da Pobra de Trives; Concello de Carral e Concello de Cerceda.

A seguir cítanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa): o 23.9.2021 e o 9.11.2021; Axencia Galega de Infraestruturas: o 13.8.2021, o 1.10.2021 e o 2.12.2021; Deputación Provincial da Coruña: o 14.10.2021 e 12.1.2022; Regasificadora del Noroeste, S.A. (Reganosa): o 18.8.2021, o 15.11.2021 e o 13.9.2022; Nedgia, S.A.: o 25.10.2021 e o 25.1.2022; Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A.: o 6.9.2021; Lignitos de Meirama, S.A. (Limeisa): o 27.7.2021; Naturgy Generación, S.L.: o 11.8.2021; Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama): o 2.12.2021; Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (ADIF): o 4.11.2021 e o 20.12.2021; Red Eléctrica de España, S.A. (REE): o 27.8.2021; Retegal, S.A.: o 18.8.2021, e Retevisión I, S.A.U.: o 18.8.2021.

Os concellos de Cerceda, de Ordes e de Carral emitiron informes, en datas 20.8.2021, 23.8.2021 e 2.9.2021, en que formulan cuestións ou reparos de carácter ambiental, de compatibilidade urbanística e doutra índole (distancias a núcleos de poboación, afeccións, recurso eólico, Plan eólico de Galicia ou rexeitamento social, entre outros). O promotor deu resposta a estas cuestións. Ao respecto destas, débese indicar o seguinte: existe informe da DXOTU sobre o cumprimento da distancia mínima aos núcleos de poboación, outras cuestións pertencen a procedementos que non son obxecto desta resolución (procedemento ambiental, resolto coa formulación da DIA e cuxo condicionado é de obrigado cumprimento para o promotor, e procedementos de aprobación do proxecto de interese autonómico, pendente de resolver) e para resto de cuestións hai que remitirse á contestación dada nos fundamentos de dereito ás alegacións de contido similar.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

14. O 7.9.2021, o Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Coruña informou que as infraestruturas do proxecto non afectan montes do Catálogo de montes de utilidade pública nin montes de xestión pública ou veciñais en man común.

15. Mediante a Resolución do 17 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Meirama (expediente IN408A/2018/027), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

16. Con data 16.3.2022, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública, e achegou o documento Proxecto de execución parque eólico Meirama. Marzo 2022, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares (colexiado nº 1.102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e visado no referido colexio co nº 20220615, do 14.3.2022.

17. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Galicia-Costa), Axencia Turismo de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Carral, Concello de Cerceda e Concello de Ordes.

Debido a certos condicionados xurdidos durante a tramitación da avaliación de impacto ambiental do expediente, derivados, entre outras cuestións, dos informes emitidos por Augas de Galicia e pola Dirección Xeral de Saúde Pública, así como outros informes sectoriais, o promotor propón a eliminación de tres posicións (ME-02, ME-08 e ME-10) dos trece aeroxeneradores que constituían o parque eólico que foi obxecto de información pública.

Formalizada a tramitación ambiental, o 2.11.2022 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 3 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (DOG núm. 220, do 18 de novembro de 2022).

18. Con data 7.11.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor o proxecto de execución e as separatas técnicas refundidas resultantes como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública e a tramitación do expediente.

19. Con data 17.11.2022, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou declaración responsable en que indica que o proxecto de execución refundido presentado con data 16.3.2022 e mencionado no antecedente de feito décimo sexto corresponde á documentación definitiva do parque eólico Meirama e sobre a cal non se realizaron modificacións.

20. Con data 2.12.2022, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou declaración responsable en que indica:

• «Que en data 16 de marzo de 2022, e con rexistro de entrada número 2022/691885 en sede electrónica da Xunta de Galicia, se fixo entrega do proxecto definitivo e do proxecto de interese autonómico do parque eólico Meirama.

• Que os informes sectoriais elaborados polos distintos organismos e empresas afectadas polo proxecto do parque eólico Meirama non producen cambios sobre a análise realizada no seu momento, por cada un deles, para o citado proxecto».

21. O 20.12.2022, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre dereitos mineiros en que indica que «de acordo cos datos que constan no día de hoxe no Catastro Mineiro de Galicia, resulta que no ámbito da poligonal do parque eólico Meirama non hai dereitos mineiros vixentes».

22. O 3.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe favorable sobre o proxecto en relación coa normativa de instalacións industriais e eléctricas.

23. O 16.3.2023, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) autorizou a instalación do parque eólico, e estableceu o correspondente condicionado.

24. Con data 31.3.2023, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou acordo vinculante para o uso compartido das instalacións de conexión de evacuación no nó Meirama 220 KV, de acordo co recollido no artigo 123.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, modificado polo Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

25. Con data 11.4.2022, Naturgy Renovables, S.L.U. presentou o documento Proxecto de execución. Parque eólico Meirama-marzo de 2022, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares (colexiado nº 1.102 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e con visado de proxecto de execución no referido colexio co número 20231089, do 10.4.2023, e unha declaración responsable en que indica «que entre o proxecto de execución entregado en data 16 de marzo de 2022, rexistro de entrada número 2022/691885, en sede electrónica da Xunta de Galicia e o que se acompaña nesta nova entrega en resposta a requirimento recibido o 3 de abril de 2023, recibido pola sede electrónica, rexistro de saída número S 582353 / RX 679232 o 4 de abril de 2023, non existen diferenzas no seu contido máis alá da data do visado colexial realizado de acordo coa competencia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia».

26. O 12.4.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación ratificouse no informe emitido o 3.3.2023 e mencionado no antecedente de feito vixésimo segundo.

27. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 49,5 MW, segundo os informes do xestor da rede do 15.10.2018 e do 21.7.2020.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2023

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais