Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 22 de maio de 2023 Páx. 30811

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 9 de maio de 2023 de cesamento dun membro do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIM-G).

A presidenta do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIM-G) enviou o día 2.5.2023 un escrito á Xerencia do Servizo Galego de Saúde no cal comunica a renuncia dunha persoa como membro do referido comité.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 17 de decembro de 2021, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 31.12.2021, concedeuse a renovación da acreditación do CEIM-G e nomeáronse como membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Entre as persoas citadas figuraba Juan Fernando Cueva Bañuelos, médico especialista en oncoloxía médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, quen renuncia agora por motivos persoais á súa condición de membro do comité.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité serán designadas e nomeadas pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres.

O punto 7 do artigo 5 dispón que o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación, de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do Comité e logo de audiencia do/da interesado/a.

Sobre a composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, o Comité axústase na súa composición aos citados topes numéricos.

2. O Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, dispón no artigo 5.7 que se adscribe á Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Comité Autonómico de Ética da Investigación de Galicia, ou o órgano que o substitúa.

Logo de ver o que se expuxo e de acordo coa proposta que efectuou a xerente do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVO:

O cesamento, por causa de renuncia, de Juan Fernando Cueva Bañuelos como membro do Comité de Ética da Investigación con Medicamentos de Galicia (CEIM-G).

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade