Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 2023 Páx. 30444

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2023 pola que se habilita o persoal da inspección de vivenda para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, prevé no punto segundo do seu artigo 43 a posibilidade de que a sinatura electrónica do persoal ao servizo das administracións públicas poida referirse, por razóns de seguridade pública, ao número de identificación profesional do/da empregado/a público/a.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, o punto cuarto do seu artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo de habilitación de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

O punto segundo do artigo 101 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, dispón que o persoal ao servizo da Administración pública encargado das funcións de inspección de vivenda, terá a condición de axente da autoridade.

A pseudonimización da sinatura do dito persoal constitúe unha medida necesaria e eficaz para a súa protección no exercicio das súas funcións, evitando eventuais inxerencias no seu ámbito persoal. En virtude do anterior e para efectos de garantir o desenvolvemento adecuado das súas funcións, resulta necesario habilitar o persoal deste organismo que desempeña funcións de inspección do uso dun certificado electrónico de pseudónimo.

De conformidade co anterior, facendo uso das facultades que me confire o punto segundo do artigo 12 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e o punto cuarto do artigo 73 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

Resolvo:

Primeiro. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto habilitar un determinado colectivo de empregados públicos dependentes do Instituto Galego da Vivenda e Solo do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A dita habilitación diríxese a determinados postos de traballo que implican a condición de autoridade e/ou o exercicio de funcións que requiren a dita protección da identidade por razóns de seguridade e para garantir a súa realización con obxectividade e imparcialidade.

Segundo. Ámbito de aplicación

Esta dirección xeral habilita para o uso do certificado dixital con pseudónimo ao persoal que desenvolve funcións inspectoras suxeitas ao disposto na Lei 8/2012, de 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e normativa de desenvolvemento.

Terceiro. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

1. A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexerase polo establecido na Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

O uso do certificado dixital de pseudónimo será empregado exclusivamente para asinar os informes, as actas ou os documentos análogos elaborados no exercicio das funcións de autoridade pública, inspección, vixilancia ou control levadas a cabo co fin de garantir o cumprimento da normativa reguladora en materia de vivenda e solo, así como no desempeño daqueloutras funcións en que resulte necesario preservar a identidade do persoal a que fai referencia o artigo 2, por concorreren circunstancias que aconsellen adoptar desta medida.

2. O persoal empregado público que dispoña de certificado dixital de pseudónimo terá a responsabilidade de custodialo e utilizalo de modo persoal e intransferible para o fin previsto na norma, conforme as instrucións e os medios facilitados, sen que en ningún caso o Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Xunta de Galicia respondan do uso fraudulento, indebido, incorrecto ou neglixente.

3. O mal uso ou o uso do certificado dixital de pseudónimo por persoa distinta ao seu titular dará lugar á responsabilidade disciplinaria, civil ou penal que corresponda.

4. O cesamento do persoal empregado público na prestación dos servizos para os cales foi emitido o certificado suporá a obrigación de cesar no uso del.

Cuarta. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo