Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 8 de maio de 2023 Páx. 28066

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 36/2023, do 20 de abril, polo que se aproba a revisión do Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro.

O Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece no seu artigo 6 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior.

O Decreto 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece que é a consellería competente en materia de emerxencias e interior, a través da dirección xeral con competencias na devandita materia, o órgano responsable da elaboración do plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 407/1992, do 24 de abril, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que lle corresponde ao Consello da Xunta, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, establece, no seu artigo 76, que os plans especiais que teñan un ámbito territorial de aplicación que non exceda a Comunidade Autónoma de Galicia serán aprobados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta do conselleiro competente en materia de protección civil, logo do informe da Comisión Galega de Protección Civil.

A Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema nacional de protección civil, establece no artigo 14 que os plans especiais de ámbito autonómico deberán ser sometidos a informe do Consello Nacional de Protección Civil.

Segundo o artigo 77 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, a aprobación dos plans por parte do Consello da Xunta de Galicia será publicada no Diario Oficial de Galicia.

O Decreto 156/2013, do 7 de xullo, actualizou e revisou os plans de emerxencia exterior de Forestal del Atlántico-Imegasa (Mugardos) e da planta de recepción, almacenamento, regasificación e expedición do gas natural licuado da empresa Regasificadora del Noroeste, S.A. (Mugardos), unificándoos nun documento denominado Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro.

Esta nova revisión do Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro foi sometida a un período de información pública de 20 días hábiles, mediante a Resolución do 30 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, en aplicación do disposto no punto 2 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Tamén foi remitida ao Concello de Mugardos, en cumprimento do artigo 33 da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, que indica no punto 2 que lle corresponde ao Consello da Xunta, tras informe da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais, logo de consulta ás entidades locais e entidades que regulamentariamente se establezan.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 19 de decembro de 2022, emitiu informe favorable sobre a revisión do plan.

A Comisión Permanente do Consello Nacional de Protección Civil emitiu informe favorable sobre o Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro, conforme o procedemento previsto no artigo 13 bis do seu Regulamento de organización e funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte de abril de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único

Un. Apróbase a revisión do Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro.

Dous. Este plan de emerxencia exterior estará á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de Emerxencias.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza, e Deportes para realizar as modificacións de carácter técnico que procedan no Plan de emerxencia exterior de Punta Promontoiro, como resultado do avance científico-técnico e da evolución do desenvolvemento industrial, e que a criterio da Comisión Galega de Protección Civil non supoñan a necesidade dunha nova tramitación do plan.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes